O vindeiro 30 de maio vaise realizar unha nova folga xeral na Arxentina, convocada polas tres ramas da CTA e un amplo número de sindicatos de base da CGT, aínda que a dirección desta central negouse a convocar explicitamente o paro. Tamén se sumaron unha morea de organizacións sociais. Para Pablo Micheli, un dos secretarios da CTA autónoma a folga ten como obxectivo: “o pedido das diversas organizacións sindicais da apertura dunha mesa de diálogo seria, responsábel, onde se solucionen os problemas que temos os traballadores, xubilados e o povo arxentino” (http://ctaa.org.ar/). Cómpre lembrar que este paro dáse a moi poucos meses das eleccións presidenciais do 27 de outubro deste ano, nas que as enquisas colocan a Mauricio Macri en segundo lugar, por detrás de Cristina Fernández. 

A situación económica e social na Arxentina é moi grave, existe unha inflación anual do 54%

A situación económica e social na Arxentina é moi grave, existe unha inflación anual do 54% (ao mes de marzo), uns xuros bancarios rente do 60%, un 32% da povoación está por debaixo da liña de pobreza, e un terzo das persoas por conta allea nunha situación irregular (e carecen de seguridade social). A desigualdade social dá arrepío, xa que o 10% do tope ten uns ingresos 20 veces superior ao 10% da base da pirámide. Polo tanto hai que considerar como un feito moi positivo que, malia a fragmentación da esquerda partidaria e sindical (que non deixa de medrar), houbese vontade máis unha vez para realizar unha convocatoria unitaria, para xuntar á maioría das forzas populares.

Respecto da folga, e das súas contribucións para alén da data, argumenta o economista Julio Gambina: “Interróganse algúns se o paro cambia algo (...) se só chega con esperar ás eleccións, ou se o debate do rumbo a seguir alenta a demanda social ampliada, motorizada por accións de mobilización e organización do descontente. Non teñen razón os que negan a acción colectiva e o paro como unha das súas formas válida para as condicións actuais (...). O movemento constrúese andando, e a historia da loita de clases non se detén” (http://juliogambina.blogspot.com/). Unha reflexión que sen dúbida tamén é valida para outras parte do mundo, onde o institucionalismo e a información baixo os moldes imposto polo sistema marcan os límites da oposición, para alén do conflito na empresa ou de ámbito local. A folga xeral sempre racha eses marcos, mesmo cando ten un programa reformista.

A situación económica, social e política é máis complexa que nunca na Arxentina. Ademais da difícil situación para a inmensa maioría das familias, xa que mentres o Governo toma medidas para frear o aumento de prezos dos produtos esenciais, ao mesmo tempo aplica un novo tarifazo no transporte e enerxía e auspicia unha nova reforma laboral. No primeiro caso son iniciativas propagandísticas porque en realidade, como denuncia a Unión de Consumidores e usuarios, os prezos da canastra de 40 produtos de primeira necesidade creceron de media o 3,35% na primeira quincena de abril, e acumulan un 16,71% dende primeiros de ano.

Macri pretende impoñer unha maior flexibilidade laboral, como intentou hai dous anos

Coa escusa de combater a informalidade, comezouse a analizar no Senado unha nova reforma laboral. Con ela Macri pretende impoñer unha maior flexibilidade laboral, como intentou hai dous anos. Os traballadores/as irregulares, nos casos que os empresarios se acollesen á amnistía, ademais de lles eliminar multas polos empregos/as non rexistrados, estes terían unha indemnización por despedimento inferior nun 70-80% as que hoxe están vixentes para os asalariados/as regularizados. Ao que se engade, unha exención de cotizacións á seguridade social por parte dos empresarios/as durante dous anos, para as novas contratacións que se realicen o ano que se aprobe a lei. Esta iniciativa contra a clase traballadora deixa en evidencia que a explotación segue a ser unha cuestión central para o capital, e que se pode compatibilizar coa existencia de coberturas para colectivos marxinalizados, para amosar unha aparente sensibilidade social e condicionar así á opinión pública.

Non semella que a saída da Arxentina a está crise estea nunha renegociación da débeda exterior, xa que a práctica amosa que este mecanismo termina hipotecando máis o futuro, facéndoa impagábel. Cómpren solucións eficaces e centradas nos intereses da maioría social. “O problema da débeda externa é histórico na Arxentina e tinguiu as discusións de política económica, sobre todo desde os cambios iniciados durante a última ditadura cívico-militar. A débeda funciona como mecanismo de espoliación do povo arxentino e os países da periferia (...) a saída de esquerda implicaría negar o pago desta débeda ilegal e ilexítima que o único que fixo é fornecer de recursos a uns poucos especuladores a costa do axuste que pagamos entre todos e todas. Esta posibilidade, para o conxunto dos partidos do establishment, non é unha opción”. (http://www.marcha.org.ar/el-peso-de-la-deuda-externa/).

A folga do 30 de abril debería ser un éxito, tanto polo grao de mobilización como para que as clases populares rachen co sistema, e sobre todo para que a loita teña continuidade nos vindeiros meses, condicionando as eleccións de outubro, especialmente a ese 25% de indecisos que reflicten as enquisas. A mobilización e a axitación sempre foi e será o medio máis efectivo para contrastar e superar o control que exercen as clases dominantes sobre a información, a formación da conciencia, e o estado de animo do povo.

https://obloguedemera.wordpress.com/