Todos e todas preguntámonos cales van ser as consecuencias das mobilizacións do último mes en Francia. Un conflito que nacendo en sectores afectados polo aumento do gasóleo estendeuse axiña a outras franxas da povoación empobrecidas polas políticas regresivas de Macron, que son un paso máis nas que practicou a socialdemocracia e centro-dereita anteriormente. Moitos e moitas pensan que se trata dunha resposta conxuntural. Esta valoración é lóxica nas clases medias urbanas, que asumen a globalización, o neoliberalismo e o individualismo, que son alentados polos medios e partidos sistémicos. Coidan que non existe alternativa ao capitalismo, e asóciano co avance científico técnico, para alén de que opten por unha papeleta da dereita ou esquerda sistémicas nas eleccións, daquela que malia o medre da desigualdade quítanlle ferro á explotación e opresión 

Porén, existe outra sensibilidade nas persoas que ven como perden capacidade adquisitiva, ou que para mantela deben traballar horas extras arreo, nun mundo cada vez máis competitivo, asumindo condicións de semi-escravitude. A povoación afectada pola sobre sobre-explotación e dificultades para vivir dignamente é cada vez máis ampla: persoas desempregadas, falsos autónomos, ou aqueles que son pobres traballando (precariedade, contratos a tempo parcial, horas extras non pagadas, traballo en negro). Por se non abondase, nos servizos públicos básicos introduciuse o copago, e a presión fiscal acentuouse sobre o consumo e os impostos directos (traballo asalariado, autónomos e empresarios con ingresos medios) mentres se reducían os impostos e se pechan os ollos diante da fraude das grandes fortunas e das corporacións. 

A povoación afectada pola sobre sobre-explotación e dificultades para vivir dignamente é cada vez máis ampla

 

Neste contexto de aumento da explotación e opresión, e de retroceso democrático, que abrangue a toda á Unión Europea, e á maior parte do mundo, hai que entender esta revolta popular. Ademais, non se pode esquecer que Francia tamén é plurinacional, aínda que o negue, é a segunda potencia da Unión Europea, dende a saída do Reino Unido. Ou sexa, trátase dun conflito que ten consecuencias sobre as políticas económicas e sociais da rexión, mesmo que remate neste momento, máxime cando xa se alargou a Bélxica, onde houbo máis de 400 detidos/as este pasado sábado.

Dinos o sociólogo francés Alain Bhiri que ao movemento unifícao “a degradación das súas condicións de emprego, de traballo e de remuneración; a dificultade crecente para reunir dous soldos a final de mes; a anguria a respecto do mañá para el e os seus (sobre todo os fillos); a degradación ou mesmo a desaparición dos servizos públicos (...) no sentimento de non sentirse xa representados (tomados en conta ou consideración) por ninguén”. E destaca como aspecto aglutinador que “estes 'desposuídos' aínda dispoñen desta forza colectiva que é a solidariedade local, baseada nos vínculos de parentesco e veciñanza, feita de coñecemento e recoñecemento recíprocos, e tamén dunha 'economía mergullada' de colaboración; de troque de servizos de doazóns recíprocas, que garante, máis aló da supervivencia, a posibilidade de 'ir tirando'. Sen estas consideracións non se explicaría que homes e mulleres participasen nas operacións realizadas polos 'chalecos amarelos', coa friaxe de novembro durante días”.

