O pasado sábado os chalecos amarelos mobilizáronse de novo polas rúas das cidades francesas, foi a súa manifestación número vinte cinco, o que evidencia que non se trata dun movemento conxuntural. Aínda que na súa orixe, hai seis meses, tivese moitas das características propias da espontaneidade, e malia que o número de asistentes fose minguando co tempo, o movemento amosa unha resistencia que só é posíbel conseguir cando se representa o sentir de sectores moi amplos da sociedade e existe unha forte desconfianza no sistema e nos governantes (en marzo un 58% da povoación apoiaba as reclamacións dos chalecos amarelos). Polo tanto, mesmo que no futuro desaparezan as mobilizacións semanais e outras accións de protesta, que aínda está por ver, este movemento social marcará o futuro político de Francia, cando menos no inmediato.

Os chalecos amarelos naceron nas vilas e no mundo rural, rexeitando o aumento da taxa aos carburantes

Os chalecos amarelos naceron nas vilas e no mundo rural, rexeitando o aumento da taxa aos carburantes, algo que lles afecta directamente, máxime cando carecen de transporte público alternativo ao coche particular. Daquela a súa composición inicial: transversal, popular, cunha forte presenza de persoas autónomas e pensionistas segundo os medios. Unha reivindicación que Macron terminou aceptando, malia que significaba uns dez mil millóns de euros menos no futuro para as arcas do Estado, co obxectivo de restar forza e apoio social aos chalecos amarelos.

Agora ben, o sociólogo francés Alain Bihr caracteriza con máis precisión a composición do movemento que: “no fundamental está integrado por proletarios (obreiros e empregados, asalariados ou non), aos que se engaden membros das capas inferiores do marco (axentes de control, técnicos) ou da pequena burguesía (esencialmente artesáns, a miúdo autónomos, pero tamén campesiños e até intelectuais) e pequenos empresarios. Podemos tamén destacar a presenza de mulleres en maior número do habitual nas mobilizacións” (http://sinpermiso.info/textos/francia-los-chalecos-amarillos-porque-y-como-comenzaron-analisis-y-propuestas). Polo tanto era lóxico que se engadisen axiña reclamacións menos conxunturais e sectoriais; que se asumisen entre os obxectivos principais unha distribución máis xusta da renda, maiores impostos sobre as grandes fortunas... Reivindicacións que aumentaron a complicidade social, dado o medre da desigualdade e que Macron sexa considerado o presidente dos ricos.

Os chalecos amarelos non foron tidos en consideración polas forzas tradicionais, partidos e sindicatos, agás algúns alcaldes

Ademais Bihr salientaba que os chalecos amarelos non foron tidos en consideración polas forzas tradicionais, partidos e sindicatos, agás algúns alcaldes. Mesmo había naquela altura, a finais do ano 2018, organizacións que os acusaban de estar infiltrados pola ultra-dereita. Unha visión simplista, que non tardaría en ser contestada pola propia base dos sindicatos, especialmente da CGT, que se tiña sumado en moitas localidades ás mobilizacións. A práctica en común na base, e a definición programática cada vez máis rupturista do movemento, foron tendendo pontes. Un salto decisivo sería á convocatoria pola CGT da folga xeral do 5 de febreiro deste ano, coa participación dos chalecos amarelos, na que as mobilizacións reuniron a máis de 300.000 manifestantes.

En relación cos chalecos amarelos destaca a súa capacidade para manter a mobilización, máxime cando non existe ningún partido ou sindicato que teña unha incidencia ou protagonismo especial, malia a contundencia coa que as forzas policiais reprimen as manifestacións. Por exemplo, dende a primeira acción de protesta, o 17 de novembro, até o 24 de marzo, foron condenadas 2.000 persoas, un 40% con penas fixas e un 60% de servizos á comunidade, e outras 1.800 están pendentes de xuízo; e dende o inicio até os primeiros días de xaneiro contabilizáronse 1.500 participantes feridos e 53 deles graves. Denunciase dende o movemento que o Governo “consente” a grupos que practican unha violencia gratuíta, para deste xeito xustificar as cargas policiais contra a maioría que protesta pacificamente. E como parte do guión do Governo francés para os medios, predica ca súa moderación confronta coa violencia dos chalecos amarelos, e escenifica unha mesa de dialogo, o Gran Debate Nacional, máis aparente que real.

Remy Herrera, economista marxista, valora como positiva a segunda Asemblea de asembleas dos chalecos amarelos, realizada o pasado 6 de abril, á que asistiron 200 delegacións que levaban mandato de dez mil activistas espallados por toda Francia. Herrera destacaba do debate que: “as reivindicacións débense concentrar na subida dos salarios, as pensións e os mínimos sociais, con especial atención aos nove millóns de persoas que viven por baixo do limiar da pobreza no país. Dise que hai que reforzar os servizos públicos para todas e todos” (https://www.workers.org/2019/04/30/segunda-asamblea-de-asambleas-de-los-chalecos-amarillos-hay-que-salir-del-capitalismo/).

Todo fai pensar que os chalecos amarelos van camiño de se converter nun movemento político

Todo fai pensar que os chalecos amarelos van camiño de se converter nun movemento político, ou dun instrumento para se presentar ás eleccións. Aínda que sobre este aspecto haberá un gran debate, que ademais podería dividir o movemento. Se fose así, seguiría neste aspecto o camiño do 15-M=Podemos. O interrogante é: se neste caso, mantería seu cuestionamento do sistema coa mesma intensidade que até agora, cando a súa razón de ser é a mobilización reivindicativa, ou se esta terminará pasando a un segundo plano en beneficio do institucional, como sucedeu con Podemos?

O tempo dirá, se a evolución dos chalecos amarelos e do 15-M van ser semellantes. Aínda que neste aspecto non se debe esquecer que o proceso do movemento francés ten características diferenciais respecto do 15-M. Primeiro, a composición social é distinta, xa que está integrado por persoas asalariadas, autónomas, pensionistas, xentes das clases populares de pequenos núcleos; o 15-M era mocidade urbana, cunha importante presenza das clases medias. Segundo, non se trata só da ocupación de lugares como facía o 15-M (no caso francés de rotondas e peaxes), senón tamén de mobilizacións que disputan as rúas principais das cidades, e que comezaron atrancando estradas. Terceiro, o grao de represión policial, de persoas feridas, detidas e condenadas, non ten comparación, tampouco o inmenso aparello represivo. Na manifestación do 8 de decembro houbo 1.723 persoas detidas e 135 feridas. Cuarto, na súa 2ª Asemblea o movemento dálle centralidade aos aspectos relacionados co traballo e as pensións, segundo a valoración que fai Remy Herrera.

Calquera sexa a evolución dos chalecos amarelos hoxe hai moito que aprender deles.

Calquera sexa a evolución dos chalecos amarelos hoxe hai moito que aprender deles. Por exemplo, que para chegar ao povo, acadar a súa complicidade, ser vistos como unha alternativa, ademais de propostas, cómpre coherencia, teimosía, e iniciativa, e darlle participación e protagonismo. Que se manifestasen cada sábado durante meses, as ocupacións e as asembleas, foron o salto cualitativo que marcan a diferencia entre a protesta ritual das organizacións tradicionais e a vontade real do cambio, de dar a batalla. Daquela que conten cun apoio tan amplo, e teñan un papel na sociedade superior ao de forzas históricas e cun maior número de afiliados/as. Os métodos de loita mudan, dependen da correlación de forzas, do estado de animo, da precariedade laboral, así como do poder económico e político das clases dominantes, e da súa hexemonía no eido das ideas.