O triunfo do PSOE nas últimas eleccións, malia ficar lonxe da maioría absoluta, colócao nunha situación de privilexio respecto dos grandes partidos de ámbito estatal, máxime cando o bloque da dereita está dividido en tres opcións, que se disputan duramente ese espazo. Asemade, á súa esquerda, Podemos non deixa de recuar por mor das súas múltiples fracturas e dunha viraxe cada vez máis evidente cara os postulados da socialdemocracia, no relativo á plena aceptación do sistema. Polo que as diferenzas fican reducidas ao cuantitativo nas reivindicacións sociais, e na teórica aceptación do dereito de autodeterminación. Porén lembremos que xa naceu como unha forza transversal, polo tanto obviando ou deixando nun segundo plano a loita de clases, polo que a súa evolución non foi casual ou condicionada pola conxuntura.

Mais, indo ao motivo deste artigo, que trata dos cambios na folla de ruta por parte do PSOE dende as eleccións municipais, autonómicas, e do Euro-Parlamento. Os medios destacan o afastamento con Podemos, como unha actitude táctica a fin de deixar en evidencia a súa debilidade e conseguir que esta forza teña o menor protagonismo posíbel no novo Governo. Mestres ao mesmo tempo faille acenos a Ciudadanos para aumentar súas contradicións internas e no bloque da dereita, e buscar aliados conxunturais. Agora ben, non se pode obviar que a esta estratexia de Pedro Sánchez  axuda a teimosía de Pablo Iglesias por entrar no Executivo, deixando nun segundo plano o debate dos compromisos programáticos.

Este axuste na folla de ruta de Pedro Sánchez non se debe esencialmente ao obxectivo de constituír un Governo só do PSOE

Este axuste na folla de ruta de Pedro Sánchez non se debe esencialmente ao obxectivo de constituír un Governo só do PSOE. O fundamental para Sánchez, e todos os governantes que asumen a liña da UE, é levar adiante as políticas aprobadas en Bruxelas, coas que o PSOE está comprometido, e facelo cos menores atrancos e desgaste posíbel (compromiso que ratificou Pedro Sánchez a noite do triunfo nas xerais, mentres a base berráballe ¡con Rivera non!). A presenza de Podemos no Governo podería ser unha pedra no camiño, xa que estaría no posto de mando do barco, co que isto implicaría de inestabilidade en temas nos que diverxen (nos que Podemos se xoga a súa supervivencia como proxecto diferenciado). Mentres que no Parlamento o PSOE poderíase apoiar na dereita en certas cuestións (condicións laborais, pensións, presión impositiva, manter fosilizado o modelo autonómico -sabendo que a globalización xoga a baleiralo de contido en poucos anos-).

Coñecer as conclusións das conversas que Pedro Sánchez mantivo con Macron e Merkel,  inmediatamente despois da 2ª volta electoral, botarían moita luz respecto deste axuste na política de alianzas, non só respecto de Podemos, senón tamén en relación co movemento independentista en Cataluña e Euskadi. Lembremos dúas das iniciativas posteriores do PSOE. Unha para arrebatar a alcaldía de Barcelona a ERC, e a outra, o veto a Bildu na negociación para facer viábel un governo progresista en Navarra (casualidade?...). Tampouco se pode ignorar a postura dos fiscais e dos avogados do Estado no xuízo contra o soberanismo catalán, aínda que son anteriores,  forman parte dunha actitude que contradí a presunta postura de Pedro Sánchez na procura dunha saída negociada ao conflito catalán, seica coa finalidade superar as tensións coas nacionalidades históricas mediante un modelo federal. Ademais, é cuestionábel que aínda manteña esta proposta unha socialdemocracia globalizadora e cun dobre discurso na xestión do capitalismo (neoliberal).

