Se cadra non sexa exacto a esta altura chamar esquerda ao que non pasa de ser progresismo, xa que as propostas que realiza non mudan a tendencia da acumulación e centralización da riqueza e do poder, só relantizan o proceso perante un tempo. Exemplos moi claros témolos nas políticas desenvolvidas por Correa en Ecuador, Lula en Brasil, Kirchner en Arxentina, e outros governos progresistas na América Latina e noutras rexións do mundo. Sen dúbida aliviaron as condicións de vida dos sectores máis empobrecidos e deron pasos para rematar coa marxinación, amosando a súa eficacia nestes aspectos en relación cos governos da dereita anteriores e posteriores. 

Agora ben, pretender a partir desta realidade obxectiva, para adxudicar a responsabilidade de que estes governos progresistas perderan o poder polas críticas e falta de apoio dende a esquerda rupturista, e da pouca coherencia do povo, é unha mala escusa. Agocha os erros nos métodos de traballo e as eivas do proxecto da esquerda sistémica, especialmente da socialdemócrata. Un feito que fica demostrado polo carácter xeral da súa incapacidade para se consolidar nas institucións, neste período histórico, cun capitalismo na súa etapa senil, e nunha dura disputa inter-imperialista polos mercados. Neste momento a prioridade non está na procura do consenso social, a menos que a confrontación coloque en perigo o capitalismo, senón no conflito internacional, utilizando a man dura para disciplinar as contradicións interiores, especialmente as de clase e as nacionais.

Nos procesos electorais que gañou Macri e Bolsonaro, a esquerda radical non valorou axeitadamente o contexto, e non comprendeu a importancia de fortalecer o polo democrático, porén non se pode obviar que as forzas progresistas que governaban non fixeron as transformacións profundas que pedía o pobo. Tampouco compartiron dificultades e protagonismo coas clases populares, non cortaron pola raíz os casos de corrupción, e preocupadas pola “normalidade democrática” buscaron complicidades con sectores das clases dominantes. E mesmo iniciaron contrarreformas salariais e das pensións, asumindo o discurso do capital, no senso de que os soldos eran un freo para competir no mercado internacional e crear emprego (restando importancia ao medre da produtividade, ao aumento da taxa de actividade, e aos ingresos desorbitados da franxa superior da sociedade). 

Nos procesos electorais que gañou Macri e Bolsonaro, a esquerda radical non valorou axeitadamente o contexto

 

Sen dúbida o ultra-esquerdismo non axuda nos procesos de cambio, porén as eivas principais están situadas naquelas forzas que son referencia social e unha vez no Governo fan deixazón dos proxectos estratéxicos, tratando as clases populares como receptoras e non como as protagonistas das transformacións. As direccións e cargos son os únicos que participan nas decisións, e mensaxe e escenificación son cada vez máis subxectivas, perdendo importancia o proxecto colectivo. Daquela que as enquisas reflictan o desprestixio dos partidos políticos e altas taxas de abstención nas eleccións. E que sexa na mocidade e na clase obreira onde a abstención é maior, amosando como este descrédito asemade atinxe a esquerda.

O xiro á dereita acontecido na América Latina, tamén se dá en Europa. Poñendo en cuestión a efectividade das políticas desenvolvidas pola esquerda con presenza institucional. Resulta evidente que os subsidios públicos a colectivos específicos non axudaron ao cambio, cando se manteñen como a única alternativa e terminan adquirindo un carácter permanente. Xa que se utilizan como esmolas, para substituír na práctica o obxectivo estratéxico de garantir un traballo digno a todos e todas. Este é o único xeito de que as persoas non sexan reféns do capital, senón libres, construtoras co seu esforzo do seu futuro. Só aquelas incapacitadas para o traballo, por idade e algunha eiva, teñen o dereito de recibir por vida unha axuda pública. 

