Considero de moito interese o recente traballo do sociólogo mexicano Adrián Sotelo Valencia Teoría da Dependencia; unha revalorización do pensamento de Marini para o século XXI. O seu autor ten unha extensa produción de textos nos que analiza a cuestión do traballo nas economías dependentes. Varios dos seus libros foron publicados en galego pola Fundación Moncho Reboiras. Neste novo texto, despois de expoñer as distintas correntes económico-filosóficas, Sotelo detense máis de vagar a realizar dende a periferia, unha lectura marxista da dependencia. Argumenta polo miúdo as diferenzas que esta corrente tiña co “desenvolvementismo (desarrollismo)” promovido dende a CEPAL (1) por Raúl Prebich, na década dos cincuenta e sesenta do século pasado (2). Sobre este aspecto destaca Adrián Sotelo: “A maioría dos autores entendía a 'dependencia', no espírito da concepción etapista e lineal de Rostow, como unha etapa máis na 'sucesión lineal' para atinxir a fase plena do capitalismo e poñía a énfase na industrialización, o melloramento da distribución do ingreso e na posibilidade de acadar o desenvolvemento "autónomo" do capitalismo, tese esencial da CEPAL que nunca se cumpriu”.

A teoría desenvolvementista, malia se demostrar como fracasada, segue a ter plena actualidade nesta etapa do capitalismo. Mesmo forma parte dos programas de partidos de esquerda. E se hai dúas décadas púñanse como exemplos de desenvolvementismo Corea do Sur, Taiwán, e outros estados do sureste asiático, na actualidade preséntase como tal a China especialmente. Dado que en todos eles, o Estado xogou un papel central na industrialización do país, o desenvolvementismo renovouse. Xurdiu un “neo-desenvolvementismo”, a finais dos setenta e na década dos oitenta do século pasado para confrontar co neoliberalismo.

A teoría desenvolvementista, malia se demostrar como fracasada, segue a ter plena actualidade nesta etapa do capitalismo

 

Dinos Sotelo a respecto do neo-desenvolvementismo que sen cuestionar algo tan fundamental como a que clases serve o Estado “revaloriza o mercado como factor de desenvolvemento, pero, a diferenza do neoliberalismo, sen menosprezar o Estado como suxeito importante de desenvolvemento a través das súas políticas públicas. Neste contexto os neo-desenvolvementistas van soster que o Estado (...) ten a misión de recuperar as políticas do desenvolvemento ao mesmo tempo que manter os 'equilibrios necesarios' para o 'bo funcionamento' do mercado”. Engade que “a tecnoloxía é necesaria para o desenvolvemento, do mesmo xeito que se ten que promover o investimento estranxeiro, a intervención do Estado como planificador", pero sen que asfixie a iniciativa privada das forzas do mercado para dar paso ao desenvolvemento social, aínda se mantén esta perspectiva contra a neoliberal que pondera o crecemento”.

En confrontación con esta teoría desenvolvementista colocáronse o brasileiro Ruy Mauro Marini e outros estudosos da materia, como Theotonio dos Santos, André Gunder Frank, Celso Furtado, Vania Bambirra, etc. Tamén o exipcio Samir Amin está moi influenciado por esta corrente. Marini desenvolveu súa Teoría da Dependencia en varios textos. En Dialéctica da Dependencia, malia ser un escrito datado en 1973, realiza valoracións que son válidas para a nosa etapa de globalización neoliberal do capitalismo: “Como a circulación afástase da produción e faise basicamente no ámbito do mercado externo, o consumo individual do traballador non interfire na realización do produto, aínda que si determine a cota de máis-valía. En consecuencia a tendencia natural do sistema é a de explotar ao máximo a forza de traballo da clase obreira.

A tendencia natural do sistema é a de explotar ao máximo a forza de traballo da clase obreira

 

E, engade Marini con respecto á cuestión da dependencia, do carácter subalterno en relación coa globalización do mercado: “A economía exportadora é pois algo máis que o produto dunha economía internacional fundada na especialización produtiva: é unha formación social baseada no modelo capitalista de produción, que acentúa até o límite as contradicións que lle son propias. Ao facelo, configura de xeito específico as relacións de explotación en que se sustenta, e xera un ciclo de capital que tende a reproducir en escada ampliada a dependencia na que se atopa en relación coa economía internacional (...) O froito da dependencia non poden ser, polo tanto, senón máis dependencia, e a súa liquidación supón necesariamente a supresión das relacións de produción que lle dan sustento.

Adrián Sotelo sintetiza que: “A formulación de Marini en Dialéctica da Dependencia articula a explotación do traballo co desenvolvemento da produtividade (esta, á vez, ligada á plusvalía relativa) nos países dependentes descubrindo, así, a súa íntima correlación e as súas diferenzas estruturais cos países desenvolvidos. Desta forma indica Marini que '...incidindo sobre unha estrutura produtiva baseada nunha maior explotación dos traballadores, o progreso técnico fixo posíbel ao capitalista intensificar o ritmo de traballo do obreiro, elevar a súa produtividade e, simultaneamente, manter a tendencia a remuneralo en proporción inferior ao seu valor real' (...) Marini demostra deste xeito que a superexplotación do traballo restrinxe o consumo da maioría da poboación, en especial dos asalariados, polo que este sistema dependente tende a orientarse cara ao exterior, para resolver seus problemas de realización e garantir a rendibilidade”.

