Os tempos son chegados para baixar os “santos” (Barrié, Alfonso Molina, Sergio Peñamaría etc) dos altares onde estiveron “venerados” durante máis de corenta anos. Xa coñecemos a historia oficial, agora hai que difundir a biografía silenciada.

Barrié de la Maza (1888-1971), franquista, empresario e banqueiros tivo un papel destacado no financiamento e apoio ao exército de Franco cando dá un  golpe de Estado o 18 de xullo de 1936 contra a Constitución, contra a democracia e contra o goberno lexítimo da República, que trouxo unha ditadura criminal. Crea en 1943 a empresa eléctrica Fuerzas Eléctricas del Noroeste (FENOSA), resultado da fusión de Fábrica de Gas y Electricidad con Electra Popular Coruñesa; esta última foi expropiada a prezo de saldo despois do asasinato polo franquismo do seu dono, José Miñones, avogado, empresario e deputado republicano, que foi fusilado polo franquismo o 2 de decembro de 1936. En 1939 Barrié pasaba a presidir o Banco Pastor, despois do falecemento de Ricardo Rodríguez Pastor. Foi presidente, entre outras moitas empresas, de Astilleros y Talleres del Noroeste S.A. (ASTANO) e tamén presidente da Xunta de Obras do Porto da Coruña de 1944 a 1971.

Os medios de comunicación recollían as relacións de persoas que facían entrega de víveres para o Exército de Franco, así como diñeiro en metálico, doazóns en ouro e xoias etc. Dentro das chamadas “Campañas Patrióticas” de apoio aos sublevados, Pedro Barrié aparecía destacado con esta doazón: “6.100 latas de conservas; 15.000 pastillas de jabón La Toja; 240 kilos de jabón especialmente elaborado para la tropa; 1.000 botellas de agua de Mondariz”, como recolle Carlos Fernández no seu libro El Alzamiento Nacional de 1936 en Galicia.

A través do Banco Pastor, este banqueiro estivo implicado en todo tipo de campañas de axuda ao exército sublevado, así como de apoio ao réxime fascista, sendo recoñecida a súa colaboración até polos mesmos falanxistas. Así, o 28 de xaneiro de 1939, o xornal Azul, órgano de Falange Española y de las JONS, difundía esta noticia: “Reina extraordinario entusiasmo para ayudar a nuestros hermanos liberados en Barcelona. En el Gobierno Civil se están recibiendo cuantiosos donativos en metálico y en especies, destacándose el de la Banca Pastor, que ha hecho entrega de 25.000 pesetas” (campaña Auxilio a Poblaciones Liberadas).

Barrié tivo durante anos unha estreita relación e amizade persoal con Franco, participando nas recepcións a Franco no Pazo de Meirás e nas audiencias que o ditador concedía. Acompañábao nas visitas ao Club Náutico da Coruña, do que era Presidente, e navegaba co ditador no iate Azor.

O banqueiro lembraba moitos anos de amizade nunha carta que remite a Franco en 1970 para pedirlle mediación perante o Ministerio de Facenda en relación cunhas dificultades que estaba a atravesar a empresa ASTANO. Despedíase agardando que “como todos los años, si usted me lo permite, pueda visitarlo este verano en el Pazo de Meirás. Recordaremos nuestros muchos años de amistad y podré reiterarle mi inquebrantable lealtad y afecto”. Lealdade ao franquismo que mantivo até o seu falecemento o 14 de marzo de 1971.

Esa estreita amizade co ditador concretouse na concesión de todo tipo de favores e distincións. Foi procurador nas Cortes franquistas durante oito lexislaturas (1946-1971), recibindo de Franco numerosas condecoracións, entre outras: Gran Cruz de la Orden de Isabel la Católica (1946), Medalla al Mérito en el Trabajo (1949), Gran Cruz de la Beneficiencia (1966), con motivo da creación da Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Ademais, Franco premiaba a Barrié co título nobiliario de Conde de Fenosa (BOE nº 288, 15-10-1955) polas súas “acciones nobles”, é dicir, os seus servizos á ditadura: “Siendo los títulos nobiliarios la mejor manera de mantener vivo el recuerdo de las acciones nobles, de premiar a quien las realiza y de expresar la gratitud a quien la mererce, don Pedro Barrié de la Maza, por su inteligente laboriosidad, su constante iniciativa creadora, impregnada de sentido cristiano, se ha hecho digno del reconocimiento nacional”.

Xunto con Julio Muñoz Rodríguez de Aguilar, Gobernador Civil da Coruña, e outros significados franquistas, como Alfonso Molina, promoven a Junta pro Pazo del Caudillo para a adquisición do pazo de Meirás por “suscripción popular”, que foi entregado a Franco, como Xefe do Estado, o 5 de decembro de 1938. Cando roubaron as casas e terras de campesiños para ampliar a extensión do pazo de Meirás, os propietarios eran citados na sede coruñesa do Banco Pastor para asinar os documentos de “cesión” das súas propiedades (Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo. Fundación Galiza Sempre, 2017).

