O derribo dun avión ruso, pouco antes de aterrar, cando se estaba aproximando ao territorio sirio, marca un antes e un despois neste conflito. O suceso debeuse a que as baterías do exército de Assad contestaron o ataque de catro cazas israelís que disparaban mísiles contra Latakia, utilizando ao avión ruso como paraugas “ocasional”, causando este tráxico resultado. O alto mando ruso culpa Israel do sucedido, e tanto o Líbano como Turquía amosaron o seu rexeitamento polo ataque.

 

Este grave feito deixa ao descuberto a total impunidade coa que Israel bombardea acotío no territorio sirio bases militares e zonas industriais, coa escusa de que nelas hai tropas ou armamento de Hezbolá ou Irán. Favorecendo deste xeito os grupos armados terroristas. Estes ataques realízanse en complicidade co núcleo duro da OTAN. Neste caso específico ao mesmo tempo un barco de guerra francés bombardeaba a zona, dándolle cobertura aos avións israelitas. Non é unha novidade, xa que tropas de Estados Unidos, británicas e francesas, ocupan parte do territorio, como en Al-Tanf, ou apoian directamente a forzas que axen á marxe do Governo controlando o norte do país, como os curdos, ou se opoñen a el, como é o caso de varios grupos árabes.

 

En poucas palabras, as potencias occidentais prefiren un estado “fallido” e dividido, como en Libia, Iraq, Iemen e Somalia, a ter que aceptar unha Siria reconstruída e libre do terrorismo islámico. Por esta razón atrancan as negociacións entre o Governo e máis os curdos, e queren manter como sexa a provincia de Ibdil en mans da oposición armada, aínda que estea controlada pola sucursal de Al Qaeda. Os argumentos humanitarios, ou dunha hipotética utilización de armas químicas por parte do Governo sirio, carecen de lóxica. Nun caso porque calaron cando se destruíu totalmente Mosul e Al Raqqa con bombardeos masivos. Por outra banda, sería un suicidio político e propio de parvos que un Governo que está gañando a guerra utilice armas prohibidas que darían unha escusa para unha intervención exterior favorábel aos grupos da oposición. Esta reinterpretación da realidade e escenificacións que se fai dende as potencias occidentais teñen como finalidade dar cobertura a accións ilexítimas de quen se sente dono do futuro da humanidade, aproveitando seu poder militar, o temor a unha guerra nuclear, e o control dos medios de comunicación e da rede. 

 

As potencias occidentais prefiren un estado “fallido” e dividido, como en Libia, Iraq, Iemen e Somalia, a ter que aceptar unha Siria reconstruída

 

A destrución do avión ruso, coa morte dos 15 ocupantes, é unha acción prepotente e irresponsábel, que non pode ser aceptada por Rusia, xa que significaría dar por válidas, agora e no futuro, as imposicións e decisións unilaterais de Estados Unidos e potencias aliadas. Moscova xa dixo, en palabras máis duras por parte dos mandos do exército, e diplomáticas nos beizos de Putin, que vai dar unha resposta acaída a esta provocación, máxime cando Israel tiña un compromiso de notificar previamente calquera incursión que puidese afectar as tropas rusas en Siria. Neste caso seica se fixo cun minuto de antelación, tempo que a todas luces impedía evitar un desastre. Todo fai pensar que a resposta pode ser a de fornecer de mísiles máis modernos e con maior alcance ás defensas sirias. Se fose así, por exemplo, o envío do S-400 implicaría un cambio limitado ou definitivo, na correlación de forzas na zona, eliminando a actual superioridade israelí e das potencias occidentais, que estarían expostas a perder seus avións cando realicen ataques. Se fosen os S-300 (como se di) significaría un cambio máis limitado, un chamado de atención. Por esta razón, e non outra, é que o responsábel da forza aérea israelí desprazouse inmediatamente a Moscova para falar do acontecido e evitar que Rusia cambie as regras de xogo en Oriente Medio en prexuízo de Israel e da OTAN. 

 

Todo indica que o conflito sirio está a rematar, malia que tarde un tempo, Ibdil vaise incorporar ao territorio controlado por Assad. Neste sentido pódese dicir que gañou a guerra ao terrorismo. Tamén fica en evidencia o potencial militar de Rusia, Irán, Turquía e Hezbolá, cada un ao seu nivel, e os límites neste aspecto do Pentágono e a OTAN. Mais iso non garante un país unificado, xa que as potencias occidentais, cando non controlan, prefiren un país dividido e débil, e sementan o caos. Como parte desta actitude, os Estados Unidos e aliados, vendo que non poden impoñer pola vía militar ás súas políticas, están explorando novos camiños para manter a súa hexemonía. Como exemplo, a actual guerra comercial, as sancións e agresións especulativas na Bolsa, e a creación de divisións especiais cibernéticas. Un salto cualitativo que implica abrir a porta aos ataques na rede contra países considerados adversarios, e mesmo converter o espazo exterior ao planeta en zona de guerra. 

 

O envío do S-400 implicaría un cambio limitado ou definitivo, na correlación de forzas na zona, eliminando a actual superioridade israelí e das potencias occidentais

 

Todas estas medidas agresivas, contrarias á paz e á convivencia, teñen como único obxectivo evitar un mundo multipolar e non recoñecer o carácter destrutivo do capitalismo nesta etapa. Medidas que buscan manter a toda costa a explotación de clase e a opresión nacional en beneficio das potencias hexemónicas, corporacións e grandes fortunas. Mais, pode que estas accións non teñan o resultado que esperan. Hai analistas que ven vantaxes no “capitalismo de estado” que practica China, que segue a ser a base do sistema malia a existencia dun importante sector privado, e que lle  permitiría gañar esta guerra comercial, tal como amosa que se manteña seu crecemento e expansión. Máxime cando, ademais dun gran mercado interno e un proxecto de asociación comercial exterior, baseado no desenvolvemento das infraestruturas e da economía local, o xigante asiático conta con avances significativos no ámbito industrial e da tecnoloxía punta, tamén no eido das comunicacións.

 

Estas medidas agresivas, contrarias á paz e á convivencia, teñen como único obxectivo evitar un mundo multipolar e non recoñecer o carácter destrutivo do capitalismo nesta etapa

 

Siria, como outros conflitos armados actuais, non é máis que o retrato sen filtros dun xeito desapiadado de entender o mundo, de gañar espazos de poder, distraer a atención do principal, e querer deixar en evidencia unha correlación de forzas favorábel a Estados Unidos. Que a división e o caos sexa a esta altura a mellor opción das potencias occidentais, do capitalismo globalizador e neoliberal, amosa as súas debilidades, a súa incapacidade para dar resposta aos grandes problemas da humanidade. Reflicte o carácter senil, e polo tanto agresivo e destrutivo, en todos os ámbitos, do sistema económico-social que auspician.