Reflexionaba nun anterior artigo, neste mesmo medio, sobre o feito de que o PSOE buscaba o apoio ou a abstención doutras forzas para garantir súa investidura. Deste xeito, pretendía evitar compromisos programáticos e de coalición, polo que podería aplicar políticas propias ou que senten como súas, malia que representen os intereses do gran capital. No fundamental estas políticas coinciden coas liñas estratéxicas marcadas pola Unión Europea. Algo que por outra parte non é unha novidade, porque isto foi o que fixeron todos os governos do PSOE anteriores, mesmo cando a globalización neoliberal non era tan forte, dado que para eles a construción da Unión Europea do capital ten un carácter central.

Ten a súa lóxica, a UE presentase como garante das liberdades individuais (unha preocupación importante despois da traxedia franquista), e ao ser un marco marco máis amplo e forte serve como freo e debilita as identidades das nacións periféricas (Cataluña; Euskadi, Galiza...). Ao que se debe sumar a cobertura que esperan das potencias rexionais en relación coa defensa dos intereses económicos do Estado español no exterior. Estes son considerábeis, especialmente no sector bancario, enerxético, da telefonía, da construción e editoriais, especialmente na América Latina e Europa (Banco Santander, BBA, CaixaBank; Repsol, Iberdrola, Naturgy, Telefónica, ACS, Ferrovial, Aciona, Sacyr, Editorial Planeta, Editorial SM, Inditex, etc.).

O Estado español obtén por medio das multinacionais lucros considerábeis do capital deslocalizado, 

Non se debería desprezar este último aspecto, xa que o Estado español obtén por medio das multinacionais lucros considerábeis do capital deslocalizado, utilizando como engado no caso de América Latina a forte emigración no século pasado, así como os vínculos culturais e históricos. Este papel imperialista debería ser estudado máis detidamente, para entender que a opresión interior non foi unha casualidade, senón o inicio dun longo proceso histórico de expansión, que ao igual que o do Reino Unido e Francia, comezou nos países limítrofes para se estender despois a outros continentes.

Por outra banda, non se pode ignorar que neste intre, o BREXIT e as discrepancias de Bruxelas con Italia, danlle un protagonismo inesperado ao Estado español, e ao PSOE de Pedro Sánchez, nas decisións da UE, que Madrid nunca tivo antes. Algo que sen dúbida ningunha condiciona as decisións do PSOE, tal como amosan as actitudes dende ás eleccións municipais-europeas, nas que marca distancias tanto con Podemos como co soberanismo catalán a vasco. A súa maior baza é que unha repetición electoral permitiríalle aumentar a súa representación a costa de Podemos. Ademais, agravaría as tensións dentro da dereita, afectando os pactos conseguidos para se repartir o poder local e autonómico.

Sendo esta unha das opcións posíbeis, Sánchez non ten garantías absolutas de que sirva para solucionar os atrancos actuais. Podería aumentar a abstención (por fatiga electoral ou por non acertar a sociedade plenamente os argumentos do PSOE), o que faría crecer en porcentaxe do bloque da dereita, e o soberanismo ademais de se consolidar mesmo podería medrar (e non só en Cataluña e Euskadi). Ademais, aínda que o PSOE crecese en deputados/as a costa de Podemos é practicamente imposíbel que acade a maioría absoluta. Polo tanto, a convocatoria de novas eleccións non permitiría a Pedro Sánchez evitar un governo de coalición e, o máis grave, aumentarían as esixencias de Podemos, sabedor de que o PSOE non ten máis opción que pactar.