Recibía o título de Conde de Fenosa o 1 de outubro de 1955 polos seus servizos á ditadura e á familia Franco. Crea a Fundación Pedro Barrié de la Maza o 5 de novembro de 1966, que participa no financiamento da construción das Escolas de Arquitectura Superior e Arquitectura Técnica da Coruña, actividades culturais e becas para estudantes.

Por outra parte, Barrié foi unha peza clave do puzle para que a Casa Cornide,  na Cidade Vella da Coruña, que era parte do patrimonio pùblico, acabase finalmente como propiedade de Carmen Polo, esposa de Franco.

Na poxa, amañada, celebrada o 2 de agosto de 1962 só participaron o falanxista José Luis Amor Fernández, subxefe do Movemento, e Pedro Barrié de la Mazá, que se fai coa propiedade do edificio por 305.000 pesetas. O día anterior, o secretario de Franco Ricardo Catoira Garaboa, adiantaba o éxito da operación en carta dirixida a Juan Sánchez-Cortés, Subsecretario de Facenda: “Tengo el gusto de comunicarte que hoy por fin ha terminado el plazo para la subasta de la célebre casa que tanto deseaba Su Excelencia. Hoy también se reúne el Pleno para adjuicarla a un particular y este venderla a la Señora. Así se lo hemos explicado a Su Excelencia por ser la mejor fórmula y que de esta forma no se hace una adjudicación directa de bienes que fueron del Estado al propio Caudillo”. A operación foi un éxito: “Un inmoble do Estado adquirido polo Concello mediante permuta para, inmediatamente, adxudicalo a un particular [Pedro Barrié de la Maza] en poxa e que este lle transmitise a propiedade á dona do Xefe do Estado”, como se recolle no citado libro sobre Meirás.

As persoas con militancia fascista ou próxima ao poder franquista tiveron todo tipo de facilidades para enriquecerse despois do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Un dos métodos utilizados foi a ocupación de espazo público para negocios privados. Así, Armando Casteleiro Varela conseguía “autorización para ocupar una parcela destinada a construír una piscina. Gimnasio y locales anejos para servicios de la misma en la playa de El Parrote, de la bahía de La Coruña” (BOE nº 35, 4-2-1941), coñecida como La Solana. O mesmo que o seu irmán (José Casteleiro Varela) era membro da milicia Caballeros de La Coruña, que tiveron un importante protagonismo na represión despois do golpe de Estado de 1936..

José Casteleiro, que era concelleiro, era unha persoa influínte na corporación municipal e facilitou que o seu irmán conseguise esa concesión. Toma posesión como membro da Comisión Xestora do Concello da Coruña o 18 de agosto de 1938, cando é nomeado alcalde Fernando Álvarez-Sotomayor y Zaragoza. Nesta Xestora xa estaban significados franquistas que van marcar a vida municipal e política nos próximos anos, entre outros: José Pérez Ardá y López Valdivieso, Eduardo Sanjurjo de Carricarte, Diego Delicado Marañón e Alfonso Molina Brandao.

En 1945 tamén conseguiu autorización para a construción dun hotel anexo a este complexo (Hotel Finisterre): “Autorización a don Armando Casteleiro Varela para ocupar una parcela en la zona marítima-terrestre de la playa del Parrote  de la bahía de La Coruña para construcción de un hotel” (BOE nº 72, 13-3-1945).

Emilio Rey Romero conseguía en 1944 a concesión dunha parcela, propiedade pública, que estivo dedicada a Aduana até o seu traslado, para a construción dun hotel cun teatro anexo (Hotel Embajador, na actualidade sede da Deputación Provincial da Coruña e Tetro Colón): “Autorización a don Emilio Rey Romero para ocupar una parecela en la zona de servicio del Puerto de La Coruña, son destino a la construcción de un hotel con teatro accesorio” (BOE nº 312, 7-11-1944).

En todos estes negocios intégrase Pedro Barrié de la Maza a partir de 1945, como recolle o profesor Joán Carmona Badía, catedrático de Historia das Institucións Económicas da Universidade de Santiago,: “Dentro das actividades relacionadas coa hostalaría e a construción nas que participa Barrié destaca a creación de Finisterre S.A., unha empresa constituída na Coruña en agosto de 1945, na que Industrias Gallegas entraría da man dos promotores Emilio Romero (SAINGA) e Armando Casteleiro Varela, que eran concesionarios de autorizacións para edificar os hoteis Embajador e Finisterre, así como La Solana”.

