Non hai dúbida ningunha que a convocatoria do pasado 8 de marzo, da folga de mulleres a nivel mundial, tivo a virtude de colocar o debate sobre a desigualdade entre xéneros e da violencia contra a muller en primeiro plano. Neste aspecto, a xornada foi un éxito e marca un pulo cualitativo histórico en relación a este tema. Ademais, resulta evidente que o paro chegou a moitas empresas por efecto da convocatoria sindical (neste aspecto debo destacar o papel da CIG). A folga foi superior ao esperado, mais non foi un paro xeral; semellouse máis ás xornadas de loita, como as que convocaba a ING hai catro décadas. Estas accións combinaban paros, concentracións e mobilizacións, xa que tiñan como finalidade axitar e centrar o debate no aspecto laboral, e situar o nacionalismo como alternativa. Neste caso, a convocatoria conseguiu dar un salto cualitativo na divulgación da problemática de xénero e de que se debe tratar como unha cuestión prioritaria.

 

A oposición á desigualdade salarial cando se realiza o mesmo traballo, así como a existencia de calquera discriminación ou tratamento ofensivo por motivo de xénero, raza, etc. é unha cuestión que non se pode obviar e que debe formar parte das reivindicacións prioritarias na negociación colectiva e na acción sindical e política. Polo tanto é esencial delimitar con claridade cales destas situacións de inxustiza son corrixíbeis no marco do sistema, e cales son consubstanciais ao capitalismo. Estas, polo tanto, necesitarían dun cambio sistémico, que a correlación de forzas actual aínda non permite, e que resulta obvio moitas forzas nen sequera procuran. 

 

A convocatoria conseguiu dar un salto cualitativo na divulgación da problemática de xénero e de que se debe tratar como unha cuestión prioritaria

 

Sería positivo, para desenvolver unha estratexia correcta, fuxindo das especulacións, que os salarios que se perciben nas empresas fosen expostos publicamente, para coñecemento de todos os/as traballadores. E, ademais, que se denunciasen as empresas e sectores nos que polo mesmo traballo se pagan salarios distintos segundo o xénero, ou por calquera outra actitude discriminatoria. Agora ben, neste aspecto cómpre diferenciar os salarios que son propios da clase traballadora, daqueles que non están suxeitos directamente aos convenios de empresa ou sector, como os de directivos/as. Segundo varios estudos, estes últimos incrementan a diferenza nos ingresos entre xéneros entre un 4% e un 8%, dependendo do país europeo. 

 

Outros factores que contribúen ás diferencias salariais tamén son consecuencia da regulamentación en vigor do traballo, que foron agravadas polas últimas reformas laborais, en relación cos contratos a tempo parcial, eventuais ou de aprendizaxe (moi feminizados). E por normas que non responden axeitadamente a este momento histórico, por exemplo: que se pague un plus polo traballo tóxico, perigoso e penoso (moi masculinizado) en lugar de reducir a xornada real, evitando o custe en anos de vida, e en accidentes mortais ou con eivas permanentes; un modelo laboral que premia os anos de permanencia na empresa, en prexuízo da mocidade, mais tamén da muller, debido á súa recente incorporación masiva ao traballo asalariado. Algúns destes factores irán desaparecendo co tempo (como o plus de antigüidade). Mais outros non, como é o caso da temporalidade, o traballo a tempo parcial, a rebaixa dos salarios, a insuficiente cobertura da baixa por maternidade e o coidado de persoas dependentes, que son aspectos que penalizan a muller. Son características discriminatorias que deberían ser eliminadas (como a eventualidade) ou contar cun tratamento específico (garderías, axudas, baixas compartidas, etc.). Non abonda coa premisa de “a igual traballo, igual salario”, sen unha igualdade nas condicións de partida. 

 

Ás diferencias salariais, tamén son consecuencia da regulamentación en vigor do traballo, que foron agravadas polas últimas reformas laborais

 