O xiro á dereita acontecido na América Latina, tamén se dá en Europa. Poñendo en cuestión a efectividade das políticas desenvolvidas pola esquerda con presenza institucional

 

No capitalismo da globalización neoliberal os máis ricos cada día pagan menos impostos, e utilizan todo tipo de argucias para canear a contribución fiscal e defraudar, así como para desregular as relacións de traballo. Grazas á axuda das novas tecnoloxías (falsos autónomos, cripto-moedas, consumo opaco, “traballo colaborativo”, etc). Aínda así se lles gaba como benefactores da sociedade, como “emprendedores”. O peso impositivo cébase sobre o consumo básico e os salarios (ou sexa, sobre as clases populares). E a redistribución dos ingresos vía fiscal e nos orzamentos faise esencialmente entre os sectores máis débiles, sen afectar o carácter depredador do sistema; ou sexa: atinxe exclusivamente as persoas que forman a base da pirámide. A redistribución faise entre os que reciben salarios medios e aquelas que teñen ingresos mínimos ou carecen deles a costa do esforzo das primeiras. Unha socialización na parte baixa da pirámide, que alenta o medre da desigualdade e inxustiza xa que, repito, os altos directivos, corporacións e grandes fortunas, cada vez pagan menos impostos. 

Con este círculo perverso ten que rachar a esquerda, tamén a nacionalista. Ligando na folla de ruta a xestión reformista nas institucións e as medidas economicistas nas organizacións de masas cos cambios sistémicos. Por exemplo, esixindo, mobilizando e loitando pola nacionalización dos sectores básicos, como a banca, enerxía, telecomunicacións, transporte, ou empresas estratéxicas ou que dinamizan a economía, e que o sector privado quere liquidar, como Alcoa e Barreras (estase a facer?). Rexeitando que nos servizos e prestacións públicas se privatice a xestión, ou reverter a privatización nos concellos e na Xunta (estase a facer nos primeiros onde a esquerda ten maioría?). Dando folgos a todas as formas de cooperativismo e socialización que que fortalezan unha economía autocentrada e sustentábel, organizando o territorio dando pulo ao medio rural e as zonas interiores. Reclamando con propostas concretas, en pasos sucesivos, en función da correlación e acumulación de forzas, avances respecto da soberanía nacional, da democracia popular, dun trato igualitario e solidario, á marxe do xénero, orixe ou raza. Ligando sempre na mensaxe e na mobilización o táctico e o estratéxico, o concreto e o xeral, o nacional e internacional, creando conciencia política critica.

A redistribución dos ingresos vía fiscal e nos orzamentos faise esencialmente entre os sectores máis débiles, sen afectar o carácter depredador do sistema

 

A esquerda debe ser rupturista, marxista, por definición e práctica, especialmente a soberanista, para ofrecer un proxecto de futuro e que ilusione. Debe comprender as amplas transformacións que se están a dar nas relacións laborais, na comunicación, e das consecuencias do reaxuste en curso no reparto do poder e da riqueza no mundo, e en cada rexión e estado. A esquerda debe incorporar a cuestión nacional nos países dependentes como unha contradición importante, ofrecer unha folla de ruta críbel e dar a máxima participación e protagonismo ás clases populares. Se non o fai, non será máis que unha alternativa socialdemócrata, por historia, e social liberal nos contidos, e dependente dos medios de comunicación sistémicos. Unha forza que poderá governar conxunturalmente nas potencias principais e rexionais, e carecerá de todo valor nas nacións dependentes e neocoloniais. Estas últimas nunca serán libres e perderán peso económico e social, na cultura e lingua propias, e só acadarán unha soberanía formal excepcionalmente se interesa a unha das partes na liorta entre potencias (como na ex-Iugoslavia e Sudán, por exemplo). 

A esquerda perdeu engado e complicidade social, para solucionalo hai que encetar por recoñecelo, debatelo colectivamente, para superar as eivas, e nalgúns proxectos o constante tacticismo e incoherencias. Cómpre lembrar que o nacionalismo galego reconstruíuse en varias oportunidades, como na década dos sesenta e setenta do século pasado, para crear o movemento nacional popular galego. Está é unha tarefa prioritaria no mundo, para a clase traballadora, e realizábel.

https://obloguedemera.wordpress.com/