O vindeiro mes de novembro conmemórase o centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo, que foi un paso decisivo na conformación do ideario do nacionalismo galego. Entre outros aspectos, a Asemblea acordaba unha autonomía integral para Galiza nunha Federación Ibérica incluíndo a Portugal. Tamén proclamaba igualdade de dereitos para a muller, pedía a representación proporcional no sistema electoral e a eliminación das deputacións, e exixía a nacionalización dos ferrocarrís. Ademais facía unha enumeración das competencias do poder galego, no ámbito político, económico, xurídico, etc. 

Sendo un pulo cualitativo na conformación do soberanismo galego, que cómpre lembrar en lugar destacado, non se pode considerar nen o primeiro nen o último en relación con este tema. Galiza estivo libre de inxerencias externas durante moitos períodos da súa historia, e resulta relevante que os romanos viran nela unha entidade singular, e que os suevos formaran aquí o primeiro Reino de occidente. Coa invasión “árabe” da península, foi “terra de ninguén”, condado e reino, e noutros períodos formou confederación con León. A capacidade para decidir da nobreza galega perderá forza coa independencia de Portugal primeiro, e a renuncia séculos despois dos reis lusos a unir ambos os reinos, para evitar a invasión da poderosa Castela, e centrarse na expansión marítima. Dividíase así a Galllaecia histórica. O golpe decisivo contra a unidade será o cisma relixioso entre Roma e Aviñon, coa redefinición das arquidióceses de Compostela e Braga a medidos do século XIV. Facer da independencia da monarquía de Portugal o momento da ruptura é un erro, porque ignora o papel determinante da Igrexa naquel intre, e esquece que foi un proceso longo e moi condicionado por factores externos.

Como destacaron os teóricos do galeguismo (Murguía, Del Riego, etc), os pasos previos do galeguismo-nacionalismo hai que buscalos a finais do século XVIII, no período da ilustración. As novas ideas e a invasión francesa, así como o papel destacado que ten o povo galego na derrota do exército de Napoleón no noso país, debilita o Antigo Réxime. Feitos e ideas que cuestionan o papel subordinado dos galegos e galegas. Posturas que nas décadas seguintes serán alentadas polo avance da conciencia social e nacional en toda Europa. Lembremos que o primeiro intento de recobrar a soberanía dáse coa constitución da Xunta Suprema en 1809 que asume todo o poder e acorda tratados con Inglaterra e Portugal e crea un exército propio para a defensa da nación e as súas fronteiras. Anos despois, a desaparición en 1833 do Reino de Galiza terá unha importancia enorme a nivel simbólico, malia que a soberanía fose formal durante séculos, mais tamén a nivel práctico porque racha a unidade de Galiza.

Os pasos previos do galeguismo-nacionalismo hai que buscalos a finais do século XVIII, no período da ilustración

 

A resposta sería unha asemblea en Lugo en 1843 para tratar a organización territorial, e nela Antolín Faraldo propón o debate sobre a independencia de Galiza; seica a moción perdeu por só un voto. Esta sería unha das razóns que alentou o levantamento cívico militar de 1846. Antolín Faraldo a través do periódico Revolución, como órgano da Xunta Suprema, caracterizou o noso país como unha “colonia da Corte” e argumentando que a revolta era para que nos “temeran e respectaran”. Chama a atención que se utilizasen dous conceptos tan actuais: colonia e soberanía. A derrota dos sublevados esmagou esta iniciativa liberal e galeguista, con varios oficiais fusilados, centos de detidos e milleiros de exiliados políticos. 

Hai antecedentes máis próximos, que tiveron incidencia no manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo. En tempos da rexencia de María Cristina, baixo o governo do liberal Sagasta, o Partido Federal de Galiza redactou no ano 1887 un proxecto de “Constitución para o Estado Galaico”. Non foi unha acción illada, era consecuencia da evolución dunha parte do federalismo no noso país e das súas contradicións co republicanismo español. Un proceso que se iniciou cando no ano 1873, durante a 1ª República, se realizou unha “asemblea republicano-federal” en Compostela á que asistiron 545 delegados de todo Galiza, e na que se asinou un manifesto pedindo a autonomía e un réxime federal para o Estado español. 

O Partido Federal de Galiza redactou no ano 1887 un proxecto de “Constitución para o Estado Galaico”. Non foi unha acción illada

 

Este proxecto de Constitución, que se aprobou tres décadas antes do manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo, pódese considerar como avanzado na época, o que amosa, con toda claridade, que soberanía e avance social estiveron historicamente asociados na nosa nación, con todo o que isto implica. Lembremos, asemade, que existía un contexto moi distinto do que se impuxo co triunfo da Revolución Rusa de 1917, que significou un revulsivo político e social, e un salto histórico nos dereitos laborais, nacionais e de igualdade de xénero. 