O caso galego é un exemplo da corrección destas análises que tomaron como referencia a situación da América Latina. Así o confirman os dados da fuga de capitais da Galiza ao exterior, mesmo en período de crise. Na década de 2005 a 2015, o capital investido fóra foi de 10.326 millóns de euros e as entradas de 1.682 millóns (sen ter en consideración os outros territorios do Estado español, aínda que o comportamento sería moi semellante). Mesmo a incorporación de novas tecnoloxías non evitou nen debilitou as relacións de subordinación económica, social, cultural e política; xa que aumentou a desigualdade social, e a superexplotación da man de obra, e a dependencia nacional. Demostrando que a modernización en si mesma non termina coa explotación e opresión, nen sequera a reduce, se non vai unida a un cambio na correlación de forzas como parte dun proceso de liberación nacional e social.

O caso galego é un exemplo da corrección destas análises que tomaron como referencia a situación da América Latina

 

A venda a capitais foráneos dun número cada vez maior de empresas estratéxicas ou punteiras na súa actividade económica completan este cadro de crecemento da dependencia neste contexto de globalización neolioberal, tal como prognosticaba Ruy Mauro Marini. Ademais, os atrancos cos que se atoparon países como Venezuela, ou a obrigada rectificación que se está a facer en China, deixan en evidencia as limitacións do desenvolvementismo. Amosan a súa incapacidade para mudar as regras de acumulación, xa que a concentración e centralización do poder e da riqueza é consubstancial co capitalismo. Daquela, a necesidade dunha ruptura co sistema, que é a tese fundamental da Teoría da Dependencia.

Cando retornei da Arxentina en novembro de 1972, para me incorporar á loita contra a ditadura, díxose, con razón, que lle din pulo na UPG ás teorías do maoísmo (non a un seguidismo do proceso en China). Estas eran: unha critica á burocracia de estado na URSS, que se considerase superada a loita de clases no socialismo, e que se apostase pola coexistencia pacifica co imperialismo. Ademais, coidaba como esencial: a política de fronte entre a clase traballadora e outras camadas populares, a interdependencia entre loita de clases e a liberación nacional. Tamén era unha proposta central, dado que condicionaba a folla de ruta e a acumulación de forzas: a necesidade dunha fase previa ao socialismo de economía mixta (3), con hexemonía do sector estatal e cooperativista. Aínda que nesa altura non se publicara aínda a Dialéctica da Dependencia de Marini, o feito de ter militado na Arxentina en Vanguardia Comunista achegoume á Teoría da Dependencia. Este partido caracterizaba a Arxentina como unha neo-colonia dos Estados Unidos, facía súas as teorías dalgúns analistas próximos á CEPAL sobre a recreación do atraso nos países subalternos, facendo súa a Teoría da Dependencia. Esta sería plenamente desenvolvida pouco despois por Marini e outros/as teóricos marxistas.

Tamén era unha proposta central, dado que condicionaba a folla de ruta e a acumulación de forzas: a necesidade dunha fase previa ao socialismo de economía mixta

 

Sempre coidei que ese era un acertado achegamento ao marxismo, que permitía interpretar a realidade das sociedades subalternas, conquistadas e colonizadas, vistas dende a periferia. Daquela que utilizase como argumento que a dependencia recreaba o atraso e o carácter colonial que cumpre a nosa nación (4). Esta análise era correcta no esencial, e o tempo amosou que tiñamos e temos moitas máis semellanzas co “Terceiro Mundo”, malia o diferencial en renda por persoa, que cos países centrais de Europa. Había (e hainas aínda) forzas políticas que nos criticaban dende unha interpretación esquemática do marxismo, que carece de método para entender as tendencias dominantes na sociedade galega e darlle resposta aos retos que isto implica. Non comprenden que o “progreso”, cando é dependente e/ou exclusivamente tecnolóxico, recrea o atraso. Por iso non teñen solucións para a desfeita demográfica, a desvalorización da cultura propia, e a perda de peso económico e político.

(1).- CEPAL (Comisión Económica para América Latina, dependente das Nacións Unidas)

(2).- A Teoría da Dependencia xurdiu ligada aos estudos da CEPAL, na etapa na que esta organización estaba dirixida por Raúl Prebich entre 1950-1963. Ruy Mauro Marini confrontaría coas as súas propostas desenvolvementistas, representadas entre outros polo brasileiro Fernando Henrique Cardoso.

(3).- O que se adaptaba daquela á estrutura económica e social de Galiza, malia a carencia dunha burguesía nacional, e a existencia dunha gran masa da povoación de pequenos propietarios e relacións de produción precapitalistas. Hoxe os condicionantes, que dan valor a unha etapa previa ao socialismo na que se consiga impoñer monopolios públicos nos sectores estratéxicos (banca, enerxía, telecomunicacións, etc), son outros. Concretamente: a correlación de forzas internacional, a derrota da URSS e as súas consecuencias para o movemento obreiro e os procesos de liberación a respecto da construción no imaxinario colectivo do socialismo, e de como avanzar nesta folla de ruta. Daquela a importancia de demostrar nesta etapa a necesidade e a eficacia, tanto no eido económico como social, do carácter público de sectores esenciais para a inmensa maioría da povoación.

(4).- Ollar Terra e Tempo de xuño-xullo e xullo-agosto de 1973.