Neste artigo quero realizar dous comentarios sobre outros tantas problemáticas no ámbito político e social, tanto no eido internacional como en relación coa nosa nación. Estes temas son: o golpe de estado en Venezuela, auspiciado polos Estados Unidos; e a manifestación nacional da CIG a prol dunhas pensións dignas. 

A)- Golpe de estado en Venezuela. Resulta evidente que volvemos á época do imperialismo do fusil, na que Estados Unidos quitaba e poñía governos ao seu antollo, e facíao tamén algunha potencia europea co consentimento de Washington. Despois da derrota estadounidense en Vietnam (1973), pasou máis dunha década até que, no caso concreto de América Latina, Granada (1983) e Panamá (1989) sufriron a invasión norteamericana. Nos anos posteriores o xiro á esquerda en moitos destes países freou as intencións de Washington na rexión, que alentou golpes de estado brandos, como os de Honduras e Paraguai, coa finalidade de darlles unha cobertura institucional. Neste intre o contexto fíxose máis agresivo, pola confrontación entre potencias, a perda de peso da esquerda revolucionaria e de prestixio e coherencia pola socialdemocracia. Estes retrocesos, e a globalización neoliberal, deron azos á dereita autoritaria. Tanto en Venezuela, como en Siria, as potencias aliadas dos Estados Unidos e os partidos sistémicos, de dereita e “esquerda”, fan causa común, unidos aos poderes económicos e aos medios hexemónicos, na defensa dos intereses do capital. Non hai fendas neste aspecto, deixando en evidencia que as diverxencias, mesmo as criticas a Trump e Bolsonaro, obedecen a diferenzas menores entre sectores das clases dominantes,  xa que están sempre supeditadas aos intereses estratéxicos comúns.

Tanto en Venezuela, como en Siria, as potencias aliadas dos Estados Unidos e os partidos sistémicos, de dereita e “esquerda”, fan causa común

 

No Estado español destaca neste aspecto e neste intre o papel do PSOE, poñéndose na vangarda do apoio ao Golpe de Estado en Venezuela, ignorando a soberanía deste país e a vontade do seu povo. Este xeito de axir cuestiona o pretendido xiro á esquerda de Pedro Sánchez, evidencia a lecturas estreita que fai dos dereitos democráticos e, polo tanto, que se pode esperar do anunciado e nunca concretado dialogo en Cataluña. Asemade deixa ao descuberto que e os cambios que poda realizar en materia económica e social a prol das clases populares serán mínimos, xa que nunca afectarán o modelo económico e social imposto. Véxase que entre as iniciativas prometidas aínda non deu ningún paso para botar abaixo a reforma laboral, a Lei “mordaza” e o artigo 315.3 do Código Penal. Unha lexislación que no ámbito laboral resta capacidade de negociación, aumenta a precariedade, ten un carácter represivo e limita o dereito de folga e mobilización. En todos estas temas o PSOE falou de derrogación total, despois de que sería parcial, porén non deu ningún paso concreto. Pura verborrea e algunhas medidas positivas cun fin electoral (como o listón mínimo dos 900 euros de salario), mais que manteñen vixentes os mecanismos que aumentan a explotación laboral. Esta é a esencia do PSOE de Pedro Sánchez. Por último lembrar que todos os países “salvados” polos Estados Unidos, coa complicidade da Unión Europea, terminaron desfeitos e no caos (Afganistán, Iraq, Somalia, Libia, Siria, etc). 

B)- Manifestación das pensións. A mobilización nacional en Compostela esixindo melloras nas pensións, tanto na contía como nas condicións de acceso, así como unha solución xusta para os emigrantes retornados, FOI UN EXITO, cunha asistencia moi superior á que esperaba. A decisión do Governo de aumentar o IPC sobre o conxunto das pensións e o 3% aquelas máis baixas, foi unha medida moi limitada, simbólica, máis positiva en relación coa xestión de Rajoy, que podía debilitar a protesta, máxime cando se está a debater o tema na Comisión do Pacto de Toledo. Este retroceso nas protestas amosouse hai dúas semanas nas convocatorias doutras forzas no noso país. Só en Bilbao se mantivo unha dinámica de masas. Daquela que neste contexto varios milleiros de persoas se manifestasen en Compostela, por iniciativa da CIG, reflicte o acertado da convocatoria e a capacidade mobilizadora. E sobre todo que a base da central sindical, e do nacionalismo, reclama que a presión reivindicativa se manteña igual de forte co Governo do PSOE. Tampouco se pode obviar a ampla campaña de propaganda en cidades e vilas feita pola CIG, que permitiu contrastar argumentos cos que predican o Governo, a dereita e o capital, poñendo todo tipo de atrancos.

Que neste contexto varios milleiros de persoas se manifestasen en Compostela, por iniciativa da CIG, reflicte o acertado da convocatoria e a capacidade mobilizadora

 

A marcha estaba constituída sobre todo por pensionistas. Non se tratou dunha manifestación exclusiva da vangarda, e non houbo unha presenza destacábel daqueles sectores directamente afectados por outras problemáticas tan graves como o peche da empresa, regulacións, precariedade e baixos salarios, aínda que estes temas estiveron presentes nas consignas e nos discursos. Non se pode ignorar que as condicións laborais da clase traballadora teñen unha relación directa coas pensións e as prestacións por desemprego. Daquela que unir conflitos sexa fundamental. Ademais non deixarei de teimar na necesidade de que as mobilizacións se manteñan no tempo, formen parte dunha campaña, para que o movemento obreiro vexa que as manifestacións e folgas non son accións de propaganda, senón que constitúen un proceso de presión e cambio na correlación de forzas, para mellorar as condicións de vida do povo e dar pasos adiante na construción dunha Galiza ceibe e sen explotación. Ou sexa: trátase de socializar ademais do xusto dos obxectivos, tamén a  folla de ruta, para que a maioría asuma o cambio como unha tarefa posíbel de realizar. O éxito da manifestación do 26 reflicte o acertado da iniciativa, de que existe un estado de animo propicio para a mobilización, e que a CIG mantén unha forte capacidade de convocatoria mesmo neste contexto tan complexo e cambiante. 

https://obloguedemera.wordpress.com/



x