Os enfrontamentos entre estudantes nalgunhas cidades da Galiza, co gallo da folga de tres días, non contribúen á loita contra a LOMCE e non deixan o nacionalismo en bo lugar, mesmo que a convocatoria non fose unitaria, e que ignorase as particularidades fundamentais que neste tema ten a nación galega. 

Os enfrontamentos entre estudantes nalgunhas cidades da Galiza, co gallo da folga de tres días, non contribúen á loita contra a LOMCE e non deixan o nacionalismo en bo lugar, mesmo que a convocatoria non fose unitaria, e que ignorase as particularidades fundamentais que neste tema ten a nación galega. Seguramente o Goberno refregarase as mans diante de aliados tan inesperados e impensábeis, que deron prioridade á escenificación das diverxencias entre ás organizacións do estudantado. Fixérono a costa de debilitar a oposición a un Goberno autoritario, e regresivo tanto nos dereitos sociais como nacionais. Mesmo que estas confrontacións fosen esencialmente verbais, e moi localizadas, non deixan de ser negativas, tanto polo pouso que deixan en milleiros de estudantes (e no conxunto das clases populares), como porque amosan unha concepción errada e simplista de como tratar as distintas contradicións.

"Os métodos de traballo e a folla de ruta están condicionados por esta realidade nacional, colonial, polo que non admiten mimetismos"

Antes de debullar o acontecido nestas xornadas de paro, cómpre lembrar que as ideas hexemónicas na sociedade galega son as das clases dominantes, como en calquera outro país. Co engadido de que a nosa nación foi conquistada, e colonizada nun proceso longo, que dá un carácter diferencial ao tratamento da cuestión nacional, aos métodos de traballo axeitados, e a como expor a loita das ideas. O desenvolvemento do noso país, a dualidade entre mundo rural e urbano durante séculos, e que o primeiro fose refuxio da lingua e da cultura nacional, así como a rápida destrución deste espazo nas últimas décadas, xunto co retroceso do fordismo e coa revolución informacional, non son un aspectos menores a ignorar. Daquela, os métodos de traballo e a folla de ruta están condicionados por esta realidade nacional, colonial, polo que non admiten mimetismos, non só a respeito doutras áreas xeográficas, senón mesmo doutras nacións asoballadas polo Estado español.

Nun manifesto asinado por tres sindicatos nacionalistas de estudantes (Liga, Agir e Comités) cuestionábase o paro convocado polo Sindicato de Estudantes (SE), porque non tiña en consideración as particularidades nacionais dos territorios do Estado español e non contaba coas organizacións, asembleas e colectivos que traballan acotío na defensa do ensino popular. E engadían, que esta era polo tanto unha convocatoria fantasma, difundida polos medios sistémicos, unilateral e carente dun traballo previo. Supoño que estas organizacións terán razón en aspectos desta crítica, como no tratamento da cuestión nacional galega, e pode que na consistencia da oposición ás políticas do Goberno central, porén outras non resisten unha mínima análise. 

"O SE está no seu dereito de realizar un paro en solitario. A menos que se pense que o estudantado é patrimonio dalgunha forza en particular. Esta sería unha concepción autoritaria e mesiánica". 

O SE está no seu dereito de realizar un paro en solitario. A menos que se pense que o estudantado é patrimonio dalgunha forza en particular. Esta sería unha concepción autoritaria e mesiánica. En todo caso, as demais organizacións puideron convocar unha folga e mobilizacións alternativas, eses días ou outros. Por que non o fixeron? Segundo o SE, hai meses que lles propuxo ás outras organizacións facer este paro, e a contestación seica foi que non existían condicións. De ser así, corresponde que as organizacións nacionalistas fagan unha autocrítica, porque si había condicións, e con seguridade o resultado sería moito mellor se contase cunha convocatoria que non fose “fantasma” e coa participación daqueles “colectivos que traballan acotío na defensa do ensino popular”. Na miña época de estudante diríamos que faltou confianza nas clases populares, ou cando menos, non se valorou correctamente o estado de ánimo da xente. En calquera dos casos a rectificación é necesaria e urxente.

Alén das incoherencias do comunicado das tres organizacións do estudantado ás que fixen referencia, todo parece indicar que Agir é quen marca o camiño, ou cando menos consigue o arroupe dos outros dous colectivos, na súa estratexia de colocar a confrontación co SE como prioritaria. Isto xa pasou nas protestas estudantís de marzo pasado e agora repítese. Por certo, deuse unha situación semellante no marco das mobilizacións contra a sucesión monárquica hai uns meses en Vigo, con forzas desta mesma liña política. Agora, como en marzo, Agir fixo contra-manifestacións en Vigo e Compostela para confrontar coas mobilizacións que convocou o SE. Consecuencias desta práctica: en Vigo unhas ducias de persoas berraban e acusaban a máis dun milleiro (entre eles pais e nais), fosen ou non militantes do SE, de “farsantes” “españolistas” “oportunistas”, mentres que os manifestantes contestaban con asubíos. 

