Sigo con interese o debate que se está dar En Marea, xa que coido que seus resultados son de suma importancia para as clases populares galegas, ou sexa para Galiza, e moi especialmente para o nacionalismo. O esencial, neste intre, non é tanto reunir todo o nacionalismo nunha soa forza política, como que a esquerda na Galiza teña como principios a autoorganización, e como obxectivos a xustiza social e a soberanía nacional, desenvolvemento e progreso. Sen dúbida este último é o tema que está en disputa no seo de En Marea, aínda que a súa translación exterior se escenifique como unha cuestión de respecto polas regras de xogo internas (que tamén o é). 

Facer dende outras forzas do nacionalismo unha análise do conflito de En Marea só en termos de resultados electorais, por exemplo, en función das vindeiras municipais e europeas, pode poñer contentos a aquelas persoas que todo o supeditan ao electoral e inmediato. Ou sexa, de proxectos que aposten por unha simplificación da oferta, sen ter en consideración que o fundamental é reconstruír o espazo do nacionalismo como forza cunha gran presenza na mobilización e nas institucións. Unha forza que sexa quen de confrontar co sistema, conquistar obxectivos e gañar espazos de poder popular. Darse por satisfeitos con recoller as migallas do conflito interno de En Marea, poñendo por adiante máis os intereses de partido (e nalgúns casos os persoais), que os do país, amosaría a falta dunha estratexia de liberación, de non comprender os tempos históricos e as tendencias dominantes. Polo tanto, o positivo e relevante é que o sector de En Marea, que considera que Galiza debe ser o centro de decisión, saia fortalecido do conflito interno e se consolide, evitando así que unha fracción importante dos/as simpatizantes fique na casa. 

Que se resolva deste xeito é de transcendencia para a reconstrución do nacionalismo. Un camiño que cómpre percorrer alentando o traballo en común en todos os conflitos abertos co capitalismo colonial: no laboral, social, cultural, lingüístico, ecolóxico, etc. Asemade, é necesario tomar a iniciativa e ademais forzar a que se sumen ás propostas concretas organizacións da esquerda e o progresismo non nacionalistas, sen sectarismo (lembremos a historia do movemento nacional popular galego das primeiras décadas). Algunhas preguntas: por que existe por parte dalgúns/as dirixentes do nacionalismo unha postura tan aberta nalgunhas cuestións e tan restritiva noutros temas? Non se pensará máis no rédito electoral inmediato, que nos resultados da mobilización?  Se fose así, non valería a escusa de que se trata de non baixar o listón reivindicativo cando despois dende o púlpito nos actos se berra un tímido: Galiza ceibe! E o público contesta: Galiza ceibe, poder popular!!! inxerindo a referencia de clase, a oposición á explotación, e ligando a soberanía coa xustiza social. Non se debería tomar nota desta rectificación feita pola base? Isto aclararía porque en determinados actos participan tan poucos cadros de empresa, malia que a CIG é a primeira central sindical do país. O nacionalismo institucional, todo el, debería cavilar sobre estes feitos.

O positivo e relevante é que o sector de En Marea, que considera que Galiza debe ser o centro de decisión, saia fortalecido do conflito interno

 

En fin, coido que debemos pensar estratexicamente, ligando en todo acto e momento, correctamente, as prioridades e estado de animo do povo, coa folla de ruta e obxectivos para a liberación nacional e social. O povo é a esencia da nación, do seu futuro. Non os/as dirixentes por máis consecuentes e entregados/as que sexan. E a eficacia do nacionalismo hoxe, sen esquecer as responsabilidades que cada quen teña no pasado sobre erros e acertos, depende de ter capacidade para gañar ás grandes maiorías sociais, priorizando o futuro, pensando estratexicamente. E isto tamén comeza por reconstruír na práctica a unidade do nacionalismo na loita laboral, nacional, social, cultural, ecolóxica, contra a violencia de xénero, pola democracia, etc. Así como un discurso valente, coherente, que constrúa na práctica e no imaxinario colectivo un modelo alternativo. 

Debemos pensar estratexicamente, ligando en todo acto e momento, correctamente, as prioridades e estado de animo do povo, coa folla de ruta e obxectivos para a liberación nacional e social

 

Axuda moito respecto da unidade que hoxe existan espazos nos que esta xa se dá, como sucede na CIG. Mais non abonda, e perde parte da súa significación, cando cuestións fundamentais como é un reparto xusto do traballo e da riqueza, non teñen a prioridade que lle corresponde na mensaxe de moitos partidos da esquerda, tamén do nacionalismo. Unha eiva política que impide aproveitar en toda a amplitude o que o povo entende como seu maior e máis urxente problema (e de contradición co sistema: precariedade, aumento da xornada laboral, rebaixa dos salarios, falsos autónomos,...). Unha contradición que se dá nun contexto de aumento da explotación, que se alarga cunha regresión nos servizos públicos, na fiscalidade, nas pensións e en todo tipo de prestacións públicas. 

Todos estes aspectos están relacionados co reparto do PIB entre as clases sociais, e non se solucionan coa liberación nacional se esta carece dun contido de clase, aínda que a soberanía sexa esencial para defender nosa cultura e lingua, rachar co papel subalterno e dependente, polo tanto é unha condición básica para avanzar en xustiza social e democracia. Existe unha interdependencia, que implica tratar ambas contradicións en plano de igualdade, de asociación (como fixemos durante décadas) evitando a subordinación de calquera delas, como se pretende hoxe dende algúns sectores do nacionalismo. Uns colocando o nacional como sinónimo de interclasismo (non de alianza de clases, con programas mínimos, e independencia orgánica, como se fixo en China no contexto da ocupación xaponesa). Mesmo ignorando que mais dun 80% da povoación activa é asalariada. E outros considerando a cuestión de clase como factor exclusivo, para relegar a autoorganización e a problemática nacional a unha condición subalterna e cosmética, recreando no debate das ideas e na folla de ruta mensaxes e vías que reproducen e alentan a dependencia secular da nosa nación. 

Todos estes aspectos están relacionados co reparto do PIB entre as clases sociais, e non se solucionan coa liberación nacional se esta carece dun contido de clase

 

En resumo, é beneficioso para o povo galego e o nacionalismo que En Marea se consolide, e que a suma das forzas de esquerda que teñan a Galiza como referente central das decisións superen nas institucións a Podemos+EU (axuntaráselles tamén unha fracción de Anova?). Este paso adiante axudaría a lograr unha mobilización máis forte e participativa das clases populares. Unha tarefa sempre fundamental, máxime diante do avance do españolismo (non só na dereita). Polo tanto, nesta conxuntura sería un erro darlle máis valor á competencia conxuntural do BNG e En Marea, aínda que existe e non se pode obviar, que ao proxecto estratéxico. Só ligando o presente co futuro, o concreto co xeral, ollando en toda a súa amplitude o proceso, pódese construír poder popular, mensaxe e base material, para a liberación nacional e social. Rexeitemos o inmediatismo, a foto fixa, a actitude defensiva.

https://obloguedemera.wordpress.com/

 



x