Dicía nun artigo, publicado a primeiros de xullo neste mesmo xornal, que o PSOE está dende as eleccións municipais-europeas marcando distancias con UP e co soberanismo catalán a vasco. Considera que “a súa maior baza é unha repetición electoral que lle permitiría aumentar a súa representación a costa de Podemos”. Sen dúbida, incide nesta folla de ruta a postura da CEOE, as condenas xudiciais dos presos/as cataláns, a aceptación das políticas neoliberais predicadas e practicadas pola Unión Europea, como enfrontar a redución da actividade económica por mor do Brexit, e a confrontación entre potencias e do esgotamento do sistema capitalista.

Mesmo pesando moito a cuestión catalá, e sabendo que sen unha negociación este conflito vaise enquistar e seguramente alargar ás outras nacionalidades da periferia, e que Sánchez gañou o seu liderado interno prometendo un PSOE máis aberto á cuestión social, no momento decisivo optou por non confrontar coa patronal. Polo tanto, todo indica que para alén de certos acenos sociais, sen grandes custes e que non mudan  a distribución da renda, a promesa dun mellor reparto do traballo e da riqueza será máis unha vez adiado, coa escusa dos nubarróns da nova crise. Non é casual que pasasen os meses sen que o Governo dera ningún paso efectivo para eliminar a reforma laboral, recuperando como mínimo a ultra-actividade e a primacía dos convenios de sector, e fixese o propio coa represiva Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal. As promesas electorais feitas por Pedro Sánchez hai uns días, de seguir aumentando o salario mínimo até o 60% do salario medio, ou actualizar as pensións co aumento do IPC, sendo importantes, non solucionan as causas principais que degradan acotío as condicións de traballo, pensións dignas e a subsistencia do sistema público.

Resulta evidente que nestes meses o PSOE fabricou unha ruptura con Podemos, poñendo por diante aspectos persoais, pouco críbeis

Resulta evidente que nestes meses o PSOE fabricou unha ruptura con Podemos, poñendo por diante aspectos persoais, pouco críbeis no ámbito das relacións políticas e que empobrecen o debate, coa finalidade de convencer á unha parte importante súa base electoral de que esta alianza era imposíbel, e preparar o camiño para futuros acordos con Ciudadanos  e o PP. A actitude belixerante co soberanismo e a cuestión catalá no último pleno do Parlamento, está en plena sintonía coa postura de Rivera e Casado. Nesta estratexia hai que entender tamén que gabase a actitude de Errejon como socio en Madrid do PSOE, máxime cando era favorábel a un pacto no que estivese Ciudadanos, co pobre argumento de evitar un governo de dereita coa participación de VOX.

Animar a que se presente Errejon en Madrid podería restarlle 3-4 representantes dos 6 cos que conta hoxe Podemos, e sobre todo darlle folgos a socializar que UP está en caída libre, e tirar réditos o PSOE noutras provincias como voto útil. E isto, ademais deixaría sen aliados ao soberanismo nas institucións de ámbito estatal respecto do dereito de autodeterminación. Algo esencial, mesmo que en Podemos esta postura teña máis de verbal (dado seu peso nas nacionalidades historias) que de proposta concreta para facer viábel un referendo ali onde se solicite, por exemplo Cataluña.

Todas as enquisas e analistas a esta altura coinciden en que non van variar moito os resultados entre os dous bloques (dereita-progresismo)

Todas as enquisas e analistas a esta altura coinciden en que non van variar moito os resultados entre os dous bloques (dereita-progresismo), e que a abstención vai aumentar, dado que desta volta non existe o temor a un medre de VOX. Seica crecería o PSOE e baixaría algo UP, e aumentaría o PP a costa de Ciudadanos e VOX. Pouco se di do terceiro bloque, o soberanista, malia que neste intre ten 32 deputados, 22 por Cataluña e 10 no País Vasco, e que todo reflicte que está consolidado. As incógnitas son: Conseguirá o PSOE un aumento tan grande e terá Ciudadanos un retroceso tan importante como para reconfigurar a política de alianzas no Estado? Conseguirá o soberanismo superar aos partidos estatais en Cataluña?

Sen dúbida están abertas outras incógnitas, aínda que a máis importante para Galiza é se o BNG acadará representación no Congreso. Non é doado, aínda que existen posibilidades, tendo en consideración a tendencia ascendente dos últimos procesos electorais. Dependerá de que sexa capaz de recuperar esa parte do voto que está na abstención, dende a ruptura; así como o daquelas persoas que votaron outras opcións do nacionalismo, defraudadas a esta altura por unha práctica na que aceptaron un carácter subalterno respecto de UP e EU, agás en situacións moi determinadas e de representantes moi concretos, que terminaron illados dos ámbitos de decisión. Termos voz propia implicaría que Galiza fose vista como unha nación con reclamacións especificas no ámbito cultural, lingüístico, dunha historia propia, porén tamén no económico, especialmente respecto do mundo rural e da industria, do peso do sector público e do cooperativismo, así como da centralidade das reivindicacións laborais, sociais e democráticas.

O BNG debería realizar un esforzo especial en relación coa abstención, xa que atinxe fundamentalmente á clase obreira

Coido que para lograr este obxectivo o BNG debería realizar un esforzo especial en relación coa abstención, xa que atinxe fundamentalmente á clase obreira, persoas desempregadas e mocidade. Ou sexa, trátase do celeiro natural da esquerda nacionalista, é dicir de sectores que partindo das complicidades nos conflitos cotías ven ou poden ver ao nacionalismo político como súa referencia, se este ademais de estar nas loitas concretas, fai súas as propostas que lle afectan como clase. E iso implica que na mensaxe teñan un lugar destacado os salarios e as condicións laborais, unha fiscalidade progresista, o desemprego, as pensións, a dependencia, a sanidade e o ensino. Ou sexa, as cuestións que as clases populares consideran prioritarias, tal como o confirman as enquisas cando se lle pregunta ás persoas na Galiza cales son no seu caso os problemas máis urxentes. Evidentemente non se trata dos únicos temas e reivindicacións importantes e de carácter estratéxico.

Nas eleccións do 28-A o BNG acadou 93.386 votos ao Congreso e 133.845 ao Senado. Un 50% máis neste último caso. Houbo polo tanto un voto repartido entre o Bloque e outros partidos do nacionalismo, que foron en candidaturas enmarcadas en proxectos estatais. Conquistar este voto, que se disputa o BNG e outras forzas nacionalistas, é un tema que non se pode ignorar. Os resultados nas eleccións europeas indican que unha boa parte, xunto coa procedente da abstención, recolleuno o Bloque. Resultou evidente que o voto en disputa con outras forzas era moi amplo, xa que se acadaron 171.500, malia que a participación foi do 65,3% e nas xerais atinxiu o 74%. Claro, que cada elección ten a súa dinámica, neste último caso coincidiron coas municipais, os medios de comunicación non son neutros, e na Galiza están moi mediatizados polo centralismo. Mesmo así, tamén depende en boa medida da vinculación coas loitas laborais e sociais, e destas co programa e mensaxe que se utilice na campaña electoral. Un mes e medio é moito tempo... Hai posibilidades!

https://obloguedemera.wordpress.com/