"Como non existen muros abondo (inducidos dende o sistema) para impedir que o nacionalismo chegue coa súa mensaxe ao pobo, hai quen engade novos atrancos por un radicalismo infantil e prácticas sectarias".

Ou sexa que, como non existen muros abondo (inducidos dende o sistema) para impedir que o nacionalismo chegue coa súa mensaxe ao pobo, hai quen engade novos atrancos por un radicalismo infantil e prácticas sectarias. Esquecendo ou rexeitando deste xeito o que é fundamental para gañar as clases populares: abrir camiños de diálogo e complicidade con aquelas persoas máis sensíbeis e que se mobilizan contra as inxustizas. Demostrando así unha enorme incapacidade para ligar a loita concreta, as tarefas conxunturais e as propostas tácticas, co discurso e obxectivos estratéxicos. Iso amosa non entender que a liberación é un proceso, no que cómpre superar distintas etapas. Asemade hai que lembrarlle á Liga e Comités, que a imaxe dunha organización non se forma na sociedade só pola súa praxe, senón tamén polas súas alianzas e a quen arroupa. Un aspecto a ter moi en consideración, máxime cando os medios de comunicación de masas, tan importantes nesta etapa, utilizan calquera eiva para demonizar aqueles que poden cuestionar a hexemonía das clases dominantes.

Sen dúbida axudaría moito evitar ou superar estes métodos de traballo trabucados, ás veces dun radicalismo e vangardismo infantil, armarse dunha maior formación marxista. Lenin, Gramsci, Mao e outros revolucionarios, fixeron importantes contribucións sobre como tratar as contradicións, o problema da conciencia, a praxe, a construción do poder popular, etc. Tanto a loita pola liberación nacional e social do pobo galego, como moitos procesos exemplares no mundo, deixaron unha longa experiencia de porque, como, con quen, cando e onde desenvolver as tarefas políticas. Ás veces, semella que se parte de cero neste aspecto, e non se debaten a fondo as propostas e como efectivizalas, e que posteriormente non se analizan os seus resultados, para tirar conclusións dos erros e acertos, para que sirvan para mellorar o traballo político. É como se a praxe rematase na práctica, desprovista da súa asociación permanente coa teoría

"Organizacións como os Comités e a Liga teñen unha traxectoria chea de iniciativas e de complicidade coas loitas do estudantado, afastada de actitudes sectarias".

Organizacións como os Comités e a Liga teñen unha traxectoria chea de iniciativas e de complicidade coas loitas do estudantado, afastada de actitudes sectarias. É lóxico que sexa deste xeito porque o nacionalismo anticolonial, dende a súa orixe, tivo vocación de ser unha forza de masas. Por iso foi quen de ter un importante peso social, tanto nas organizacións reivindicativas, como no eido institucional e da cultura popular. Isto non foi impedimento para tensar a corda cando foi necesario, ate onde fixo falla, e cando o pobo quixo. Disto son indicativos as/os 150 nacionalistas que teñen multas gobernativas neste intre, pola represión do PP, como facía público nunha rolda de prensa o BNG este fin de semana. 

Por último, quero lembrar, porque ten a súa importancia, que a mocidade é esencial para conquistar a liberación nacional e social do pobo galego e que as súas primeiras impresións e vivencias de loita son fundamentais. Os erros, aínda que sexan localizados e conxunturais, neste caso deixan unha pegada máis funda. Resulta evidente que sempre hai que criticalos, deben servir como exemplo do que non se debe facer, e como demostración práctica da capacidade de autocrítica e de servizo ao pobo. O movemento nacional galego, que pretende ser a punta de lanza da liberación das clases populares, non pode facer nunca de fura-folgas, alentar a pasividade, ou arroupar estas actitudes, cando as protestas teñen como reclamo, para a masa que participa, a loita contra medidas inxustas do sistema. O máis importante, en toda circunstancia, é ter en consideración o estado de ánimo da xente e o seu nivel de conciencia política, e saber que a confrontación coas direccións doutras forzas está subordinada a eses condicionantes. E por suposto, o debate de obxectivos hai que facelo contrapondo alternativas de mobilización e folla de ruta. 

 http://manuelmera.blogaliza.org/