A elección do novo goberno cada día está máis lonxe porque aínda non deron coa boa vía. Andan despistados en mil negociacións como se isto fose cousa dos partidos políticos e por aí van a unha vía morta.

Nos medios de comunicación falan da vía 131, que sería a suma das deputadas e deputados que apoiaron a Pedro Sánchez na fracasada investidura: PSOE, Cidadáns e Coalición Canaria. A vía 161 sumaría a PSOE (90), Podemos e as chamadas confluencias (65) , IU (2) e Compromís (4). A vía 199, sumando as deputadas e deputados conseguidos polo PSOE, Cidadáns e as candidaturas nas que participaba Podemos. E a vía 253, ou gran coalición, sumando os deputados e deputadas de PP (123), PSOE (90) e Cidadáns (40).

Non perdamos máis o tempo en reunións de partidos porque quen vai decidir, ou xa decidiu hai tempo, son os que teñen realmente o poder, é dicir, os grandes capitalistas

Non perdamos máis o tempo en reunións de partidos porque quen vai decidir, ou xa decidiu hai tempo, son os que teñen realmente o poder, é dicir, os grandes capitalistas, que controlan as principais empresas do país e a inmensa maioría dos medios de comunicación. E xa marcaron o camiño a PP, PSOE e Cidadáns desde o día seguinte das eleccións xerais do 20 de decembro: Podemos non pode estar no Goberno (entenden que hoxe é un perigo para os seus intereses), e así o aprobaron submisamente as executivas ou Consellos Federais deses tres partidos.
 
Partindo desta base, creo que deberían cambiar, en primeiro lugar, o lugar das conversas. Nada de sedes de partidos ou salóns do Congreso. O lugar axeitado é a sede da CEOE ou da AEB (Asociación Española da Banca)

Como este artigo vai en plan construtivo, adianto algúns nomes de persoas, ben relacionadas co mundo do IBEX 35, que poderían participar nestas conversas e reunións para a formación dun novo goberno. Teñen unha procedencia ideolóxica e política diversa, son ex–políticos, ex–ministros etc, e moitos deles colocados nas empresas grazas ao que se chama política de portas xiratorias.

Juan Miguel Villar Mir, de OHL, ministro de Facenda na ditadura franquista, que fixo unha doazón de 530.000 euros á caixa B do PP, segundo os papeis de Bárcenas. Pode levar como acompañante  ao seu xenro, Javier López Madrid, conselleiro delegado de OHL, implicado nas tarxetas black de Bankia e amigo dos reis Felipe e Letizia.

Josep Piqué (PP), ministro con Aznar e recolocado en OHL.

Florentino Pérez, presidente de ACS (Actividades de Construcción y Servicios), que tivo uns beneficios de 717 millóns de euros en 2014 e de 725 millóns en 2015. A través da filial Urbaser, empresa de servizos, factura anualmente 1.600 millóns de euros, boa parte deles en Galiza a través de concesións de limpeza, auga, xardinería etc. Florentino, presidente do Real Madrid, foi concelleiro de UCD en Madrid en 1979 e secretario xeral do Partido Reformista Democrático, unha especie de Cidadáns de 1986.

José María Aznar (PP), deixa a presidencia do Goberno e, despois de privatizar Endesa, utiliza as “portas xiratorias” e aparece no consello de administración desa empresa.

Elena Salgado (PSOE) ministra de Economía e Facenda con Zapatero que, tres meses despois de deixar o Goberno, se coloca en Chilectra, filial chilena de Endesa e, recentemente, no consello de administración de Nueva Pescanova.

Pedro Solbes (PSOE), ministro con Zapatero, que se coloca até maio de 2014 como conselleiro de Enel, empresa italiana propietaria de Endesa.

Joan Majó (PSOE), foi ministro de industria con Felipe González e despois membro do Consello Asesor de Endesa en Cataluña.

Eduardo Zaplana (PP), ministro de Traballo con Aznar, que acaba de Adxunto ao Secretario Xeral de Telefónica.

