A sentenza contra os presos políticos cataláns por mor do procés ten unha clara finalidade exemplarizante, polo desproporcionado das condenas, malia que se tivo que retirar a acusación de rebelión por carecer da máis mínima credibilidade. Asemade, a sentenza do Tribunal Supremo implica un paso atrás no referente a futuras modificacións da Constitución, que garantan cando menos unha relación menos agresiva coas nacións periféricas. Ademais, limita os dereitos de protesta social ao tipificalos como sedición en casos de mobilizacións que molesten ao sistema.  Moitas análises coinciden respecto desta cuestión (https://blogs.publico.es/dominiopublico/29787/el-derecho-de-protesta-gravemente-amenazado/).

Moitos partidos e analistas valoran que existe unha xudialización da política. Unha vía que hoxe resulta máis eficaz para o capital

Por se non abondase co anterior, a para argumentar as durísimas condenas faise unha valoración política dos acontecementos, categorizase como manipuladora e etnicista a ideoloxía das persoas acusadas, e considéranse como feitos probados as intencións do independentismo, malia que non están contrastadas en feitos. Creando así un precedente que representa un salto atrás cualitativo, no papel do poder xudicial que ademais de antepoñer unha finalidade política invade competencias do poder lexislativo. Xa que a través da súa interpretación da Lei marca criterios que reducen os dereitos de opinión, de manifestación, e de igualdade de trato ás distintas nacionalidades que integran o Estado español. Daquela que moitos partidos e analistas valoran que existe unha xudialización da política. Unha vía que hoxe resulta máis eficaz para o capital en moitos aspectos que a servidume dos partidos sistémicos, dado que estas institucións non son electas por voto popular. Asemade, a cúpula do poder xudicial ten unha clara matriz de clase, é un reduto de posturas  conservadoras, valedor cego do sistema, e refractario á mobilización e protesta social. 

Non estamos diante dunha sentenza máis, xa que marca liñas vermellas nos dereitos colectivos en planos que son fundamentais, apostando polo centralismo e a expansión das medidas neocoloniais coa escusa de manter a diversidade no interior das nacións subalternas, e poñendo novos atrancos á mobilización popular (que se suman á Lei Mordaza, artigo 315.3 do Código Penal). Todo indica que o Tribunal Supremo quere con esta sentenza condicionar os dereitos das nacionalidades históricas para garantir unha determinada correlación de forzas entre territorios, e tamén entre clases sociais. Daquela, que se pode asegurar que pretende ter unha incidencia semellante ao Pacto da Moncloa e a LOAPA. Lembremos que o primeiro tivo como obxectivo frear a un movemento obreiro en ascenso, e canear a cuestión das nacións dependentes coa autonomía segunda. A segunda, coa escusa do golpe de Tejero, limitou o desenvolvemento autonómico e abriu o camiño da recentralización dalgunhas competencias, en prexuízo das reivindicacións históricas das nacionalidades periféricas.

Unha sentenza desta envergadura, co obxectivo impedir calquera acordo, e polo tanto converter en inútil o dialogo respecto da cuestión nacional, e que criminaliza a protesta social, non houbese sido posíbel sen a complicidade de todos os partidos sistémicos. Incluído o PSOE, tal como  se recflectiu na declaración posterior de Pedro Sánchez, cando afirmou que os presos políticos cataláns cumprirían a totalidade das penas. Postura compartida por Izeta, que até hai pouco era partidario do indulto. Actitude que contrasta co indulto concedido a un golpista como Armada, a que o Tribunal Supremo o pedise para Tejero, e se lles concedese a cargos políticos do PSOE ligados ao GAL como Barrionuevo e Vera. Esta postura dos “socialistas” (social-liberais) ergue muros contra o dialogo, máxime cando se lle suma a xustificación das medidas represivas e un relato que liga o soberanismo catalán coa violencia. Polo tanto, non parece casual que o governo e os medios  ignoren contabilizar e falar das persoas que se manifestan e son feridas (superan as cincocentas), pola actuación dos mossos, policía e garda civil (https://www.elnacional.cat/es/politica/balance-heridos-protestas-sentencia_432569_102.html). Estas declaracións e a escenificación que a acompaña só é entendíbel no marco dun pacto de estado na sombra, que será verificábel nos feitos.

Esta actitude política por parte do PSOE (incluído o de Cataluña), semella ser parte dun acordo con PP e Ciudadanos

Sen pretender ser conspirativo, esta actitude política por parte do PSOE (incluído o de Cataluña), semella ser parte dun acordo con PP e Ciudadanos para apoiar ou permitir a investidura de Pedro Sánchez. Se fose así, estariamos diante dunha converxencia semellante a de Alemaña, na que as diferenzas entre a esquerda e a dereita sistémica ficarían borradas en todos os aspectos esenciais, agás en como se tratan algúns dereitos individuais e na existencia de medidas parciais para atender as situacións de pobreza máis estrema. Daquela que a confrontación se reduza cada día máis a cuestións históricas, como os restos de Franco, ou a medidas parciais que non mudan os alicerces sobre os que se constrúe a inxustiza nos diversos eidos que se manifesta.

Neste escenario a actitude de ERC para gañar a loita polo relato respecto do carácter masivo e pacifico da protesta en Cataluña, así como de realizar novas eleccións autonómicas que permitan un acordo de governabilidade ampliado a sectores para alén do nacionalismo, garantindo unha ampla maioría social e institucional, sería a máis acertada. Tampouco se pode obviar que os acontecementos en Cataluña e esta viraxe no PSOE non son conxunturais, aínda que se dan nun contexto internacional moi complexo e que pode mudar moi rapidamente, co que isto pode implicar respecto da situación na UE e no Estado español. O medre das contradicións por mor da problemática catalá tamén teñen repercusións sobre a situación política na Galiza, comezando polas eleccións autonómicas e seguindo pola fenda que se abriría naqueles concellos e deputacións nos que existan pactos de governo entre o nacionalismo e o PSOE.

https://obloguedemera.wordpress.com/