Pedro Sánchez podería estar xa calculando que áreas lles poden ceder a Podemos que non afecten ámbitos sensíbeis

Seguramente estas son as contas que están a facer os socialdemócratas a esta altura (en realidade  social liberais), despois de ver que non funcionan totalmente as ameazas dunha nova convocatoria electoral e que alentar o errojonismo non lle soluciona o problema, Pedro Sánchez podería estar xa calculando que áreas lles poden ceder a Podemos que non afecten ámbitos sensíbeis, como a economía, traballo, defensa, o tema territorial, exteriores, etc. Evidentemente trataríase dun governo en disputa (como existen nalgúns países de América latina). A outra opción é que o PP e Ciudadanos decidan absterse, premidos polos poderes económicos. O capital ten máis que analizado o escenario, e segue apostando por un governo en solitario do PSOE, que nos temas sistémicos se apoie na dereita, e respecto dos dereitos individuais na esquerda (xénero, migración, liberdade sexual,...). 

De se realizar novas eleccións xerais, no caso concreto de Galiza, se temos en consideración os resultados das últimas convocatorias, habería moitas posibilidades de que o BNG obtivese representación tanto pola provincia da Coruña como por Pontevedra (véxanse os votos ao senado en abril e ao euro-parlamento en maio). O BNG aparece hoxe como o voto útil do nacionalismo, por unha banda, e pola outra, debería selo tamén do voto á esquerda do PSOE. Neste aspecto, que é fundamental, a fronte nacionalista tería que facer un esforzo especial para demostrar que representa os intereses da clase traballadora e non dalo por sobre entendido (algo que non lle debería ser difícil tendo en consideración seu papel na CIG, se reforza na mensaxe e no liderádego a cuestión laboral). A clase traballadora é, xunto coa mocidade, a porcentaxe maioritaria das persoas que buscan un cambio sistémico. Quero lembrar que, segundo as enquisas, en Cataluña e Euskadi o nacionalismo tampouco é a maioría, e que o independentismo crece grazas ao apoio daquelas persoas que coidan que esta alternativa melloraría a súa calidade de vida.

Haxa ou non novas eleccións, todo amosa que o PSOE terá que facer concesións á súa esquerda e ao soberanismo

En resumo, haxa ou non novas eleccións, todo amosa que o PSOE terá que facer concesións á súa esquerda e ao soberanismo, especialmente o catalán. Esperar que os cambios sexan significativos, ou sexa que afecten o sistema, é utópico, puro espellismo. Así como pensar que será valedor destas transformacións Podemos, véxanse súas cesións e cambios de liña nestes poucos anos. Non existe unha correlación de forzas institucional favorábel e ademais a mobilización social carece da intensidade necesaria (aínda que en determinadas convocatorias sexa masiva). A outra alternativa de Pedro Sánchez, sería que se apoie na dereita, veríase como unha traizón pola maioría do seu electorado. Non ten marxe de manobra. Así de duro e sinxelo, para desacougo do gran capital.

Agora ben, o aspecto central e o maior déficit para o cambio segue a ser a construción do poder popular. Ou sexa, crear organización e conciencia política, mobilizar e gañar a complicidade popular, tanto para confrontar cos governos reaccionarios como para empurrar aos que son social-liberais (que só son progresistas nos dereitos individuais, xa que lle serven de escusa e elemento de distracción e división). No fundamental ambos bloques defenden o capitalismo e a globalización neoliberal, é dicir, o imperialismo. Polo tanto favorecen a concentración e centralización do poder e da riqueza, co que isto implica para as clases populares e para as nacións dependentes. Claro que hai diferenzas. A dereita usa o mazo e as boas palabras, e a falsa esquerda utiliza a esmola pública e a sutileza na represión. Daquela que o PSOE non sexa unha solución, senón o mal menor. Nunca o camiño para acadar unha sociedade xusta, democrática e popular, e tampouco unha vía para a liberación nacional. É o mal menor. Repito, ollemos súa historia, analicemos súa práctica nas institucións, nas organizacións de masas. Polo tanto, para o nacionalismo rupturista e popular, matizar a mensaxe, alentar as áreas de disputa, non é algo secundario, cando se trata de crear conciencia política, de socializar obxectivos, folla de ruta e etapas, para dar folgos á mobilización e cambiar a correlación de forzas.