O (neo) fascismo volveu, non só mediante forzas como a vella Falanxe, ou de expresións actualizadas como Vox, senón a través dun proxecto con apoio mediático como Ciudadanos. Coa diferenza de que é unha extrema dereita renovada, modernizada, que utiliza unha linguaxe desta época na mensaxe e cuida a imaxe. Ou sexa, adaptada a sociedades nas que os medios hexemónicos do sistema global e as redes teñen unha inmensa incidencia na construción da conciencia. Por se non abondase, a caída do socialismo real foi demoledora, tanto para a clase traballadora como para os movementos de liberación nacional, e a falta de autocrítica da esquerda non permitiu aprender, rectificar e construír unha nova folla de ruta. Isto deu pulo á fragmentación ideolóxica, propia das conxunturas, e sobrevalorou o papel que cumpren as clases medias, do que antes se chamaba a pequena burguesía, que pasaron de aliadas necesarias a protagonistas absolutas da “esquerda”.

 

Neste contexto, os piquetes de Ciudadanos quitando lazos amarelos en Cataluña, con Rivera e Arrimadas ao fronte, non son unha anécdota, nen só unha táctica electoral, senón unha escenificación de obxectivos, de actitudes. Amosan unha alternativa do españolismo extremista, que aposta pola liquidación social e política dos nacionalismos periféricos, encetando polo catalán. Lembremos que os lazos amarelos foron colocados pacificamente polo independentismo, como reivindicación simbólica da esixencia de liberdade e xustiza para os/as presos políticos. Tampouco se pode ignorar que historicamente os nacionalismos dos países dependentes foron movementos defensivos e que o dereito á autodeterminación é un dereito básico. Dicíame unha amiga, con toda a razón, que o democrático sería que Ciudadanos colocase lazos doutra cor ou calquera outra simboloxía para lle disputar espazo público e electoral ao independentismo. Mais optou por retiralos, polo enfrontamento, mesmo sabendo que conta con moitos menos militancia organizada e apoios sociais. 

 

Neste contexto, os piquetes de Ciudadanos quitando lazos amarelos en Cataluña, con Rivera e Arrimadas ao fronte, non son unha anécdota

 

Polo tanto, hai que entender a decisión de alentar a confrontación nun país onde a maioría da povoación, ou unha inmensa parte dela, segundo o momento, está a prol da independencia, dende a soberbia do que se sinte protexido polo aparello do Estado español (económico, relixioso, xudicial, dos medios...). Porén tamén é unha resposta de quen espera obter beneficios políticos do conflito, gañándolle espazo electoral ao PP e ao PSOE entre os electores/as da España propiamente dita. A debilidade dos socialdemócratas (neoliberais) é evidente, máxime cando o propio Pablo Casado (que se gaba de ser españolista e dereitista, e o practica) desmarcouse da confrontación directa, que implica a dinámica de Ciudadanos. Agora ben, non se pode obviar que estas accións de vangarda, moi cubertas polos medios, e polo tanto ampliadas, teñen maior repercusión da que é lóxica, porque as grandes mobilizacións de masas non colleron o protagonismo que sería necesario, e teñen un carácter cada vez máis esporádico.

 

Semella urxente que o soberanismo catalán opte con claridade, ou pola vía da confrontación social e política, ou pola da negociación institucional e a mobilización popular 

 

Semella urxente que o soberanismo catalán opte con claridade, ou pola vía da confrontación social e política, ou pola da negociación institucional e a mobilización popular. Ningunha das dúas ten por que implicar ceder, recuar, mais non son iguais os tempos, os métodos de traballo e a mensaxe. Cada unha destas apostas corresponde a unha correlación de forzas distinta, a un contexto internacional determinado, e a un proxecto económico e social diferente. Aínda que para ambas cómpre contar con maioría nas institucións, conseguir a participación masiva da xente (aínda que non do mesmo xeito e con igual intensidade), ocupar no cotián os espazos públicos e facer xirar o debate arredor das propostas do nacionalismo, colocando as demais forzas á defensiva. Sen clarificar estes aspectos e os obxectivos a curto e medio prazo, non poderá tomar a iniciativa, impoñer unha folla de ruta, gañar novas complicidades, e avanzar nas conquistas nacionais, sociais e democráticas. Deter o reloxo, disputar a foto fixa, non permite ofrecer un proxecto e construír poder popular e conquistar a liberación. 

 

https://obloguedemera.wordpress.com/