Hai unha década publiquei nun xornal galego un artigo sobre a presenza de Galiza como unha entidade cun carácter propio durante a Idade Media, aproveitando a aparición de “Galicia y los gallegos en las fuentes árabes medievales”, de Ana María Carballeira Debasa, (editado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas, no ano 2007). Na súa investigación a autora dá unha extensa información sobre o destacado papel da nosa nación durante esa época. Un aspecto sobre o que quero teimar, xa que coido aporta argumentos para valorar en toda a súa dimensión a problemática nacional galega.

A historia galega, a súa importancia durante séculos no contexto europeo, está aínda en boa medida por recuperar e socializar

A historia galega, a súa importancia durante séculos no contexto europeo, está aínda en boa medida por recuperar e socializar, xa que foi agochada ou terxiversada en moitos aspectos polas clases dominantes casteláns-españolas. Foino como parte da súa expansión mediante a conquista militar, colonización e asimilación (rematando coa soberanía do Reino de Galiza, na que se suceden períodos de independencia e outros de confederación entre reinos). A finalidade deste cristal escuro era, e segue a ser, restar importancia á existencia numerosos reis propios e a centralidade de Galiza durante amplos períodos, e deste xeito diminuír o papel da nosa nación na época e quitar fortaleza histórica ás reivindicacións de soberanía. Reforzando así unha pretendida españolidade, sinónimo do Reino de Castela+León, agochando e diluíndo o proceso de imposición. Daquela, os reis dos galegos ou da Gallaecia pasaron a ser por substitución ou exclusión de Asturias, León, e Castela.

Esta adecuación da historia ás necesidades do sistema fica ao descuberto nun texto de George Slocombe sobre Guillerme o Conquistador (Rei de Inglaterra de 1066 a 1087), publicado nun fascículo do Centro Editor de América Latina (Arxentina), utilizando bibliografía inglesa e francesa o autor afirma que: “a filla deste rei, Ágata, fora pedida en matrimonio por Afonso rei de Galiza (...). O pedido sería atendido, e Ágata, acompañada por unha rica escolta de nobres e prelados, partiu para a longa viaxe deica España”. Trátase de Afonso VI, que a historia oficial española nomea en troques como rei de León e Castela.

Utilizando as fontes árabes Ana María Carballeira constata que durante boa parte da Idade Media a toda a área político-xeográfica do norte os árabes chámanlle Gallaecia. Exclúen case que sempre desta denominación á zona oriental que consideraban parte da Marca Franca (Ifranya). Os árabes utilizan dúas variantes para nomear a este territorio, Yilliqiya e Galisiya. A primeira utilizase preferentemente para denominar o que foi a Gallaecia romana (con ou sen Castela) e a segunda que responde aos períodos máis avanzados da Idade Media para facer referencia á Galiza propiamente dita (incluíndo por suposto a todo o norte do Portugal actual, e nalgunhas oportunidades tamén o centro). Estas denominacións e as fronteiras varían algo segundo a fonte e o momento histórico.

A autora destaca que durante a conquista árabe: “Yilliqiya revélase como un dos principais puntos de atracción da migración hispano-goda

A autora destaca que durante a conquista árabe: “Yilliqiya revélase como un dos principais puntos de atracción da migración hispano-goda. No caso da Galiza propiamente dita, esta afluencia non só se explica pola escasa repercusión da irrupción musulmá nesta rexión, senón tamén polos seus peculiares características. Como indica C. Baliñas, a destrución do espazo político do reino de Toledo non afectou substancialmente a Galicia, tendo en conta da súa escasa integración naquel”.

Asemade, indica que resulta evidente que durante a Alta Idade Media os árabes chamaban galegos a todos os habitantes do norte. Por exemplo, cando se facía referencia á morte de “Afonso II, señor de Yilliquiya, en 842 e do ascenso ao trono de Ramiro I, rei dos galegos”. Tamén transcribe que Ibn Idari (historiador magrebí de Fez) informa que al-Muzaffar (1045-1063) “acordou con Fernando I rei dos galegos (1037-1064), a entrega de cinco mil dinares desde o comezo da tregua (...) pódese ollar que o Rei de Castela e León recibe a denominación de ‘galego’ que até entón tíñase aplicado preferentemente aos de León”.

No século XI Al-Bakri (Granada; 1014-1094) proporciona unha descrición dos límites e divisións de Yilliqiya, e divide o territorio en catro rexións: “A primeira ocupa a parte máis occidental da Península, alargándose até a cidade de Braga; é a Yilliqiya propiamente dita e a que seus habitantes son os galegos (Yalaliqa). A segunda rexión é Asturias (...). A terceira está constituída pola zona de Yilliqiya que se estende ao suroeste, ocupado por un pequeno enclave situado entre Braga e Porto, cuxos habitantes son coñecidos co nome de portugueses. Finalmente a cuarta está situada ao sur-leste recibe o nome de Castela”. Esta última está subdividida na Castela ulterior (Reino de León) e a Castela citerior.

A medida que avanza a Idade Media a denominación de Yilliqiya (Gallaecia) será substituída progresivamente.

A medida que avanza a Idade Media a denominación de Yilliqiya (Gallaecia) será substituída progresivamente. Porén, non totalmente, así Ibn Jaldun (cronista tunesino morto en 1406), nesta época tan avanzada da Idade Media, en tempos da revolta Trastamara, pon de manifesto que “Pedro I sucedeu a Afonso XI á fronte dos galegos”. Segue usando a denominación de Yilliqiya e non o de Reino de Castela e de León.

Non menos importantes son os comentarios que sobre os galegos fan os escritores árabes, así Ibn Jaldun salienta que os galegos nos combates “baten tambores, tocan gaitas e entoan cantigas”. Pola súa banda Abu L-Fida (xeógrafo sirio, morto en 1331) di que “os galegos distínguense pola súa valentía a astucia, pois non admiten a fuxida no encontro militar e consideran apropiada a morte no seu posto. Tamén sinala que son traidores e de natureza vil, caracterizándose polos seus propios escrúpulos” (despois de todo falaba dos seus inimigos).

Sobre un dos períodos mais dinámicos da Idade Media, e o papel de Galiza, sintetiza Emilio González López no seu libro Grandeza e decadencia del Reino de Galicia, o seguinte: “Os reinados de Fernando II e Afonso IX -que se estenden case que un século, de 1157 até 1230- (...) son a época de gloria do triunfo do poder político de Galiza como reino propio, ao que estaba unido León, onte seu señor, e hoxe un simple aliado” (...) foi Centro do que irradiaron aos outros reinos veciños destellos de arte e de cultura compostelán” (Editorial Citania, 1957, Arxentina).

O libro de Ana María Carballeira Debasa fai un amplo estudo das referencias árabes respecto de Galiza

O libro de Ana María Carballeira Debasa fai un amplo estudo das referencias árabes respecto de Galiza, con comentarios sobre aspectos etnográficos. Desenvolve especificamente cada un dos catro períodos nos que se pode dividir a historia política do Al-Andalus, e das observacións que se fan respecto de Galiza. En resumo, tratase dunha contribución importante para un mellor coñecemento da nosa historia nacional, tanto tempo ignorada ou terxiversada pola oficialidade.

Non somos máis nen menos que calquera outro povo, porén con moitos séculos de historia; tivemos como todos, guerras gañadas e perdidas, con períodos de soberanía e prestixio, e outros de dependencia e sometemento colonial. Claro que o importante neste tempo histórico, non é exclusivamente o proceso, senón cal é hoxe a tendencia dominante.

https://obloguedemera.wordpress.com/