O franquismo era, teoricamente, neutral antes do comezo da II Guerra Mundial, mais Galiza serviu de base de submarinos, aeronaves e bases de comunicación ao servizo do exército de Hitler. Tamén foi fundamental no subministro de materias primas, que eran decisivas para incrementar a capacidade militar do nazismo. O volframio era un mineral imprescindible para o endurecemento da blindaxe dos acoirazados e para aumentar a capacidade destrutiva dos seus proxectís. Franco estaba en débeda con Hitler polo apoio nazi na Guerra Civil, así que deu todo tipo de facilidades para a exportación deste mineral desde Galiza porque tiña importantes xacementos. Segundo Joán Carmona, “en ningún outro sector económico tivo Galiza tanta importancia no escenario mundial”.

Despois de chegar á presidencia do Banco Pastor, unha das primeiras medidas que tomou Barrié de la Maza foi mercar en 1941 as minas de volframio de San Finx, na parroquia de Vilacoba (Lousame) a través de Industrias Gallegas S.A. A exportación de volframio foi un dos negocios de Barrié que lle permitiu destinar ese diñeiro para o enriquecemento do Banco Pastor e facilitar a creación de todo un emporio empresarial.

“O empresariado galego considerou a Guerra Civil como unha conxuntura excepcional, que aproveitaron para facer negocios de acordo coas necesidades do momento”. Esta é unha das conclusións de Margarita Vila e Elvira Lindoso da UDC no seu traballo El negocio de la Guerra Civil en Galicia, 1936-1939. El papel estratégico de la economía gallega durante la Guerra Civil: financiación y suministro de bienes. Segundo este traballo, “el apoyo al bando vencedor de la Guerra Civil proporcionó una elevada rentabilidad al Banco Pastor en términos de un fuerte sostén político por parte del nuevo régimen”. As chamadas “doazóns patrióticas” do Banco Pastor (subscrición para Exército e Milicias, Auxilios á poboación liberada, Subsidio Combatentes, subscrición para vestiario do Exército, subscrición para avións e armamento etc.) acadaron 454.888 pesetas no período 1936-1939.

Segundo o traballo citado de Vila e Lindoso: Una de las aportaciones más interesantes de los grupos empresariales a la causa  nacional fue la Contribución de beneficios extraordinarios de la guerra. Este impuesto directo fue creado por Ley de 5 de enero de 1939, pero aplicado con carácter retroactivo desde el 18 de julio de 1936. Señalaba como sujetos pasivos a las “personas naturales y jurídicas, nacionales o extranjeras, que realizasen cualquier clase de negocios mercantiles e industriales”. Se consideraban beneficios extraordinarios los que excedían del promedio de ganancias obtenidas durante el trienio previo al estallido de la guerra (1933-1935). Como compensación polo apoio de Pedro Barrié de la Maza ao Exército de Franco e á ditadura, o Banco Pastor estaba á cabeza dos principais contribuíntes por beneficios extraordinarios na provincia da Coruña (1940-1943).

Cumpríase así o que dicía Franco: “Nuestra Cruzada es la única lucha en la que los ricos que fueron a la guerra salieron más ricos” (discurso en Lugo o 21 de agosto de 1942). Como sinala o historiador Julian Vadillo (Los tentáculos de la dictadura: un gran negocio llamado franquismo; diagonal.net, 19-11-2015): “Grandes familias de este pais medraron a la sombra del dictador. Pero no sólo se benefició a esas familias. El propio Franco hizo su fortuna a partir del golpe de Estado contra la República. El franquismo no sólo fue una maquinaria represiva sino también una gran empresa y un negocio que, en la actualidad, sigue reportando beneficios”.

Pedro Barrié de la Maza ten a Medalla de Ouro da Coruña (5-4-1963), é Fillo Predilecto (30-3-1950), ten un retrato no palacio municipal de María Pita e dá nome a unha avenida, entre outras distincións. É tamén Fillo Adoptivo de Corcubión e Barco de Valdeorras. En Sada ten unha avenida e é Fillo Adoptivo. Ten a Medalla de Ouro da provincia, concedida a título póstumo pola Deputación da Coruña (17-5-1971), etc.

Independentemente dunha investigación máis ampla sobre as actividades políticas –apoio ao exército de Franco e á ditadura, implicación no roubo do Pazo de Meirás e Casa Cornide etc– e sobre as súas actividades económicas, Pedro Barrié de la Maza, como significado franquista e colaborador do fascismo, non merece as honras e distincións concedidas polo concello da Coruña, Deputación provincial, concello de Ferrol e outros concellos e institucións de Galiza. Estamos ante unha anomalía, unha situación excepcional, que non se pode manter nunha democracia consolidada como a nosa. Hai algún concello ou institución en Alemaña ou Italia que manteña rúas, honras e distincións a empresarios que colaboraron estreitamente cos réximes fascistas de Hitler e Mussolini?