Paréceme correcto que o BNG non entre no debate entre Podemos+EU+Anova+En Marea (Cerna), malia que nas declaracións haxa quen fai criticas preventivas contra a fronte. Resulta evidente que non son casuais, e que teñen como obxectivo construír muros contra unha posíbel desbandada da militancia e que o Bloque se vexa como a única alternativa, por parte daquelas persoas que se reclaman nacionalistas (Anova+En Marea). Todo indica que se trata dunha táctica que na dirección de En Marea consideran necesaria, xa que non está resolto o debate interno sobre cal debe ser a folla de ruta e a política de alianzas neste intre tan decisivo.

En senllas entrevistas para La Voz de Galicia e o Faro de Vigo, Luis Villares, marcaba distancias  con Podemos e o BNG. Afirma que ambas forzas políticas son controladoras, que UP virou á esquerda afastándose do progresismo, e que o BNG mantén unha postura sectaria coa a sociedade na cuestión nacional. Defínese partidario da transversalidade, obviando as clases sociais (como predica Errejon). Non concreta que implica a resolución da problemática nacional, nen sequera reafirma a centralidade deste tema esencial, malia seica foi un dos detonantes do conflito con Podemos. Ou só era unha escusa?...

Nas entrevistas Villares é optimista sobre o futuro da súa organización, e valora o resultado das xerais como un retroceso circunstancial

Nas entrevistas Villares é optimista sobre o futuro da súa organización, e valora o resultado das xerais como un retroceso circunstancial, aferrándose a que En Marea é a segunda marca electoral do País. Porén non define ningunha alternativa para reagrupar forzas, máis alá de criticar a liña das Mareas das cidades e da alianza de Anova con Podemos+EU, alentándolles a que retornen ao camiño correcto. Un chamamento que semella abocado ao fracaso, cando menos a curto prazo. Esta postura confirma como acertada a análise de Xacobe Ferreiro, no Sermos Galiza da pasada semana, cando indica que hai tres alternativas no debate aberto polos malos resultados das eleccións. Delas, a proposta con máis apoios sería unha alianza co sector de Errejon. Ou sexa, manter subordinación no nacional, malia o fracaso dunha experiencia realmente autónoma na alianza con Podemos+EU.

Coñezo persoas da bisbarra de Vigo e do sur da provincia de Pontevedra que militan nesta forza política, podo non coincidir co camiño que escolleron, mais nunca dubidei do seu nacionalismo, e de que defenden unha postura de esquerda, de xustiza social, solidaria, participativa. Con moitas coincido na CIG na militancia sindical, no obxectivo de conquistar unha sociedade sen explotación. Non penso que coloquen as feridas do pasado, ou a utopía dos salvadores supremos, por riba dos intereses das clases populares galegas, máxime cando a vía da “fronte popular” de ámbito estatal, na procura de transformacións inmediatas, ou para evitar un governo da dereita, demostrou ser ineficaz e na práctica reprodutora do centralismo, aínda que utilice un discurso “comprensivo” da problemática.

O éxito electoral “mestizo” non fortaleceu a mobilización popular, nen avanzou a conciencia nacional e social na Galiza

O éxito electoral “mestizo” non fortaleceu a mobilización popular, nen avanzou a conciencia nacional e social na Galiza, e tampouco medrou a militancia comprometida na loita social. As novas formas non foron máis efectivas que a “vella” concepción do partido marxista baseado na militancia, na organización, no combate das ideas, na acción no centro de traballo, no barrio,... Analícense os resultados. Polo tanto a crise desta “nova esquerda” non é, no esencial, unha cuestión de boas ou malas relacións entre persoas, nen sequera de que as regras de xogo non foran abondo democráticas (aínda que poda ser un obxectivo pendente). O fundamental é que, o camiño escollido non resultou ser o axeitado para a liberación nacional e social. Tampouco permitiu substituír o instrumento político que historicamente viña cumprindo ese papel, como se teorizou, e ademais debilitouno (aínda que as últimas eleccións amosan que pode ser algo transitorio).

Non se trata só de conseguir algunhas concesións sen mudar o sistema, como procurou a nobreza galega durante séculos en Madrid ou Lisboa, facendo de intermediarios na Corte. Por certo, unha andaina que tamén veñen a transitar o PP e PSOE galegos dende a ditadura. Polo tanto substituílos nese papel non muda ren. O cambio está en construír forzas soberanas, populares e democráticas, de homes e mulleres iguais, como paso necesario para que o povo se sinta suxeito político da transformación. Na Galiza o nacionalismo debe ser en esencia un obxectivo, daquela que teña unha ligazón tan fonda coa xustiza social. Só así se resolverá a contradición dunha nación que carece de estado propio, que padece o neocolonialismo e a dependencia. Nesta conxuntura, cun capitalismo globalizador e senil, cunha disputa tan grande entre as clases dominantes, co medre da desigualdade e precariedade, coa desfeita ecolóxica, os tempos sociais e políticos bulen. Daquela, que a dirección e a militancia de En Marea estea diante dunha disxuntiva estratéxica, e pode que histórica (tamén a de Anova).