Os resultados da elección de alcaldes e alcaldesas, asi como das equipas de governo, debuxan un mapa político previo ás eleccións autonómicas que anuncia un cambio de ciclo. O poder municipal repártese deste xeito: un 55% de persoas governadas polo PSOE, un 21% polo PP, e rente dun 10% polo BNG, e o resto a diversos partidos. É verdade que estas cifras hai que matizalas porque en parte responden a coalicións, e ademais o electorado vota distinto ou non vota segundo o ámbito da convocatoria, mais marcan unha tendencia ben definida. Agora ben, non se pode obviar que nos próximos quince meses poden pasar moitas cousas que muden o mapa político, polo que as forzas da oposición deberían planificar súa estratexia para o escenario menos favorábel (especialmente o nacionalismo).

As coalicións do nacionalismo galego co PSOE son conxunturais, por máis que se manteñan no tempo

Nesta segunda rolda das municipais as reunións para conseguir un apoio mutuo entre o BNG e o PSOE, reflectiron as diverxencias de proxecto e, sobre todo, que o respecto polos acordos non é igual en ambas forzas. Pódese dar como escusa a confrontación de cabezas en certos concellos, mais cando a parte afectada é case sempre a mesma, resulta evidente que no esencial ten un carácter político (a cuestión nacional), daquela que se prefira que governe o PP. Ou sexa, as coalicións do nacionalismo galego co PSOE son conxunturais, por máis que se manteñan no tempo, e teñen como finalidade fundamental: evitar que governe a pata máis dura do sistema e levar adiante aquelas medidas progresistas que admite o capitalismo (o PSOE non iría máis alá).

Asemade, as coalicións ou os apoios para a conformación dos governos, tanto municipais como a outros niveis, amosan que o maior rédito electoral obteno a forza que preside a institución. Daquela que nestes casos para os partidos que prestan seu voto ou comparten governo en minoría o dilema sexa sempre o mesmo: non entrar significa defraudar aos/as votantes, participar verse abafado pola estrutura piramidal das institucións. O nacionalismo ten experiencias de xestión formado parte dunha coalición con resultados moi distintos, polo que debería analizalos polo miúdo, e aproveitar as ensinanzas na escola de cadros, e dando espazo ao debate político nas asembleas. En boa medida o resultado final tamén depende da capacidade colectiva e dos/as lideres, non só para levar adiante o programa, senón para socializar os atrancos e logros, e sobre todo para conseguir que participen deles cando menos aqueles sectores sociais máis motivados (o que antes se denominaba a vangarda). Cumprir o que se promete, manter e estender a complicidade popular, permite superar a estratificación institucional e os filtros dos medios de masas sistémicos, cando non ignorancia e o ataque, respecto da xestión e propostas do nacionalismo galego de esquerda.

Neste contexto todo amosa que o BNG vai a mellorar nas vindeiras eleccións autonómicas a súa representación

Neste contexto todo amosa que o BNG vai a mellorar nas vindeiras eleccións autonómicas a súa representación. Así o reflicte o peso municipal co que conta, o resultado das eleccións xerais (valórese tamén o voto ao senado) e as votacións ao Euro-parlamento. Ademais, esta tendencia vese favorecida pola desfeita das Mareas, e o retroceso de Podemos+EU+Anova. Tampouco se pode ignorar a numerosa afiliación do BNG e o esforzo da militancia, así como a sensibilidade na fronte coas reivindicacións da clase traballadora e outros segmentos da sociedade. Polo que, nesta conxuntura de tanta importancia histórica, na que aínda non está definida con claridade como vai ser a nova etapa (unipolar, multipolar, capitalismo outro sistema mais solidario...), o BNG ten unha segunda oportunidade para ser a referencia non só dos/as nacionalistas (que sempre o foi) senón tamén da esquerda social.

A fronte nacionalista con seguridade non se conformará con realizar unha boa xestión no institucional, con ter o vento a prol, e aumentar a representación en dous ou tres deputados/as. Para dar un salto, ser unha forza determinante, necesita mellorar a relación do urxente e principal co estratéxico, tanto nos obxectivos como na mensaxe. Cómpre realizar campañas de mobilización que se estendan no tempo, que socialicen obxectivos e marquen a folla de ruta, que dean vida a unha organización activa, que tome a iniciativa, que gañe a rúa e condicione o debate institucional. Neste aspecto importa un liderádego coral, que non subordine o traballo de masas ao institucional. Para acadar a máxima complicidade en todos os segmentos da sociedade hai que diferenciar as referencias da fronte das que existen no eido institucional. Son tarefas ligadas, mais que teñen dinámicas, comportamentos e e mesmo xeitos de expoñer específicos.

O BNG debería poñer moito empeño en dar un salto nos métodos de traballo, na mensaxe 

O BNG debería poñer moito empeño en dar un salto nos métodos de traballo, na mensaxe outorgando máis peso ás propostas superadoras do sistema en todos os ámbitos (nacionalizacións, emprego, salarios, pensións, dependencia, fiscalidade, mundo rural, ecoloxía, cultura, lingua, etc). Ademais, é esencial unha presenza destacada da clase traballadora na dirección da organización. Téñase en consideración que esta clase representa a maioría do povo, que súas reivindicacións son as máis sentidas pola sociedade, e que as organizacións sindicais son as que contan con maior afiliación, convocan máis da metade das accións de protesta e reúnen maior número de persoas.

En resumo. Apostar fundamentalmente polo institucional sería repetir erros, intentando competir nun espazo no que os partidos do sistema están moi consolidados e contan con grandes apoios nos medios de información hexemónicos. Todo reflicte que se abre unha segunda oportunidade para o nacionalismo galego. O reto é o de sempre: construír poder nacional e popular. As preguntas a contestar son: facelo dende o institucional ou dende o movemento de masas? ¿dende ambos ámbitos a un tempo, e cal é o principal e cal o subordinado?

https://obloguedemera.wordpress.com/