As situacións analizadas non se deberían cualificar todas elas como sistémicas, se consideramos a situación noutros países da contorna. Por exemplo: a diferenza de salario por hora traballada home/muller en Italia era no ano 2016 do 5,3%, en Alemaña a fenda acadaba o 21,5%, e no Estado español chegaba ao 14,2%. Este diferencial tamén é baixo en países de Europa do leste, nas antigas repúblicas socialistas, aínda que tende a aumentar con rapidez. Ou sexa, no mesmo contexto socio-económico as diferenzas salariais son moi diversas, e pouco teñen que ver co grao de desenvolvemento, aínda que incidan as políticas regresivas neste tema da Unión Europea. Daquela que haxa que buscar a súa orixe nas normativas laborais de cada estado, na súa historia e na correlación de forzas interna. Estes aspectos condicionan a protección da maternidade e da dependencia, e outros factores que impiden ou limitan a actividade laboral plena da muller; e moi especialmente o paternalismo ou machismo cando se trata de cargos de dirección na empresa privada. Por exemplo, na Galiza, collendo dados do INE, en relación con todas as persoas ocupadas (asalariadas, autónomas, empresarias), na dirección ou xerencia das empresas, as mulleres representaban un 27,1% no ano 2010, e o 31,13% no ano 2017. Malia o aumento, o diferencial de xénero é evidente. 

 

Hai avances laborais e sociais que son posíbeis neste marco, mesmo que a lóxica do capitalismo sexa consubstancial coa explotación, ou sexa, coa desigualdade, coa marxinación e roles distintos segundo clase, xénero, raza, e tamén no ámbito do papel que xoga cada nación na cadea produtiva e do valor. Mesmo así, son avances que non se deben postergar até a superación do sistema. Claro que para conquistar estes cambios positivos cómpre moita militancia, organización, mobilización, loita no eido das ideas, e mudar a correlación de forzas. É dicir, cómpre artellar unha unidade moi ampla no campo das clases populares, vencellando as reivindicacións, dándolle un carácter estratéxico. 

 

Hai avances laborais e sociais que son posíbeis neste marco, mesmo que a lóxica do capitalismo sexa consubstancial coa explotación, ou sexa, coa desigualdade

 

O éxito da xornada de mobilizacións do 8-M amosa que hai condicións para unha campaña atrevida e alongada no tempo (manifestacións, concentracións, folgas xerais), que mobilice sectores moi amplos das clases subalternas. Existe un estado de ánimo de oposición ao sistema, ou cando menos de desilusión co capitalismo, que tamén se reflicte nas protestas de pensionistas. Salarios, precariedade, desemprego, igualdade e violencia de xénero, pensións, lei mordaza, sanidade, educación, dereitos democráticos, desfeita do rural... deben ser unha mesma loita, aínda que manteñan ademais expresións e mobilizacións propias. Sería un avance cualitativo e cuantitativo que chegasen a formar parte dun programa, folla de ruta, e campaña reivindicativa común. 

 

Agora ben, mesmo conseguindo unha correlación de forzas favorábel ás reivindicacións populares, os cambios serán limitados e conxunturais, se non se muda o sistema económico e social. As diferenzas salariais entre sectores, ámbito rural e urbano, grandes e pequenas empresas, galegos/as e inmigrantes, segundo a idade, son parte da desigualdade. Non se pode ignorar que esta conxuntura, que abrirá unha nova etapa, reflicte que, malia os grandes sacrificios feitos pola clase traballadora e outras camadas populares, a recuperación económica non se está a transformar en melloras laborais e avances sociais. Todo amosa que esta etapa vén acompañada de novos axustes e retrocesos, pola debilidade e falta de atrevemento dos partidos e sindicatos (salvo algunhas excepcións, que neste momento teñen máis vontade que capacidade para mudar o contexto). Os avances, sexan no eido laboral, social, de xénero, cultural, ecolóxico ou da soberanía nacional, non se poden desvincular do estado de ánimo, nen da correlación de forzas na Galiza, no Estado español e na Unión Europea, e por suposto do que sucede no ámbito internacional. 

 

Malia os grandes sacrificios feitos pola clase traballadora e outras camadas populares, a recuperación económica non se está a transformar en melloras laborais e avances sociais

 

Nunca se debe obviar o carácter do capitalismo, a súa hexemonía actual, aínda que se atope na súa etapa senil e teña que recorrer á forza acotío pola súa incapacidade de ofrecer melloras, mesmo que estas sexan migallas. Porén, mesmo neste contexto pódese avanzar na igualdade de xénero e noutros aspectos: laborais, sociais, culturais, democráticos... E hai que facelo! Mais para que se produza un cambio cualitativo, de paradigma, que marque un antes e un despois, terá que estar ligado a mudanzas radicais no modelo económico, social e cultural. E iso implica contar coa soberanía popular e nacional. Só así será posíbel garantir un cambio real, duradeiro, na correlación de forzas, tanto para consolidar o conquistado como para seguir dando pasos adiante. 

 

http://manuelmera.blogaliza.org/



x