Mais unha vez, como todos os anos cando se coñecen os datos sobre povoación do INE, a Xunta de Galiza volve a tomar medidas para “fomentar” a natalidade, adicándolle algúns millóns de euros. Pura demagoxia, porque de pouco vale unha pinga de auga, cando o país ten buratos estruturais por todos lados. Un dos aspectos fundamentais nesta problemática é a dependencia política, que como é lóxico trasladase a todos os ámbitos, dende o económico até o social, cultural e lingüístico, en todos eles temos un papel subalterno.

Polo tanto, malia as potencialidades económicas, mesmo unha situación xeográfica e un clima excepcionais, así como ao recoñecido esforzo das xentes do país, perdemos hai décadas PIB relativo respecto do total no Estado español. Imos a menos! Ademais engádese o feito de que as empresas máis dinámicas están hoxe practicamente todas en mans de capital foráneo, e que exportemos aforro e man de obra cada vez máis cualificada. Neste último caso, tanto de xeito permanente como por contratación temporal. Como vai aumentar a povoación se o PIB devece e unha parte importante da mocidade emigra, alentada polos medios, polos Erasmus, por unha visión idealista dos países do norte de Europa e dos centros de poder peninsulares?

Outro aspecto que ten transcendencia é a globalización neoliberal, xa que alenta a centralización e concentración do poder e da riqueza

Outro aspecto que ten transcendencia é a globalización neoliberal, xa que alenta a centralización e concentración do poder e da riqueza. Ou sexa, aumenta en maior grao que nunca antes a opresión das nacións dependentes, así como á explotación das clases populares, e moi especificamente da clase traballadora: desemprego, subemprego, temporalidade, xornadas e ritmos extenuantes, baixos salarios, falsos autónomos, uberización, etc. Este aspecto é de moita transcendencia na periferia do centro do sistema, xa que foi substituída en gran medida como zona de produción primaria e transformación industrial pola deslocalización a Asia oriental. E agora, como consecuencia do aumento dos custes e as contradicións xeo-estratéxicas, deslocalizase a Asia do sul e África.

O aumento da desigualdade, da precariedade, do custe da vivenda, dos gastos fixos en enerxía e telecomunicacións, atinxe especialmente á mocidade, polo que afecta á formación de parellas e á natalidade. Hai que ser moi atrevidos/as para ter fillos/as sen unha garantía de ingresos segura? Non hai dúbidas de que hoxe as necesidades básicas son maiores que hai dúas décadas, daquela que a taxa de natalidade sexa máis alta entre a inmigración, que parte de estándares de calidade de vida máis baixos. Polo tanto, tendo en consideración que a tendencia da economía, do emprego e dos salarios, amosase cara o futuro un escenario ateigado de atrancos e unha maior precariedade, polo que de pouco valen os discursos moralistas e ás axudas parciais e conxunturais. Son necesarias medidas que modifiquen o contexto, creando condicións que dean seguridade ás familias en situación de precariedade.

No caso concreto de nacionalidades carentes de soberanía (oprimidas)  existe unha sobre explotación,

Téñase en consideración que no caso concreto de nacionalidades carentes de soberanía (oprimidas)  existe unha sobre explotación, que se manifesta nos salarios máis baixos que a contorna, nas menores oportunidades de emprego, especialmente aquel máis cualificado. Tampouco se pode obviar o intercambio desigual (teñan ou non moeda propia), polo papel subalterno no proceso produtivo (investigación, residencia da dirección e orixe dos cargos, etc.). Normalmente existe un aparente saldo neto positivo na entrada de diñeiro público, para lexitimar diante da sociedade a dependencia. Porén, agochase unha saída moi superior de recursos no sector privado (traballo sub-valorado, exportación de beneficios e man de obra cualificada, de aforro, etc.), que é onde están realmente os beneficios extras do colonizador (isto está estudado nas colonias africanas). O neocolonialismo segue formando parte da realidade actual, está moi estendido no mundo, mais o imperialismo foi adquirindo novos métodos depredadores, igual de eficaces que os que aplicaba  hai décadas, séculos, nas colonias de América, Asia e África... e as europeas.

