En varios artigos (neste xornal), antes e despois da convocatoria electoral, daba por feito que esta se ía realizar antes do final do mandato, e que o PSOE tomaría medidas cun carácter simbólico e aproveitaría o temor á estrema dereita para gañar as eleccións, mais a incerteza sempre se mantén até que se coñecen os resultados. Máxime cando existe unha fragmentación nas institucións tan grande e a situación económica e social é tan complexa e sobre todo carente dun futuro mellor para as maiorías. Por certo, esta realidade non desaparecerá co triunfo do PSOE, tendo en conta a súa historia, se non se lle forza a dar unha saída ás reivindicacións máis urxentes (derrogación reformas laborais e lei mordaza, pensións, dependencia, temporalidade, falsos autónomos, baixos salarios, dereito de autodeterminación, competencias, etc.).

O proceso amosou que a chave estaba na abstención. Esta é o refuxio tradicional dunha parte importante da clase traballadora en períodos de retrocesos laborais e sociais

O proceso amosou que a chave estaba na abstención. Esta é o refuxio tradicional dunha parte importante da clase traballadora en períodos de retrocesos laborais e sociais, e nos que seu protagonismo se reduce a mobilizacións e protestas defensivas, e carece de referentes partidarios claros. Polo que o aumento da participación, ante o temor a un governo servil á estrema dereita, permitiu que o bloque da esquerda e do progresismo sistémico superase en representación ao bloque da dereita. Ademais axudou, a este medre da participación nas eleccións, que PP e Ciudadanos fosen virando a posturas cada vez máis estremas durante a campaña, tanto no aspecto social (propondo novos axustes) como respecto da cuestión das nacionalidades dependentes.

Diante daqueles analistas que salientan a división no bloque da dereita como responsábel dos malos resultados obtidos, convén lembrar que esta ofrecía todas as opcións posíbeis. Pola contra a esquerda con posibilidade de obter representación carecía de alternativas rupturistas co sistema na cuestión social, aínda que as fixese respecto da problemática nacional. Neste aspecto medios informativos vascos destacaban que os bos resultados de Bildu debíanse a unha campaña máis centrada na cuestión social que nunca antes. E engadían que outro tanto se podía dicir respecto de ERC en Cataluña. É un dado que merece máis dunha reflexión, especialmente naquelas nacionalidades onde o nacionalismo non leva catro décadas de governo. En todo caso, os resultados electorais deixan un panorama no Parlamento español máis fraccionado co anterior, e no que destaca o avance do soberanismo en Cataluña e Euskadi. Polo que a problemática nacional non se poderá obviar nen agochar. Ao que hai que engadir unha maior confrontación no bloque da dereita, entre PP, Ciudadanos e VOX.

Durante a campaña electoral unha parte dos poderes económicos apostaban por un acordo de governo PSOE+Ciudadanos

Respecto do Governo que se forme. Durante a campaña electoral unha parte dos poderes económicos apostaban por un acordo de governo PSOE+Ciudadanos (así o manifesta por exemplo o Banco Santander con toda claridade). Isto permitiría manter boa parte dos axustes, mesmo que houbese que mudar as formas, e construír un muro fronte ás reclamacións das nacións periféricas. Porén, a actitude de Ciuadadanos na campaña, especialmente en relación coa problemática en Cataluña, as linguas das nacionalidades, a redución da presión fiscal, e que Rivera puxese o acento en negar calquera pacto con Pedro Sánchez, reduce moito as posibilidades desta alianza de governo porque evidenciaría a submisión aos poderes económicos. Ademais, a oposición da militancia de base do PSOE é moi forte, como se viu no acto, o domingo pola noite, para celebrar os resultados electorais.

