Resulta evidente que os partidos políticos nacionalistas hai anos que teñen o centro de gravidade, tanto estratéxico como táctico, na acción electoral. E a medida que foron perdendo peso institucional foi medrando a importancia do municipal, primeiro como punto de recuperación e logo como refuxio, mais tamén como concepción política. Mesmo así a presenza do nacionalismo nos conflitos e mobilizacións, sindicais, sociais, do eido da cultura, etc, segue a ser moito máis destacada que a que teñen os partidos de ámbito estatal. Agora ben, trátase dunha participación máis como militantes e forzas de apoio que como partidos que toman a iniciativa.

Asemade, non se pode ignorar, que as diferenzas entre os partidos e as organizacións de base do nacionalismo galego na valoración das prioridades son cada vez maiores, especialmente no eido laboral, agrario, estudantil. Abonda con facer unha rápida lectura dos programas dos partidos e frontes políticas, das iniciativas e das mensaxes, para comprobar a teima coa que se tratan algunhas problemáticas e o carácter secundario que foron adquirindo outras.

Todo indica que o discurso e a iniciativa dos partidos nacionalistas con representación institucional xira sobre dous eixos fundamentais: as cuestións que os grandes medios españolistas colocan no centro do debate, e os temas ligados coa xestión das institucións municipais e autonómicas. E isto sucede tanto por parte daquelas forzas que son coherentes co principio da autoorganización, como con aquelas que por oportunismo manteñen algún tipo de alianza con forzas estatais. Daquela que, mesmo o aspecto histórico, cultural e lingüístico, tan importantes para potenciar a identidade, foron perdendo perdendo peso, para alén de datas simbólicas.

Esta evolución que prima o reformismo non é casual, nen consecuencia dunha traizón ao proxecto do nacionalismo anticolonial xurdido no derradeiro período da ditadura franquista. Coido que a cuestión é máis complexa. Sen dúbida pesa, non se pode obviar, a caída da URSS e das democracias populares, o apoxeo ideolóxico da globalización neoliberal, os cambios xeracionais e de referentes públicos, e as modificacións na composición dos organismos de dirección. Mais, neste artigo só quero debullar, un chisco, este último aspecto, xa que coido é o máis doado de solucionar se hai vontade.

Esta evolución que prima o reformismo non é casual, nen consecuencia dunha traizón ao proxecto do nacionalismo anticolonial

 

Chámense consellos, asembleas ou direccións nacionais dos partidos ou frontes, na práctica estes son os organismos onde se deciden as políticas a medio e curto prazo, as estratexias e as tácticas. Os congresos, agás en situacións moi especiais, por exemplo, de cambios bruscos de liña ou persoas de referencia, carecen de calquera capacidade de incidencia práctica sobre a organización na súa actividade. Se cadra por isto, as estruturas son cada vez máis piramidais; moi afastadas daquelas da clandestinidade e primeiras décadas da transición onde a base o era todo. O argumento ou escusa é a necesidade de dar respostas inmediatas. Vale. Mais: as decisións, os cambios, e os nomeamentos dende a cabeza non serán excesivos? Non estarán matando a participación e polo tanto o activismo e a militancia transformadora?

Se analizamos a composición destes organismos de decisión entre congresos, pódese comprobar que na inmensa maioría están integrados por persoas con dedicación á política institucional. A presenza de activistas do ámbito laboral, agrario, social e mesmo veciñal é mínima ou inexistente. Polo tanto, ten unha lóxica que non se lle dea prioridade a estes temas, por moi importantes e urxentes que sexan para a maioría da sociedade. Non existe ese grao de sensibilidade, de complicidade, nos organismos, e as lecturas non poden substituír e superar ás vivencias. Claro que cando se fan comparacións coa dereita semella que non é así. Mais esta análise hai que facela en relación coa resposta social, co grao de complicidade acadado nas clases populares, das que a inmensa maioría forma parte da clase traballadora (ocupada, desempregada ou pensionista). Por máis fragmentada que estea, salarios, contratación, xornada, prestacións, fiscalidade, son puntos de unión de inmensa transcendencia na súa vida cotiá.

Polo tanto, sería un paso adiante no camiño correcto que as forzas nacionalistas incorporasen nos organismos de dirección un número importante de activistas do ámbito laboral, agrario, ecoloxista, da cultura popular, do deporte, etc. Semella necesario e coherente. Non tería por que diminuír a representación institucional existente, mais deberíanse integrar novos cadros elixidos na base. Deste xeito o partido ou a fronte reflectirían moito mellor a composición social da nación galega, así como dos/as militantes e simpatizantes da propia organización política. Outro tanto acontecería coas problemáticas que confronta o povo galego, e ofrecería unha alternativa de poder popular (mobilización, organización, loita das ideas, xestión institucional), que sería completa, facendo críbel o proxecto alternativo a prol da liberación nacional e a xustiza social.

Sería un paso adiante no camiño correcto que as forzas nacionalistas incorporasen nos organismos de dirección un número importante de activistas do ámbito laboral, agrario, ecoloxista, da cultura popular, do deporte, etc.

 

Respecto desta cuestión, tampouco é un aspecto secundario que as/os referentes políticos sexan unha equipa, con varias figuras relevantes. Foi así en contextos revolucionarios e con persoalidades de tanto peso político e carisma como Lenin, Mao, Fidel Castro, Ho Chi Minh e Castelao. As apostas mediáticas, os/as “salvadores supremos” non existen e rematan baleirando de contido o debate, a camaradería, e autocrítica tan necesaria. Os proxectos de liberación sempre son colectivos. Se cadra sería un avance que a dirección do partido sexa distinta da portavocía no Parlamento. Evitaría a subordinación do partido-fronte á cuestión institucional, o que reforzaría o proxecto estratéxico, ou sexa: a loita contra a opresión colonial e a explotación capitalista.

En resumo: ademais dos debates estratéxicos sobre obxectivos e folla de ruta non son menos importantes aqueles que teñen unha relación directa co organizativo e os métodos de traballo. Estes aspectos non deixan de ser cuestións políticas. As formas e a composición dos organismos son reflexo do que, como, e con quen, se quere construír o cambio,... e como será ese cambio.

https://obloguedemera.wordpress.com/