Segundo algúns medios os servizos de intelixencia de Rusia estarían a intervir no conflito entre Cataluña e o Estado español. O contacto seica se realizou a través dun ex-deputado ruso con Puigdemont. A información que saíu en El País e foi reproducida noutros medios, publicouse previamente no mes de outubro no New York Times. Se fose certo Rusia estaría a intervir en todos os países do mundo, nas votacións de Estados Unidos, no Brexit do Reino Unido, nas eleccións de México, Brasil, Arxentina, e moitas máis, e nas protestas populares contra o os governos neoliberais en Ecuador, Chile,... e todas aquelas que sucedan no futuro.

Esta absurda noticia, a que se lle dá validez coa investigación da Audiencia Nacional, resulta efectiva respecto daquelas persoas menos informadas ou pouco criticas cos seus governos. Reproduce a mesma escenificación que se utilizaba na década dos setenta e oitenta en boa parte dos países latinoamericanos, para distraer a opinión pública dos problemas máis graves. Lembro que durante as sucesivas ditaduras de Ongania, Levingston e Lanusse na Arxentina o governo alertaba de que había submarinos rusos (daquela soviéticos) fronte das costas do país, polo que axiña todo a atención se centraba no operativo militar composto por barcos e avións de guerra, que nunca atopaba nada. Era unha escenificación que contaba coa plena colaboración dos medios sistémicos.

Todo amosa que as montaxes da burguesía, para desacreditar as forzas que cuestionan a explotación e opresión, seguen vixentes malia a saturación de información

Todo amosa que as montaxes da burguesía, para desacreditar as forzas que cuestionan a explotación e opresión, seguen vixentes malia a saturación de información. Por certo, segundo RT, a "unidade 29125" non ten ren de segreda, reside nun coñecido edificio de Moscova, e prepara especialistas contra accións de sabotaxe e terrorismo (pouco que ver coa espionaxe)[1]. Vexase que non se fan estas acusacións contra China, a outra gran potencia emerxente, que cuestiona a orde actual do reparto da riqueza e do poder no mundo. Non será porque as relacións comerciais e o investimento é moito maior, e tería grandes custes para a economía do Estado español e os intereses das clases dominantes? Tampouco se di ren respecto de compañías que espían acotío, e que utilizan a información con fins empresariais e políticos, como Google e facebook. É moi difícil de crer que Rusia teña interese en alentar ou apoiar os movementos independentistas, tanto pola complexidade da cuestión nacional dentro da federación, como pola postura que mantén respecto de Kosovo.

Esta información deixa en evidencia a intima relación que existe entre os intereses do gran capital, o poder xudicial e os servizos de seguridade, e por suposto os partidos políticos sistémicos. O dialogo e negociación respecto da problemática catalá, e un posíbel Governo central que realice unha viraxe á esquerda, aínda que sexa cativa, vense polas clases dominantes como unha declaración de guerra. A suposta trama rusa alentando a arroupando as reclamacións independentistas en Cataluña hai tempo que se utiliza co obxectivo de quitar valor as reivindicacións soberanistas, queréndoas relacionar cunha suposta dependencia de intereses foráneos. Tamén se pretendeu luxar o carácter pacifico das protestas ligándoas con manifestacións violentas e a un grupo terrorista, malia que neste caso as declaracións dos supostos membros do grupo, a precariedade de medios, e a falta de conexións, restan moito peso ás acusacións.

A trama rusa semella ser un montaxe máis para que Pedro Sánchez non inicie o dialogo co soberanísimo catalá

A trama rusa semella ser un montaxe máis para que Pedro Sánchez non inicie o dialogo co soberanísimo catalá e, sobre todo, que este non facilite un Governo virado á esquerda (sistémica) Un Executivo que avance en temas como a derrogación total ou parcial das reformas laborais, da Lei Mordaza, do artigo 315.3 do CP, de garantir as pensións públicas, dun aumento dos impostos a sociedades e grandes fortunas e persoas con altos ingresos, etc. A CEOE, mesmo a cúpula da Igrexa Católica, manifestáronse con claridade a prol dun acordo entre o PSOE e PP, máis Ciudadanos, que consolidaría a o marco actual, mantendo os niveis de explotación de clase e opresión das nacionalidades periféricas e o carácter subalterno dalgunhas das autonomías. Estas políticas viradas á dereita contan con un importante apoio entre os dirixentes e cadros intermedios do PSOE, como reflicten as declaracións de Felipe González e algúns dirixentes autonómicos deste partido.

Todo fai pensar que esta noticia sobre a inxerencia rusa, publicada nun medio valedor dos sectores de dereita do partido "socialista", pretendían ser unha escusa máis para evitar un Governo PSOE-UP co apoio decisivo dos soberanistas (co que isto implica tamén de dependencia nalgúns temas que se debatan no Parlamento). Os resultados da consulta interna fortalecen a Pedro Sánchez e un Governo progresista e dialógante respecto da cuestión nacional (a vontade da base farase realidade?). Porén, non se pode ignorar, que os poderes facticos aínda teñen moitos mecanismos de presión na súa man: o PSOE ten unha historia recente abrazando o capital (coa utopía de lle dar un rostro humano); existe unha disputa interna polo espazo independentista en Cataluña; e as políticas da Unión Europea apostan pola globalización neoliberal. Mesmo así, a historia non está escrita, e todos os escenarios seguen abertos, e dependeran esencialmente da mobilización laboral e social organizada.

Vivimos nunha conxuntura na que o vello non quere morrer, e segue a dar a batalla, e o novo aínda non ten forza abondo para se consolidar

Vivimos nunha conxuntura na que o vello non quere morrer, e segue a dar a batalla, e o novo aínda non ten forza abondo para se consolidar. Esta confrontación dáse en todos os países e todos os ámbitos. Daquela o auxe dos partidos de dereita, especialmente a populista, porén tamén de inmensas revoltas sociais e o triunfo de governos progresistas. Revoltas que se poderían converter en revolucionarias se son quen de potenciar partidos de clase, ou construílos (aínda así, hai que destacar que en Ecuador, Chile, Bolivia e Colombia, as revoltas obrigaron a que os governos da dereita, nalgún caso golpista, fixesen concesións). Cómpren forzas con proxectos transformadores e de masas, con programas estratéxicos que eliminen a explotación e opresión, e propoñan obxectivos intermedios (que apuntalen os futuros cambios estratéxicos) para avanzar nesta conxuntura na que aínda a globalización neoliberal é hexemónica, mesmo como tendencia.

https://obloguedemera.wordpress.com/