Trinidad Jiménez (PSOE), ministra con Zapatero, que desembarca en Telefónica.

Rodrigo Rato (PP), ministro con Aznar, recolocado en Telefónica e Santander até abril de 2015, cando é investigado por delito fiscal, branqueo e alzamento de bens,   

Felipe González (PSOE), que, como todos sabemos, leva unha vida de “socialista exemplar”, aparece en Gas Natural pouco despois de deixar a presidencia do Goberno.

Javier Gómez Navarro (PSOE), ministro que acaba en Técnicas Reunidas.

José Lladó (UCD) ministro, que preside o consello de administración de Técnicas Reunidas.

Isabel Tocino (PP), ministra con Aznar, participa nos consello de administración de Santander e Enagás.

Ana Palacio (PP), ministra de Asuntos Exteriores con Aznar, de Enagás.

Antonio Hernández Mancha (PP) foi secretario xeral do partido e acabou no consello de administración de Enagás.   

Luis Carlos Croissier (PSOE), ministro de Industria con Felipe González, recolocado en Repsol (a privatización desta empresa foi iniciada por Felipe González e terminada por Aznar en 1997).  

Luis Atienza (PSOE), ministro de Agricultura até 1996, presidiu Red Eléctrica de España (REE) até 2012, que é indemnizado con 2,3 millóns de euros.

María de los Ángeles Amador (PSOE), ministra de Sanidade, que desembarca en Red Eléctrica de España, percibindo anualmente 182.000 euros en 2012. 

Juan Carlos Aparicio (PP), ministro de Traballo, que acaba no consello de administración de Indra.

Pío Cabanillas Alonso (PP) ministro, portavoz do Goberno, que se recoloca en Acciona.

Ángel Acebes (PP), ministro con Aznar, da Comisión Executiva Delegada de Iberdrola.

Manuel Marín (PSOE), foi presidente do Congreso, preside a Fundación Iberdrola.

A esa reunión para formar goberno poderían ser invitados outros dous representantes de empresas do IBEX 35: José María Mayor Oreja, de FCC, que fixo unha doazón de 165.000 euros ao PP, e Luis del Rivero, de Sacyr, que tamén contribuíu con 580.000 euros a engordar a caixa B do PP.

Das 35 empresas exemplares” do IBEX 35, 33 operan en paraísos fiscais a través de 437 filiais: 72 do Banco Santander; 71 ACS, 43 do BBVA, 43 Repsol, 26 FCC

Tamén poderían participar nesa reunión algunhas persoas cunha traxectoria polivalente, é dicir que poden estar hoxe coa esquerda e mañá coa dereita: Cristina Garmendia, ministra con Zapatero, que forma parte da Fundación España Constitucional e partidaria dun goberno de gran coalición, e José María Fidaldo, ex–secretario xeral de CCOO, que participa sen ningún rubor en convencións sobre emprego, organizadas polo PP, ou nas actividades da Fundación FAES, que dirixe Aznar.

Agora que está de actualidade o tema do paraíso fiscal de Panamá, debemos lembrar que das 35 “empresas exemplares” do IBEX 35, 33 operan en paraísos fiscais a través de 437 filiais: 72 do Banco Santander; 71 ACS, 43 do BBVA, 43 Repsol, 26 FCC etc, segundo o informe 2011 do Observatorio de Responsabilidade Social Corporativa, que dirixe Carlos Cordero.

Non son adiviño, pero adianto un posíbel resultado final, ben en xuño ou despois dunha repetición das eleccións o 26 de xuño: Goberno de PP e Cidadáns coa abstención do PSOE (esta posíbel saída xa foi anunciada e bendicida por Felipe González, Alfonso Guerra, Susana Díaz e outros baróns do PSOE); a variante dun goberno do PP co apoio de Cidadáns, pero sen entrar no goberno, e a abstención do PSOE; e unha última variante, que están impulsando os poderes fácticos, un goberno PP-Cidadáns se, despois dunhas novas eleccións, suman maioría absoluta. E quero confundirme.