O proxecto constitucional dicía que: “Esta rexión eríxese nun Estado autónomo e soberano, que adopta a forma republicana de goberno”. Outorgaba dereito ao voto a todos/as os cidadáns maiores de 21 anos, mais no caso das mulleres exixíalles formación secundaria ou técnica, ou certo número de materias. A constitución é moito máis detallada que posteriores de Lugo e Compostela, e reafirma no titulo XIV que “o Estado galaico recoñece e afirma a autonomía da Nación e, por conseguinte, coida soberana a xestión de canto lle é propio e peculiar”. E repite, para que haxa dúbidas no seguinte capitulo: “a presente Constitución ou Pacto fundamental, será lei suprema no Estado Galaico e non poderá ser aplicada nen promulgada lei algunha, orde nen decreto que a contradiga”. 

Tampouco se poden obviar feitos posteriores á celebración da Asemblea Nacionalista de Lugo. O Seminario de Estudos Galegos redactou un anteproxecto de Estatuto que definía a Galiza como un Estado libre dentro da República Federal Española, no ano 1931. Permitía a incorporación de áreas fronteirizas de fala galega, se así o decidía 2/3 da súa povoación (evidentemente refírese ao oeste de Asturias e Zamora, e ao Bierzo), e afirmaba que os poderes do Estado galego correspondían ao povo da Galiza. Ese ano, no marco da proclamación da 2ª República, o entusiasmo popular a prol dun cambio fixo pensar que se ían atender estas reivindicacións, máxime coas clases populares tan mobilizadas. A declaración do Estado Galego o 25 e 27 de xuño en Ourense e Compostela, ao abeiro da folga do ferrocarril, era parte deste desexo de liberdade, igualdade e xustiza, e poñía máis unha vez a soberanía nun lugar sobranceiro. Sen esquecer a importancia da aprobación do Estatuto de Autonomía en xuño de 1936, malia que o texto estivese por debaixo das reivindicacións do federalismo de 1887, e do anteproxecto galeguista de 1931.     

O Seminario de Estudos Galegos redactou un anteproxecto de Estatuto que definía a Galiza como un Estado libre dentro da República Federal Española, no ano 1931

 

Nesta conxuntura dáse a presenza de Plácido Castro, no ano 1933, no IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións, no que Galiza sería recoñecida como unha nacionalidade. Estiveron presentes nacionalidades que abranguían 40 millóns de persoas. Sen dúbida un fito de gran valor. Mais coido que ten un valor de maior significación que a Terceira Internacional recoñecese como nacións e o dereito á autodeterminación de Galiza, Euskadi e Cataluña (Sempre en Galiza; Castelao). Téñase en conta que isto implicaba un importante aval a respecto da loita a prol da liberación nacional e social, xa que comprometía aos partidos comunistas, mesmo que só fose teoricamente.     

Por último. Hai que destacar que nestes pasos adiante sempre houbo vínculos persoais, tanto entre o federalismo e galeguismo, por exemplo por medio de Moreno Barcia, como entre rexionalismo e nacionalismo a través de Murguía. E das Irmandades co Partido Galeguista, por medio de Vilar Ponte, Castelao, etc. A maior fenda na loita a prol do Estado Galego causouna a ditadura franquista, xa que foron décadas de dura represión. O nacionalismo interior refuxiouse no culturalismo. E no exterior as Irmandades (especialmente a de Bos Aires) e o Consello de Galiza, mantiveron aceso o facho do soberanismo coas limitacións que marcaba a distancia e o paso dos anos. 

A maior fenda na loita a prol do Estado Galego causouna a ditadura franquista, xa que foron décadas de dura represión

 

Estes factores, e sobre todo o medre do bloque socialista e os procesos de liberación nacional, así como o fortalecemento da loita contra a ditadura, crearon as condicións para o  desenvolvemento entre 1964 e 1972 da UPG, e logo do que sería o movemento nacional popular galego (MNPG). Dende logo tamén incidiu o impacto do asalto ao Santa María baixo a dirección do galeguista Xosé Velo, a liberación alxeriana, da China popular, a Revolución Cubana, e a loita heroica do povo vietnamita. O MNPG consolidaríase nos vindeiros anos a nivel teórico e práctico, facendo da liberación nacional, democrática e popular o seu eixo. Tamén axudaron, no medre do MNPG, as incoherencias das forzas da esquerda española, ignorando a cuestión nacional galega, e pactando a transición coa gran burguesía e sectores da ditadura. A loita a prol do Estado galego daba un salto cualitativo e mudaba o motor do cambio. A alianza da pequena burguesía e o campesiñado perdía protagonismo fronte ao bloque obreiro, campesiño e estudantil, facendo da ligazón entre soberanía e xustiza social a chave para a conquista da liberdade do povo galego.  

A loita pola liberación nacional de Galiza, en termos de dereitos nacionais, non ten un século, vén de máis lonxe, e sendo unha construción na que hai figuras egrexias, nunca o foron nen o serán en maior medida que o esforzo colectivo das clases populares. Aínda que o verdadeiramente importante sempre será como esta reivindicación histórica se mantén e fortalece, e as arelas dos/as oprimidos e explotados se converten en realidade.  

https://obloguedemera.wordpress.com/



x