A regresión demográfica na Galiza non é algo circunstancial, nen sequera exclusiva dun país dependente, aínda que esta última característica dálle maior intensidade ao proceso, xa que as neo-colonias carecen de medios para frear a tendencia dominante marcada polas grandes potencias. Entre os mecanismos fundamentais para desenvolver medidas de choque, que revertan o intenso proceso colonial, están por exemplo: contar cunha moeda propia e políticas arancelarias que permitan regular o fluxo das importacións e exportacións para manter a produtividade interna e potenciar a diversidade, dar pulo ás empresas estratéxicas e creadoras de tecnoloxía. Son medidas básicas, que esixen un contexto e unha correlación de forzas favorábel, porque están relacionadas sco papel central da soberanía. Trátase dun proceso que esixe superar etapas previas.

O máis básico é urxente, e teoricamente máis doado, no caso concreto da natalidade, é a mellora certos servizos e axudas públicas

O máis básico é urxente, e teoricamente máis doado, no caso concreto da natalidade, é a mellora certos servizos e axudas públicas (garderías, baixas de maternidade, seguridade no emprego, axudas por nacemento, etc). Agora ben, cómpre termos en consideración que a natalidade é unha decisión individual ou da parella, mais os beneficios son para o conxunto da sociedade, polo que esta ten que asumir unha parte dos custes, especialmente nos caso de familias monoparentais. Tampouco se pode obviar que se trata dun tema asociado e dependente das condicións laborais, tal como amosan as enquisas, cando se pregunta sobre as condicións de vida. Unha cuestión que pon no centro do debate a distribución do traballo e da riqueza entre as clases sociais, mais tamén respecto do papel que cumpre cada territorio na escala de valor. Trátase de problemáticas que cuestionan o sistema, que non se resolven a través de parches, como algunhas medidas a prol da natalidade ou cun modelo impositivo “progresista”, aínda que sexan un avance (máxime cando as grandes empresas e fortunas cada vez cotizan menos a través da enxeñeira fiscal, da deslocalización de capitais, dos paraísos fiscais, e aumenta a precariedade, o prezo dos alimentos e servizos básicos, etc). Por iso estas contradicións económicas e sociais reflíctense na demografía, e polo tanto só se poden reducir de xeito significativo aumentando o salario, eliminando as horas extras e a temporalidade nos contratos que non sexan por forza maior, reducindo a xornada laboral, cunha fiscalidade progresiva, servizos e prestacións públicas eficientes, etc.

Non pretendo neste artigo ofrecer todas ás alternativas posíbeis á caída demográfica para esta etapa. Mais, todo proxecto de desenvolvemento, neste contexto, debe darlle ao sector público un papel determinante, aínda que non exclúa á economía privada. Ou sexa, son necesarias propostas progresistas nuns casos e rupturistas noutros (dende a óptica do sistema), unidas nun programa e nun discurso que sexan asumíbeis como necesarias pola vangarda da sociedade. Só así crearan conciencia política, porque o proxecto terá en conta a correlación de forzas, o estado de animo e de organización, e a capacidade de mobilización. Partirá da realidade para transformala. Permitirá reverter o aumento das rendas do capital a costa do esforzo do traballo, en beneficio non só dunha sociedade máis xusta, senón para evitar o suicidio demográfico. É necesario e urxente socializar un discurso alternativo ao capital, que responda á situación colonial de Galiza. A cuestión central é cara onde camiñamos, así como a rapidez e a fortaleza da andaina, e non tanto, en que estremo do escenario nos colocamos no debate teórico e nos discursos internistas e para a militancia.

A cuestión central é cara onde camiñamos, así como a rapidez e a fortaleza da andaina, e non tanto, en que estremo do escenario nos colocamos

Esta reflexión sería incompleta sen manifestar que calquera cambio en beneficio do povo galego debe dar pulo ao cooperativismo, potenciar a tratar dignamente o mundo rural, e non só respecto da actividade agraria. Débense fortalecer os servizos e prestacións públicas (saúde, ensino, pensións, dependencia, desemprego, servizos urbanos, etc), eliminando as privatizacións, e nacionalizando outros sectores estratéxicos, como a banca, enerxía, telecomunicacións, e o transporte en zonas en retroceso demográfico. Cómpre que a praxe parta sempre de considerar a Galiza como unha nación que ten dereito á autodeterminación (nunha confederación? Co EE ou ibérica? Independencia?...). Son cambios difíciles e complexos, que necesitan dunha correlación de forzas favorábel, dun contexto apropiado e dunha ruptura política. Ou sexa, de organización e mobilización do povo, de boa xestión institucional, de loita das ideas, e de moito atrevemento, teimosía e iniciativa.

https://obloguedemera.wordpress.com/