Segundo dados da Inspección de Traballo comprobouse na Galiza, no ano 2017, que 3.446 persoas non estaban dadas de alta (deles 153 estranxeiros irregulares), así como 4.859 eventuais en situación de fraude, xa que realizaban labores indefinidos. Ademais, atopáronse 658 contratados a tempo parcial que en realidade facían xornadas a tempo completo. Con estes dados calquera pensaría que o sistema funciona, que a sobre-explotación laboral e a fraude á Seguridade Social están baixo control. Mais non é así. Todo indica que a non realización de contratos é moito maior, e que estas irregularidades son só a punto do iceberg. Concretamente, a vida cotiá reflicte que hai sectores enteiros onde a xornada laboral supera as dez horas diarias. Por exemplo: na hostalería, construción, talleres, etc. Son horas polas que non se paga ou que se compensan só parcialmente, e non se cotiza.

Estas condicións laborais de sobre-explotación afectan a todos os sexos e idades, aínda que en maior proporción á mocidade. Podemos afirmar que a precariedade é unha norma que vai a máis, grazas á alta taxa de desemprego e unha inmigración forzada e carente de recursos (ou sexa unha man de obra de reserva inmensa e barata). Así como ás políticas do modelo imperante, que liga na mensaxe dominante eventualidade e baixos salarios con creación de emprego (aínda que Alemaña, cos salarios máis altos, sexa un dos estados onde o desemprego é máis baixo). 

A precariedade laboral e os salarios de miseria son a causa da alta taxa de pobreza da povoación ocupada, subempregada e en paro, así como dos menores ingresos da Seguridade Social, polo que afecta de rebote as pensións actuais e futuras. Agora ben, nesta sobre-explotación participan tanto as grandes como as medianas e pequenas empresas. É verdade que estas últimas vense obrigadas en moitos casos a facelo como único xeito de sobrevivir nun contexto que favorece a concentración da produción e os servizos, mais non se pode obviar que tamén hainas que obteñen enormes beneficios (daquela os case que 30 mil iates que existen na Galiza, as segundas casas, os coches de luxo, etc.). 

En todo caso non se poden admitir xornadas laborais que superen as 40 horas semanais (ou as que marque o convenio do sector ou empresa, non sendo situacións de forza maior e moi excepcionais) así como salarios que non dan para vivir dignamente. Un ingreso mínimo de mil euros e catorce pagas debe ser un obxectivo inmediato. Ademais, en todo centro de traballo debe existir un libro no que as persoas contratadas rexistren a hora de entrada e de saída, para que a inspección poda comprobar, sen necesidade de denuncia ou declaración expresa, a existencia de traballo en negro. Ten que existir un control rigoroso! E as sancións ás empresas deben ser exemplarizantes e que a reiteración implique condenas de cadea. A explotación non pode saír gratis, é un roubo que utiliza as necesidades daqueles/as persoas que non teñen máis remedio que aceptalo para pode sobrevivir. 

A precariedade laboral e os salarios de miseria son a causa da alta taxa de pobreza da povoación ocupada, subempregada e en paro

 

Téñase en consideración que mentres aumenta a xornada laboral real, forzando así o medre da taxa de desemprego, ao mesmo tempo seméntase a ameaza de que a robotización vai eliminar a maioría dos postos de traballo. Como se unha maior produtividade non se puidese, e debese, compensar coa rebaixa da xornada laboral sen perda de salario, como pasou durante a revolución industrial. Claro que daquela, a Revolución Rusa, un forte movemento obreiro e os procesos de liberación nacional, crearon unha correlación de forzas favorábel ás clases populares. Non será este o problema, a eiva fundamental na actualidade? Non faltarán partidos da clase traballadora que poñan por diante, en alianza con outras camadas populares, a xustiza social, a soberanía e a democracia das maiorías?  A experiencia histórica amosa que cómpre unir todas as loitas da clase traballadora (persoas ocupadas, desempregadas e pensionistas) nun programa, mobilizacións, e obxectivos comúns, que se manteñan no tempo, que se vexa que non é unha táctica ou unha resposta á defensiva. Para deste xeito gañar militancia organizada e formada, e a complicidade activa do movemento obreiro, para sermos quen de acumular a forza necesaria para facer retroceder as clases dominantes (para derrotalas faría falla un maior salto cualitativo e cuantitativo).

Non faltarán partidos da clase traballadora que poñan por diante, en alianza con outras camadas populares, a xustiza social, a soberanía e a democracia das maiorías?

 

En fin, segundo os medios, o sistema seica funciona. Miles de empresas serán sancionadas cunha pequena multa, para que todo siga igual, a sobre-explotación mantéñase a bo ritmo, e a pequena burguesía compense a costa dos de abaixo o que perde coas corporacións, e polo papel subordinado da nación galega na cadea de valor (a dependencia, a colonización). Este é o modelo Feijóo. E con algunhas correccións tamén o do PSOE; como as de aumentar algo o salario mínimo, mais aínda non botou abaixo as reformas laborais regresivas de Zapatero e Rajoy, a das pensións e da negociación colectiva, e tampouco eliminou a lei mordaza, etc. Para quen teña dúbidas sobre a actitude, as contradicións e fraquezas, do novo Governo, resulta clarificador que a Ministra Valerio se negase a nacionalizar Alcoa, “xa que non estamos nun réxime comunista”. Esquece que hai vinte anos gran parte da banca, enerxía, telecomunicacións e industria estratéxica era de propiedade pública na Europa anticomunista. Coñece tan pouca historia?... Non será que lle dá prioridade ao capital garantíndolle a propiedade dos medios de produción e os beneficios que deles obtén? 

https://obloguedemera.wordpress.com/
 



x