Durante o procés catalán, houbo unha morea de artigos analizando a situación. Chamaban especialmente a atención, aqueles nos que se anunciaba a conquista da liberación a través dos votos e de manifestacións cunha participación masiva, nunca vista en Cataluña e no Estado español. Mais, despois da aplicación do 155, e para alén dalgúns artigos en relación co carácter autoritario da intervención da autonomía e da arbitrariedade da detención preventiva de dirixentes políticos cataláns por parte da xudicatura española, poucas foron as análises sobre os acertos e erros do independentismo. Amósase así unha falta de autocrítica que axuda moi pouco os procesos de liberación nacional e social.

Teimo conscientemente na autocrítica, na reflexión, porque os/as analistas vinculados ás clases dominantes aproveitaron o momento (derrota ou paso atrás necesario, segundo a versión) para marcar a lume o carácter “insolidario”, e sobre todo “utópico”, da independencia. Un ataque centralista dende o poder, que non se pode ignorar, xa que pretende incidir na conciencia colectiva no longo prazo. Máxime cando o nacionalismo galego deu tanta relevancia ao procés, dun xeito acrítico, xerando unhas expectativas que non se concretaron. Ademais, o sector ultra do PP e Ciudadanos están a aproveitar a conxuntura para propor retrocesos no sistema autonómico. Hai quen di que este partido é o populismo de dereita. En realidade, representa a ultradereita neoliberal e globalizadora, ligada ás empresas multinacionais e dependente delas.

As clases dominantes aproveitaron o momento (derrota ou paso atrás necesario, segundo a versión) para marcar a lume o carácter “insolidario”, e sobre todo “utópico”, da independencia

Debo recoñecer que esperaba máis oposición ás medidas de represión que (era evidente) se ían tomar polo Estado español, dende os poderes executivo, lexislativo e xudicial. Por exemplo, cunha resposta cotiá, ocupando prazas e institucións públicas, así como numerosas folgas sectoriais e xornadas de loita no ámbito laboral e estudantil. Nos artigos que escribín previamente en varios medios encol do tema, evitando ter unha actitude derrotista, amosaba preocupación sobre a correlación de forzas adversa, así como pola falta dun partido de clase cunha militancia numerosa e combativa. Os retos da liberación, da vangarda necesaria, non podían ser resoltos neste caso, polas organizacións de masas ou intermedias (movementos, frontes, etc.). Coidaba que no mellor dos escenarios, o procés podería abrir un novo período. Que duraría uns anos, durante os cales, malia a represión, coa coherencia, mobilización e o debate, podería fortalecerse a correlación de forzas a prol da independencia.

Argumentaba neses artigos que a liberación dun país na Unión Europea só é posíbel mediante un partido e un proceso revolucionario, co que isto implica de confrontación política e social: un povo constantemente mobilizado contra todos os mecanismos represivos e coercitivos do sistema. Asemade, tiña as miñas desconfianzas sobre o momento escollido para a independencia. A experiencia dicíame que non había condicións obxectivas no contexto europeo, e faltáballe a fortaleza necesaria ao suxeito político, para alén do compromiso persoal. Tampouco era secundario que o nacionalismo catalán tivese tan pouca incidencia sindical organizada, como se comprobou na folga xeral convocada contra a intervención da autonomía.

A liberación dun país na Unión Europea só é posíbel mediante un partido e un proceso revolucionario

 

Dicía nun artigo en Sermos Galiza o 19 de setembro, antes do referendo: “Canto durará cada fase e cal será a intensidade desta tendencia, estará ligado á capacidade que teñan os suxeitos políticos transformadores para aproveitar esta mar revolta do procés, este debate de alternativas, para ofrecer obxectivos liberadores que o povo sinta como propios. Daquela a importancia de analizar previamente os escenarios posíbeis do día despois, e sobre todo, ter folla de ruta axeitada para lle dar resposta, comezando por prever aquela vía que sexa máis desfavorábel”. Nun artigo anterior, no mes de maio, auguraba a intervención da autonomía e preguntábame se o nacionalismo catalán estaba preparado para esta eventualidade. E, de ser así, mesmo ficando fóra das institucións, se podería condicionar a política catalá e do Estado español. Coa intervención viuse que non era o caso, que os obxectivos estaban moi afastados da capacidade do independentismo. Polo que, nun artigo en Sermos Galiza do 31 de outubro, consideraba que participar nas eleccións do 21-D era vital para manter a incidencia do nacionalismo en Cataluña, e construír deste xeito un muro que servise de contención aos efectos negativos da batalla perdida.

O acontecido en Cataluña reflicte os moitos atrancos que hai que vencer para conquistar a liberación nacional. Mais tamén deixa en evidencia as eivas do suxeito político, no organizativo, no grao de compromiso militante, na dimensión da vangarda, así como as consecuencias negativas da fractura en materia de prioridades entre o social e o nacional. A consigna de que a independencia o soluciona todo non é argumento abondo para un segmento importante das clases populares. A este segmento úrxelle unha distribución xusta do traballo e da riqueza producida, e quere ter a seguridade de que a independencia non seguirá reproducindo a desigualdade.

O nacionalismo catalán non clarificou neste período se optaba por unha sociedade con xustiza social, ou privilexiaba as alianzas coa burguesía media. Todo indica que o resultado do referendo e do propio procés estivo nalgunha medida condicionado polas políticas sociais da Generalitat (recortes, privatizacións), impedindo conseguir unha maioría folgada a prol da independencia. Polo que, nesta nova fase, a cuestión laboral, as pensións e os servizos e prestacións públicas, e outros temas esenciais, deberían pasar a un primeiro plano, enlazados con temas centrais como os presos políticos e o referendo de autodeterminación. Por certo, un dado a ter en consideración nas vindeiras eleccións catalás é a abstención.

O nacionalismo catalán non clarificou neste período se optaba por unha sociedade con xustiza social, ou privilexiaba as alianzas coa burguesía media

 

Deste proceso, o nacionalismo galego debe tirar conclusións. A liberación segue sendo un obxectivo realizábel! Mais hai que contar co suxeito político e a folla de ruta acaídas para vencer resistencias sistémicas tan fortes (ademais, a UE é parte deste bloqueo e do problema). Asemade, é esencial aproveitar todas as contradicións das clases dominantes (que son moitas). Só así se poderá avanzar, organizar e mobilizar masivamente as clases populares, de xeito consciente e por obxectivos estratéxicos, transformadores. Isto non desbota realizar accións reformadoras, nen traballo institucional. Mais débese rexeitar que se relegue a loita contra a explotación e a opresión, e se poña ao servizo exclusivo de intereses locais, sectoriais ou persoais, que no medio prazo sempre fortalecen o capitalismo, a dependencia, a globalización neoliberal. Non se trata de se adaptar, de aceptar os marcos que impón o sistema, senón de construír unha forza revolucionaria, que gañe a batalla das ideas, a rúa e o espazo público, ocupe as institucións e condicione a economía. Se non existe un partido destas características, hai que facer as correccións necesarias para transformar aqueles máis ligados ás clases populares e aos dereitos nacionais nunha forza revolucionaria. É mil veces máis importante aprender do exemplo bolxevique que celebrar o centenario da Revolución Rusa.

http://manuelmera.blogaliza.org/



x