Mentres Galiza non sexa unha Terra ceibe, o Día da Patria Galega será unha data de reivindicación e mobilización, máis que de conmemoración e festexo. Un día no que o nacionalismo galego debe amosar toda a súa potencialidade, máxime nun contexto mundial no que se sacraliza, en beneficio do capital, a concentración e centralización do poder e da riqueza. Ou sexa: a explotación de clase e opresión nacional. Unha globalización neoliberal que afecta negativamente as clases populares a costa da desfeita acelerada de culturas e linguas, do ecosistema, da destrución de países mediante a guerra e a inxerencia externa, da precariedade e a pobreza, da limitación de dereitos democráticos, da manipulación informativa, da negación das soberanías das nacións subalternas, dependentes e colonizadas. 

Clase e nación son conceptos interdependentes para o nacionalismo galego dende o seu rexurdimento como forza política na década dos 60-70 do século pasado. Asumindo tanto a reivindicación da soberanía nacional do galeguismo (ese que en 1846 definiu a Galiza como colonia da Corte e se rebelou coas armas), como a loita a prol dunha sociedade xusta e realmente democrática ao servizo das clases populares galegas que se expresou historicamente mediante manifestacións, folgas e rebelións. Comprendendo así, a diferenza doutras opcións nacionalistas e da esquerda estatal, que ambas  contradicións están vinculadas na Galiza e son prioritarias. E, sobre todo, que só se poderán superar se van unidas tanto nos obxectivos estratéxicos, como na praxe a medio e curto prazo, é dicir: se son centrais no programa, no discurso e na folla de ruta, para construír o imaxinario colectivo do povo galego. 

Clase e nación son conceptos interdependentes para o nacionalismo galego dende o seu rexurdimento como forza política na década dos 60-70 do século pasado

 

Neste aspecto, alenta que a dirección nacional da CIG asuma plenamente os principios e obxectivos do movemento nacional popular, cando afirma no seu chamamento, que o o 25 de xullo é: “Unha xornada de reivindicación do dereito dos galegos e galegas a decidir por nós mesmas o noso futuro como nación e a auto-gobernarnos para poder vivir e traballar dignamente na nosa terra”. E moi especialmente cando rexeita a derrota ou asumir a regras do xogo do sistema, e lembra que: “CIG non está disposta a resignarse. No decurso deste ano a central sindical mesmo convocou unha folga xeral para o 19 de xuño”. E engade máis adiante: “Desde a CIG confiamos na inmensa forza da mobilización (...) para avanzar na conquista dos dereitos”. 

Resulta evidente que o sindicalismo nacionalista considera necesario a auto-organización do povo galego a todos os niveis (agrario, estudantil, ecolóxico, cultural, etc), así como fundamental contar con partidos e organizacións políticas fortes e unha importante representación nas institucións. Mais, a cerna sempre estivo e segue a estar na mobilización, na organización, no debate no eido das ideas, en contar coa complicidade popular, unha extensa militancia e centos de cadros. Só así é posíbel transformar a realidade, conquistar a liberación nacional e social. 

A cerna sempre estivo e segue a estar na mobilización, na organización, no debate no eido das ideas, en contar coa complicidade popular, unha extensa militancia e centos de cadros

 

Pola miña parte participarei, como fixen durante máis de catro décadas, na manifestación organizada polo BNG. Fágoo porque coido que é a forza nacionalista que, sen renunciar a facer unha política de masas, segue a defender a auto-organización e autodeterminación do povo galego, un aspecto esencial para acadar a plena soberanía do povo galego e poder avanzar na xustiza social. Tamén coido oportuna a chamada que fai a fronte para pendurar a bandeira da patria nas fiestras, como unha acción máis a prol da conmemoración. 

Agora ben, lendo a carta que a portavoz nacional dirixiu á militancia da fronte, coido que sobrevalora o electoral,  mentres que esquece a transcendencia da protesta social. Lembremos as importantes manifestacións a prol da igualdade e denunciando a violencia de xénero, en defensa das pensións, e contra a vaga de lumes e para protexer os ecosistemas. Así como as do ámbito laboral, que constitúen máis da metade de todas as mobilizacións, e ademais contan cunha participación moito máis numerosa. Faise unha gabanza da actual dirección, en comparación con etapas anteriores, que non ven ao caso, e saliéntanse futuros dos éxitos electorais que seica nos dan as enquisas, obviando que é un ámbito moi variábel e complexo nesta conxuntura. En resumo, coido que esta campaña do Día da Patria pon o acento en transmitir sensacións, estados de ánimo, deixando nun segundo plano as ideas, os obxectivos, cos que se conseguiría unha complicidade consciente. Semella que o publicitario, o resultado inmediato, o táctico, é mais importante que o político e estratéxico. 

Afirmase na carta que o “BNG abriu un tempo novo, actualizou a súa liña e principios, modernizou a súa estética e imaxinario”. Semella un cambio profundo. Até onde? Se cadra por iso a bandeira da patria (coa estrela vermella do poder popular) substituíse cada vez máis por unha cun escudo distinto. Este pode ter o mérito de ser un deseño de Castelao e ligar o proxecto actual co Partido Galeguista, porén a bandeira coa estrela vermella simboliza décadas de loita do nacionalismo popular contra a colonización, e a prol dunha patria liberada, con xustiza social e democracia.   
    

En fin, desexo que, máis unha vez, este Día da Patria Galega a praza da Quíntana quede pequena e que milleiros de persoas teñan que ficar na contorna. Desexo que as bandeiras da patria coa estrela vermella sexan o símbolo máis representativo do acto, que os berros de “Galiza ceibe poder popular” sexan os máis coreados espontaneamente. Tamén desexo que o resto das manifestacións, convocadas por outras organizacións nacionalistas, consigan superar cifras de anos anteriores. Porque a liberación só será posíbel conseguindo máis sumas do nacionalismo. Mais, a unidade, tan necesaria, débese dar cunha práctica en común no movemento de masas, no debate argumentado dos proxectos, na capacidade para deseñar unha folla de ruta que semente complicidades. Desde a debilidade na mobilización, sen organización e cadros a moreas, non se avanzará no camiño da liberación nacional e popular. Tampouco se avanzará dende os éxitos exclusivamente electorais, porque neste caso todo se supedita a facer de intermediarios e realizar unha boa xestión, ignorando o protagonismo das clases populares, súas reclamacións estratéxicas, súa participación na dirección do proceso. Estas eivas terminan hipotecando a liberación nacional, por máis que esta se predique. 

Desexo que, máis unha vez, este Día da Patria Galega a praza da Quíntana quede pequena e que milleiros de persoas teñan que ficar na contorna

 

O Movemento Nacional Popular Galego construíu poder popular durante décadas porque foi quen de vincular acertadamente a protesta na rúa e nas institucións, e unha boa xestión institucional. Tamén vencellou o urbano e o rural, a clase traballadora e as camadas populares, a militancia entregada e a complicidade consciente, o proxecto global e a loita concreta,... Resulta evidente que a globalización neoliberal suma novos atrancos, a virtude está en armar axeitadamente ao suxeito político e social para vencelos, con programa, folla de ruta, métodos de traballo e mensaxe. É necesaria toda esta munición para ser alternativa. Todos e todas a Compostela. Galiza Ceibe Poder Popular!!!

https://obloguedemera.wordpress.com/