A confrontación de alternativas do POSE e do PP+Ciudadanos son máis unha cuestión de cantidade e formas, que de diverxencia de modelo

Quero deixar en evidencia, con estes exemplos, cal é realmente a folla de ruta da socialdemocracia.  Non podía ser doutro xeito, malia que os espellismos de atopar un camiño fácil sempre ilusionan. Esta corrente política hai moito tempo que constitúe unha das pernas do sistema (vexase que en materia de rebaixa do déficit a UE non dixo ren até que pasaron as eleccións, outorgando munición para o medre do PSOE). Isto non implica que non existan diferenzas entre a dereita e a esquerda do sistema no enfoque social, dos dereitos individuais e da problemática territorial. Porén, a confrontación de alternativas do POSE e do PP+Ciudadanos son máis unha cuestión de cantidade e formas, que de diverxencia de modelo no económico, social e territorial. Por iso a tendencia dominante en todos os países da UE é o medre da desigualdade, a caída dos salarios, e os retrocesos democráticos. Só varia a porcentaxe, governe a dereita ou a chamada “esquerda”. Daquela que en Alemaña, a potencia líder da UE, o executivo estea formado por unha coalición entre a dereita e a socialdemocracia, e non é a primeira vez.

Non está no programa do PSOE a nacionalización de sectores privados especulativos en servizos que son básicos na sociedade actual (como a banca, enerxía e telecomunicacións). Ou unha reforma impositiva xusta que grave ás grandes fortunas e sociedades, que teñen uns lucros inmensos. Tampouco se lle ven intencións de rematar coa privatización e copago de servizos esenciais como a sanidade, ensino, auga, pensións, e eliminar as reformas laborais e os falsos autónomos e a uberización do traballo. Así como aumentar o salario mínimo, fortalecer a negociación colectiva, de xeito que os salarios teñan o peso que lles corresponde no PIB. Todo son simulacións de cambios que se van demorando meses, anos... e propostas de reformas parciais. Tampouco se di ren en temas que implicarían colocar en pé de igualdade ás nacionalidades históricas, como blindando as competencias, constituíndo un estado confederal, etc.

Todo reflicte que o PSOE, tamén o de Pedro Sánchez, quere levar adiante algunhas medidas sociais e nos dereitos individuais que lle garantan (co apoio do poder económico e dos medios) un gran arroupe electoral. Usando como escusa, para o morno dos cambios, os espantallos da crise, do fascismo, da inestabilidade, e do 155, e desviando a preocupación cara outros temas importantes, mais que non cuestionan directamente o sistema. Deste xeito pretende dobregar a Podemos e ao soberanismo, e manter a raia ao bloque da dereita.

A estratexia do PSOE non se derrota con consignas, como evidencian as últimas eleccións, máxime cando os espantallos son reais.

A estratexia do PSOE non se derrota con consignas, como evidencian as últimas eleccións, máxime cando os espantallos son reais. Só con propostas e obxectivos que superen pola esquerda o sistema, é posíbel deixar ao descuberto as limitacións e complicidades da folla de ruta do PSOE, que mantén no fundamental as tendencias dominantes. Ou sexa: empurrando coa mobilización e o protagonismo político das clases populares, clarificando mediante unha análise rigorosa dos programas e dos resultados da práctica, e propondo medidas transformadoras que se albisquen como máis eficaces, ofrecendo para estes cambios unha folla de ruta alternativa que se vexa como practicábel e posíbel.

Polo tanto, para o nacionalismo galego, non se trata de facer ou non facer coalicións nos concellos e outras institucións co PSOE, xa que hai argumentos de peso, como o de evitar que governe o bloque da dereita e empurrar por políticas de esquerda. A cuestión está en que isto non se converta nunha escusa, para non marcar axeitadamente os obxectivos da xestión, da mobilización e do debate, así como as reivindicacións económicas e sociais en cada ámbito, para este período. E sobre todo, cómpre realizar un esforzo para que os obxectivos estratéxicos formen parte destes acordos, para alén de que a propia praxe do nacionalismo contribúa ao avance do proxecto político de liberación (na conciencia nacional e de clase, no organizativo, nos distintos niveis da política de alianzas, nos métodos de traballo, no cambio da correlación de forzas, na superación de etapas...). Ou sexa:  construír poder popular, democrático e nacional, nesta conxuntura. Daquela a importancia, tanto dos obxectivos, como de consideralos sempre ligados a unha folla de ruta definida.

 https://obloguedemera.wordpress.com/