Polo tanto, neste intre tanto en París como en Bruxelas estarán a facer contas e, polos recursos policiais despregados, todo amosa que valoran que o descontente social é moito máis amplo que o representado polas persoas que ocupan rúas e estradas. Queren atemorizar, criminalizar, eliminar axiña a parte máis visíbel do malestar popular. Temerán que poda estoupar unha insurrección popular? Se non fose así terían restado importancia ao conflito, como o teñen feito tantas veces. A segunda opción, complementar da anterior, consiste en realizar algunhas concesións co obxectivo de frear ou dividir o movemento, ou cando menos restarlle apoio social. O día 10 Macron reuniuse con patronal e sindicatos para lles presentar un plano de “emerxencia” e seica na final do serán fará unha declaración pública. Resulta evidente que as medidas están no fundamental decididas, e que a xuntanza da mañá forma parte da escenificación. As duras accións represivas do último mes, e desta fin de semana con case dous mil detidos/as e un cento de feridos/as, así como a importancia das cesións que faga o Governo, e a súa incidencia no movemento dos coletes (chalecos) amarelos, reflectirán cal é o estado de animo da xente, o grao de conciencia política acadado. 

Polos recursos policiais despregados, todo amosa que valoran que o descontente social é moito máis amplo

 

A esta altura tamén en Bruxelas estarán sumando os danos na imaxe da UE. Lembrarán, cara dentro, o axuste durísimo e ateigado de custes sociais en Grecia, o Brexit, a confrontación por mor das políticas migratorias con Hungría, Italia, e outros países, o retroceso do partido de Merkel en Alemaña, o avance da dereita populista en varios países da UE, o conflito catalán no Estado español, os lobbys que teñen máis peso que os povos nas institucións europeas. A esta deriva, tan beneficiosa para o capital e as clases dominantes, súmase unha actitude cada vez máis submisa con Estados Unidos a respecto de Rusia e as potencias rexionais de Oriente próximo. Todo iso nun marco no que Washington está a forzar unha negociación no mundo, e coa UE, a respecto das relacións comerciais e do seu recoñecemento como potencia hexemónica neste etapa histórica.

Polo tanto non hai dúbida que as mobilizacións en Francia teñen unha relevancia excepcional,  tanto na participación popular, á que se sumaron sindicatos locais e estudantes de centos de institutos, como na súa transcendencia política. Algo que resulta evidente cando o poder destaca un número tan grande de forzas represivas, que se empregaron a fondo para reducir a protesta, así como na criminalización dos/as participantes, na terxiversación dos medios, e nos milleiros de persoas detidas e feridas. Un manifestante entrevistado polo xornal Página 12 de Arxentina afirmaba que había infiltrados nas mobilizacións (das forzas de seguridade) para xustificar as cargas policiais. Estase a demostrar que a mobilización é efectiva cando afecta a actividade económica, racha co estereotipo de que todo está controlado, e conta cun enorme respaldo social polos obxectivos que procura. No último ano as folgas obreiras en Francia non conseguiron que o Governo recuase, como agora se ve obrigado a facer. Haberá que repensar as estratexias no mundo do traballo?

Estase a demostrar que a mobilización é efectiva cando afecta a actividade económica, racha co estereotipo de que todo está controlado

 

Esta revolta social, porque así hai que definila, alargouse a toda Francia, a segmentos moi amplos do rural e urbano, da clase traballadora e autónomos. De persoas que, malia o anuncio da represión, estiveron dispostas a disputar a rúa para conseguir a dimisión de Macron, un aumento do salario mínimo, unha maior carga impositiva sobre as grandes fortunas e corporacións, e a cuestionar o euro e a Unión Europea. A esta altura a protesta conta co apoio dun 70% da povoacion francesa (segundo as enquisas), e xa non ten como obxectivo exclusivamente a eliminación do imposto sobre os carburantes, senón que as reivindicacións son máis xerais, políticas e polo tanto estratéxicas. É difícil saber canto vai durar, mais, en todo caso, o importante é que gañe en organización, que medre o nivel de conciencia e alente a loita popular, que reconstrúa a esquerda recuperando a centralidade do traballo, da explotación e opresión. Esta revolta en Francia amosa que non todo está controlado polo sistema, que hai fendas, que as contradicións son moi fortes, e os valores de xustiza, liberdade, dignidade, igualdade, solidariedade, latexan con forza nas clases populares. 

https://obloguedemera.wordpress.com/