Neste escenario todo fai pensar nun acordo para investidura do PSOE+Podemos con apoio dalgúns partidos soberanistas, caso do PNV, ou como suxiren algúns dirixentes “socialdemocracias” governar en solitario con acordos puntuais. Todo parece apuntar que esta será a folla de ruta. Apuntala esta opción que o PSOE acadase maioría no Senado, e a dereita non controle a Mesa do Parlamento. Tampouco se pode obviar, en relación con pactar compromisos á súa esquerda, que Pedro Sánchez aposta por reforzar a Unión Europea. O que implica aceptar as políticas neoliberais de Bruxelas, favorábeis á centralización e concentración do capital e do poder, en prexuízo da clase traballadora, das pequenas empresas, e das nacións-nacionalidades periféricas, caso de Galiza.

Ou sexa, que para alén de que exista un Parlamento cunha composición máis favorábel ás clases populares e nacionalidades, a mobilización sindical e popular segue sendo esencial para avanzar en xustiza social e dereitos democráticos. Polo que é fundamental ter consideración: o agresivo do discurso da dereita e que a estrema dereita se termine organizando en todos os territorios, ao que se engade a presión das corporacións e outros grupos facticos, e que o PSOE só propoña reformas moi mornas dentro do sistema ou vai adiando a toma de decisións en temas transcendentais.

Por último destacar só algúns aspectos dos resultados electorais na Galiza. O máis destacábel é que o nacionalismo careza de representación, que o PSOE sexa o partido máis votado, que Ciudadanos acade dous deputados/as, e que VOX consiga máis dun 5% dos votos emitidos. Con respecto a En Marea e Podemos hai que salientar a caída en votos e representación, e sobre todo que En Marea ficase reducida a unha forza testemuñal, en beneficio dun proxecto estatal como EU+Podemos tanto nos contidos como nas formas. Semella o fin de experimentos e de construcións teóricas artificiais en relación coa virtualidade das “misturas políticas coas clases populares do estado” para unha defensa eficaz dos dereitos sociais e nacionais de Galiza, que algúns teorizaron hai uns anos.

Os malos resultados de En Marea afectan ao nacionalismo no seu conxunto, e deixan o BNG como única forza con capacidade para construír un proxecto de liberación nacional

Os resultados obtidos polo BNG representan un avance, non se pode obviar nen subestimar, e cómpre valorar o esforzo militante, porén ao mesmo tempo son insuficientes. Tanto porque non se obtén representación no Parlamento estatal, creando a sensación en moitos/as electores de que perderon o voto, como polo feito de que forzas como Podemos consolidase malia o retroceso, e VOX pode conseguir entrar nas autonómicas. Ademais, os malos resultados de En Marea afectan ao nacionalismo no seu conxunto, e deixan ao BNG como única forza con capacidade para construír un proxecto de liberación nacional, engadindo atrancos a unha recomposición para acadar un nacionalismo determinante na sociedade e nas institucións. Non é para estar contentes, e non abonda con repetir resultados ou conseguir algúns deputados/as máis nas vindeiras eleccións autonómicas. Lembremos: un 57% das familias teñen problemas para chegar a final de mes, os salarios e pensións perderon poder adquisitivo, os alimentos e enerxía aumentaron drasticamente, milleiros de mozos e mozas emigran, recuamos en povoación.

O nacionalismo galego debería fixarse metas máis atrevidas, máxime nun contexto con tantos retos no laboral, social, ecolóxico, cultural e lingüístico. Por exemplo, ampliando alianzas para dinamizar a mobilización e acudir ás vindeiras eleccións autonómicas. Porén tamén dando máis participación na dirección da organizacións políticas ao mundo do traballo, rural, da ecoloxía, etc. Facendo máis coral a voz do proxecto, e sobre todo, dándolle ao laboral e social un maior protagonismo, porque son a prioridade das clases populares. As eleccións municipais, que con seguridade terán uns mellores resultados para o nacionalismo, deberían ser un punto de partida para a reflexión, para a autocrítica construtiva, para un salto adiante, nunca para a auto-complacencia, para a realización persoal. E para iso cómpre contar con todos e todas, non desprezar a ninguén, coñecendo o pasado, mais sobre todo apostando polo futuro, pola ruptura, por unha Galiza ceibe e popular.

https://obloguedemera.wordpress.com/