Nos meus artigos dende hai unha década teimo na idea de que ficamos nunha conxuntura, ou sexa nun momento histórico no que se abren varios escenarios posíbeis, dos que non está decidido cal vai ser o hexemónico na vindeira etapa. E isto acontece tanto no eido do sistema económico e social, como de cal será a potencia dominante, ou se imos cara a un mundo multipolar. As tensións xeopolíticas e a complexidade do contexto en todos os ámbitos (militar, económico, social, cultural, político) reflicten o carácter conxuntural do momento, e sobre todo que está cuestionada a vella orde. 

Non se pode ignorar que os Estados Unidos son a maior potencia do planeta, e que está a tomar todo tipo de iniciativas, algunhas desesperadas, para manter ese status (porque non o ten garantido).  Asemade aumentou a concentración e centralización do poder e da riqueza (en prexuízo das clases populares e das nacións subalternas, mesmo da maioría das que teñen estado propio). Asemade, a última crise, que encetou nos Estados Unidos, e foi produto do seu modelo de desenvolvemento, foi transferida con éxito á periferia, grazas a que as súas empresas tecnolóxicas e doutras áreas, como a financeira, creceron e, ademais, alargaron seu control por unha boa parte do mundo. Tampouco se pode obviar que esta potencia ten a maior forza militar, con bases en 200 países. Un aspecto non menor, porque en último extremo a correlación de forzas decidirase por medio das armas, e da capacidade que se posúa para neutralizar as que teña a potencia adversaria.

Aumentou a concentración e centralización do poder e da riqueza (en prexuízo das clases populares e das nacións subalternas

 

Feita esta breve introdución, nun intre no que se volve a falar dunha nova crise, neste caso pola inmensidade das débedas soberanas, por mor dos erros e limitacións da xestión privada cuxos custes foron transferidos ao sector público. Ou sexa, que a orixe do problema está no propio sistema: na destrución da natureza, o aumento da explotación e opresión, no medre da economía delitiva, somerxida, da corrupción, do esgotamento de recursos. E como consecuencia de todo isto no aumento exponencial das contradicións dentro do bloque hexemónico e aliados, porque cada vez hai menos que repartir.

E neste contexto de falta de alternativas por parte do capital, que todo o fundamenta no aumento do lucro, da explotación e opresión, e da rebaixa dos dereitos democráticos básicos, vólvese repetir polos medios dominantes e as figuras do sistema que non existe outra alternativa. Daquela que se faga revisionismo histórico sobre o papel da Unión Soviética, que se satanice todos os países nos que existe, ou se realizaron, políticas de intervención pública na xestión empresarial e reparto da riqueza e do traballo, como se fosen experiencias fracasadas. A campaña é tan forte que mesmo son contadas as forzas de esquerda que defenden a nacionalización dos sectores estratéxicos, por exemplo, como a banca, a enerxía, as telecomunicacións e o transporte. Mesmo foise privatizando a xestión de servizos públicos fundamentais, como a educación, sanidade, dependencia, etc. 

Agora ben, o certo é que na actual confrontación por unha distribución xusta da produción e do traballo no mundo, demostrouse como un modelo máis eficaz aquel no que o Estado ten un rol determinante no control e planificación da produción, investimentos e investigación.  Este é o caso de China, que a esta altura xa non se pode asimilar con man de obra barata, produtos de baixa calidade, e dependencia para o desenvolvemento das corporacións das potencias hexemónicas. Esta caracterización era moi simplista e non reflectía toda a realidade antes, e non representa a actualidade, tal como se demostra o forte desenvolvemento neste contexto de baixo crecemento (un 7%) e dos salarios (entre o 8-13% na ultima década), malia o menor investimento exterior. 

Demostrouse como un modelo máis eficaz aquel no que o Estado ten un rol determinante no control e planificación da produción

 

Xulio Rios indicaba nun artigo, sobre o XIX Congreso do PCCh, algunha das afirmacións de Xi Jinpingi: “a contradición principal xa non radica entre as demandas da sociedade e un sistema produtivo atrasado senón entre as demandas da sociedade e un sistema económico desequilibrado que esixe axustes estruturais para lograr unha China “rica e poderosa” (...) reivindicando a importancia de establecer respostas nacionais ás esixencias do momento sen recorrer mimeticamente ás receitas estranxeiras”. Xulio Rios tamén destaca a importancia que se lle dá ao aspecto ecolóxico, á innovación e tecnoloxía, e a loitar contra as desigualdades. 

A este respecto, unha análise da Comisión para o informe Economic Review e Seguridade EUA-China, di sobre o tema: "A participación de propiedade e control estatal da economía chinesa é grande. Baseado en suposicións razoábeis, parece que o sector público visíbel- empresas estatais e entidades directamente controlados por empresas estatais- representan máis do 40% do PIB non agrícola de China. Se consideramos as contribucións das entidades controladas indirectamente, colectivos urbanos e empresas públicas municipais, a proporción de propiedade e control do estado PIB é de case o 50%. " Os grandes bancos son estatais e as súas políticas de crédito e de depósito son dirixidas por parte do governo (para o desgusto do Banco Central de China e outros elementos pro-capitalistas). Non existe libre fluxo de capital estranxeiro dentro da China”.

Michael Roberts daba nun artigo dados sobre as empresas de propiedade pública, que contradín a idea dominante, cando menos nos países occidentais, a respecto de que estas son sinónimo de mala xestión. O economista británico afirma: “a industria estatal en realidade é un modelo económico de éxito”. Salienta que entre as cincocentas empresas internacionais de maior rendibilidade, a proporción de empresas públicas pasou do 9% en 2005 ao 23% en 2015. Dinos que isto é resultado en boa medida do éxito das empresas estatais chinas. 

Entre as cincocentas empresas internacionais de maior rendibilidade, a proporción de empresas públicas pasou do 9% en 2005 ao 23% en 2015

 

En resumo. Non está claro, como din algúns analistas, facendo unha lectura eurocentrista do mundo, que vaian desaparecer os estados nación (así como o sector público) porque o poder reside cada vez máis nas grandes corporacións privadas (das primeiras cen, a metade, son norteamericanas). Se fose así, o futuro das nacións subalternas e das clases populares sería tremendamente pesimista, xa que canto máis afastado e diluído estea o poder máis difícil será poder incidir nas decisións económicas e sociais a través da mobilización e mesmo da oposición institucional. Porén, para se consolidar definitivamente este escenario, mesmo sendo unha tendencia hexemónica en gran parte do planeta, debería triunfar definitivamente o modelo que queren impoñer as potencias e corporacións occidentais e as institucións internacionais. 

Neste contexto, o crecemento da economía de China, e a súa imparábel expansión no exterior, así como a exclusión de Rusia, Irán e outras potencias rexionais, do circulo de decisión imperialista, debuxan como alternativa en ascenso unha folla de ruta e modelo moi distinto, no que o papel do estado e do sector público é decisivo. Isto é o que lle preocupa ao capitalismo, e tamén debería ser centro de atención e debate da esquerda anti-sistémica, especialmente daquela ligada á conquista da liberación nacional. 

https://obloguedemera.wordpress.com/