Resulta preocupante o pouco que se fala na Galiza da situación económica e social en Portugal. Tería que ser o contrario, tanto polas relacións históricas, culturais e lingüísticas entre ambos povos, como pola importancia das transaccións comerciais, dos investimentos de capital e da incidencia na actividade turística. Non se pode pensar no futuro da nosa nación, en calquera dos escenarios posíbeis, sen considerar o papel que terá Portugal no proceso e nun escenario de liberdade. Só logo de valorar este aspecto podemos sumar as relacións con Asturias e Castela-León, comezando por aquelas áreas que teñen en común cultura e lingua, e nun terceiro circulo teriamos a outros países.

Portugal é, despois do Estado español e Francia, con quen temos maior intercambio comercial e, sobre todo, un saldo positivo tanto neste aspecto como no investimento de capital. Ou sexa, para aquelas persoas que non comprenden totalmente o que significa ou se negan a aceptalo: Portugal crea traballo e riqueza neta na Galiza! Unha realidade que choca coa idea que queren transmitir aqueles medios que poñen a lupa nas empresas que se trasladan ao outro lado da fronteira, aproveitando os salarios máis baixos, ou naquelas empresas terciarizadas portuguesa, contratadas na Galiza, que fai dumpig laboral en prexuízo do asalariado/a do país, e que esquecen que a excepción non confirma a norma.

Cómpre facer análises máis obxectivas, non condicionadas polas ideas das clases dominantes e dos partidos españolistas

 

Se analizamos globalmente a situación, sen que iso implique que non debamos combater o traballo precario ou a deslocalización empresarial, xa quixeramos ter unhas relacións económicas, semellantes ás de Portugal, co Estado español e outras potencias. Daquela, noso país crecería en PIB, en emprego, e en povoación. Polo tanto, cómpre facer análises máis obxectivas, non condicionadas polas ideas das clases dominantes e dos partidos españolistas, que alentan posturas anti-galegas e anti-populares, e por extensión anti-portuguesas. Fano por medo ou complicidade co poder central, imperialista nos obxectivos e nas formas, colonizador, destrutor da cultura e da lingua. Un factor externo que ademais elimina a capacidade produtiva galega da que non obtén beneficios directos, con graves custes sobre a economía e o emprego. Hai unha burguesía autóctona que se opón a abrir un escenario distinto, de desenvolvemento e xustiza social, que cuestione seu papel de intermediaria, aínda que sexa a costa de empobrecer o país, mantendo a Galiza nunha situación subalterna na cadea de valor, e exportadora de capital e man de obra.

Agora ben, Portugal tamén é vítima, como a Galiza, dun ataque aos dereitos laborais e democráticos. Retrocesos que se agudizaron coa integración na Unión Europea. Unha situación de urxencia que debería axudar a unir esforzos entre ambos povos irmáns, no social e político, na loita contra a explotación e opresión, para alén das diferencias cuantitativas e cualitativas, que as hai, como no referente á soberanía, aínda que sexa un aspecto cada vez máis formal que real. Mais, na práctica, mentres as primeiras as transaccións económicas e turísticas son hoxe moi intensas, no relativo ao sindicalismo e a política ten moito de anecdótico, e no aspecto cultural e lingüístico son lóstregos illados. Non existe un proxecto que procure recuperar a memoria histórica e gañar a complicidade da maioría social para unha estratexia común.

Coido que non se trata tanto de ver onde está a responsabilidade destes erros, como de sermos conscientes que, para a conquista da liberación nacional e social da nosa nación, as relacións con Portugal, son unha tarefa pendente urxente. Unha iniciativa que teña como forzas centrais o movemento obreiro e outras clases populares, e os partidos de esquerda e progresistas. Unha tarefa que debe formar parte do programa desta etapa, xunto con obxectivos fundamentais como a xustiza social, a democracia e a soberanía nacional. Acaso foi até agora así? Fagamos unha reflexión crítica. Estase realizando este esforzo? A min paréceme que non.

Para a conquista da liberación nacional e social da nosa nación, as relacións con Portugal, son unha tarefa pendente urxente

 

Hai sectores minoritarios na sociedade galega, ligados á universidade e ao culturalismo, que adoptan o portugués como lingua propia, ignorando centos de anos de afastamento, o nivel de conciencia e o estado de ánimo do noso povo. Esquecendo que a forma normalizada en Portugal foi a dialectal de Coimbra, e que o galego sendo parte da mesma lingua ten unha fonética e palabras propias, máis próximas ás que utilizan nas aldeas do norte de Portugal que as de Lisboa, Coimbra e Porto. Afastarse deste xeito do povo galego, ignorando o papel que se lle outorga á nosa lingua historicamente, marxinada e esmagada, non axuda para dar folgos á identidade nacional, á utilización da lingua galega, e á converxencia cos irmáns do sur. Pola contra, fortalece o castelán como lingua dominante e ao imperialismo españolista. Cómpre avanzar cara unha norma unificada co portugués, mais ese é un proceso que leva seu tempo histórico, e ningún paso adiante debe debilitar o prestixio e utilización do galego actual (que é o único punto de partida realista). Ou sexa, o emprego do galego está unido á hexemonía dun nacionalismo popular e democrático, e estreitamente ligado ás forzas de esquerda e progresistas de Portugal. Así como ás doutros países, encetando por aqueles máis próximos no ideolóxico, na historia e na cultura.

Cómpre avanzar cara unha norma unificada co portugués, mais ese é un proceso que leva seu tempo histórico

 

Neste intre, falta un discurso coherente sobre a necesidade de dar prioridade ás relacións con Portugal, unha divulgación mínima da transcendencia das conexións históricas, unha folla de ruta na que ambos povos irmáns poidan converxer nunha alianza de futuro ilusionante, transformadora, liberadora da clase traballadora e outras camadas populares. En fin, un mesmo povo na orixe, unha mesma lingua, unha cultura semellante, relacións económicas fortes, negadas como feitos integradores e de futuro polos intereses das clases dominantes, dos poderes fácticos (igrexa, medios de comunicación, etc). Mais, tampouco se pode obviar a falta dun proxecto político estratéxico que supere o táctico, que poña o acento en transformar a realidade para cambiar a correlación de forzas e facer realizábel a medio prazo a eliminación da explotación de clase e da opresión nacional. Non permite avanzar consolidando o correr moito sen o povo, nen o derrotismo destrutivo. Son precisos obxectivos a curto, medio e longo prazo, para gañar a complicidade do povo e construír forzas partidarias, sindicais e sociais sólidas, e gañar en capacidade mobilizadora e presenza institucional.



x