Acabouse a polémica sobre se en España había ou non torturas. Desde a morte de Arregi por torturas o 13 de febreiro de 1981 até a sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) por trato inhumano e degradante, que se facía pública o 13 de febreiro de 2018, pasaron 37 anos e a conclusión é evidente: aquí si hai torturas das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que contaron coa pasividade dos sucesivos gobernos e a colaboración duns tribunais de xustizas que non investigaron eses delitos.

As torturas non foron feitos illados, senón un procedemento seguido en moitas ocasións cos detidos durante a ditadura franquista e na chamada Transición, como denunciaron asociacións e tribunais internacionais de dereitos humanos, mentres os  gobernos españois e os tribunais de xustiza miraban para outro lado. O Goberno Vasco e o Instituto Vasco de Criminoloxía da Universidade do País Vasco presentaban en decembro de 2017 o informe final do “Proxecto de investigación da tortura e malos tratos en Euskal Herria entre 1960 e 2014, que analizaba case 4.000 casos, entre outros 1.585 da Garda Civil, 1.561 da Policía Nacional e 310 da Ertzaintza, e concluía que as torturas formaron parte da loita antiterrorista durante os sucesivos gobernos.

Entre 1960 e 2014, e de acordo cunha pesquisa universitaria, producíronse en Euskal Herria 4.000 casos de torturas, 1.585 atribuidas á Garda Civil, 1.561 á Policía Nacional e 310 á Ertzaintza

 

A primeira condena do TEDH remóntase a torturas realizadas en 1992 cando 15 persoas sospeitosas de simpatizar co independentismo foron detidas en Cataluña pouco antes da celebración dos Xogos Olímpicos de Barcelona e denunciaron torturas. Unha sentenza do TEDH de Estrasburgo de 2004 condenaba España por non investigar esas denuncias.

O 13 de febreiro de 1981 morría Joseba Arregi Izagirre no hospital do cárcere de Carabanchel, despois de oito días de torturas na Brigada Rexional de Información, en dependencias da Dirección Xeral de Seguridade de Madrid. O ministro de Interior, Juan José Rosón, explicaba en sede parlamentaria que “as lesións sufriunas cando foi capturado e nun suposto forcexeo nas dependencias policiais”. Lembrando estes acontecementos, diversos colectivos celebraron en Euskalerria o pasado 13 de febreiro como o “Día Contra a Tortura”.

Dos 73 policías que participaron nestas torturas a Arregi só dous foron condenados, despois foron indultados e continuaron ascendendo na súa carreira profesional

 

Dos 73 policías que participaron nestas torturas a Arregi só dous foron condenados, despois foron indultados e continuaron ascendendo na súa carreira profesional. Case nove anos máis tarde, en outubro de 1989, o Tribunal Supremo condenaba os policías Julián Marín Ríos e Juan Antonio Gil Rubiales a catro meses de arresto e tres e dous anos, respectivamente, de suspensión de emprego e soldo. O goberno socialista de Felipe González indultaba estes policías en 1990. Gil Rubiales era designado en 2005 como Comisario Xefe Provincial da Policía de Tenerife polo goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero.

 A “ausencia dunha investigación efectiva” repítese en moitas das sentenzas do TEDH e España foi condenada en dez ocasións por non investigar as denuncias por torturas. Un caso significado foi o de Martxelo Otamendi, director do xornal Egunkaria. O xuíz de Audiencia Nacional Juan del Olmo pechaba o xornal en febreiro de 2003 (o xuíz Baltasar Garzón xa pechara Egin o 14 de xullo de 1998), Otamendi era detido e estivo cinco días incomunicado en dependencias da Garda Civil, sufrindo malos tratos e torturas, que denunciou. O Ministerio de Interior interpuxo unha querela contra os detidos nesta operación por denuncias “falsas” de tortura e “inxurias e calumnias” contra a Garda Civil. E o xornalista, profesor e tertuliano José María Calleja, facía estas graves acusacións: “O señor Martxelo Otamendi é un etarra en comisión de servizos”.

Unha sentenza da Audiencia Nacional de 12 de abril de 2010 absolvía todos os imputados e criticaba o peche do xornal: "O encerramento do diario non tiña habilitación constitucional directa e carecía dunha norma legal especial e expresa que a autorizase"; "tampouco se ten acreditado nen directa nen indirectamente que o xornal defendese os postulados  da banda terrorista, publicase un só artigo a favor do terrorismo ou dos terroristas nen que a súa liña editorial tivese sequera un nesgo político determinado". Por outra parte, sinalaba que  “a estreita e errónea visión segundo a cal todo o que teña que ver co euskera e a cultura nesa lingua ten que estar fomentado e/ou controlado por ETA conduce a unha errónea avaliación de dados e feitos e a inconsistencia da imputación. Ademais, consideraba o peche de Egunkaria como unha “inxerencia na liberdade de imprensa”. A sentenza concluía que “as acusacións non probaron que os procesados teñan a máis mínima relación con ETA o que por si determina a absolución con todos os pronunciamientos favorábeis”. Unha sentenza do citado tribunal europeo en 2012 sinalaba que a xustiza española foi “pasiva” ante as denuncias de Otamendi e condenaba a España a pagar unha indemnización de 24.000 euros.

 A “ausencia dunha investigación efectiva” repítese en moitas das sentenzas do TEDH e España foi condenada en dez ocasións por non investigar as denuncias por torturas

 

Os membros de ETA Igor Portu e Martín Sarasola realizaron un atentado o 30 de decembro de 2006 na T-4 do aeroporto de Baraxas, provocando a morte de dúas persoas. Foron detidos o 6 de xaneiro de 2008 e condenados a 1.040 anos de cárcere. Denunciaron torturas e a imaxe de Portu na UCI cun colapso pulmonar, dúas costelas rotas e hematomas por todo o corpo horas despois da súa detención e paso polos calabozos do cuartel da Garda Civil de Intxaurrondo, foi publicada nos medios de comunicación. Despois de pasar tres día en coidados intensivos e cinco no hospital Arantzazu, necesitou outros 27 días para a súa curación.

Unha sentenza da Audiencia Provincial de Guipúscoa condenaba catro axentes de Garda Civil a diferentes penas “por delitos de torturas graves”, pero foi revocada polo Tribunal Supremo en 2011 (dicía que non había probas e que a denuncia era falsa) e polo Tribunal Constitucional. Finalmente, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos consideraba en febreiro de 2018 que “están suficientemente probadas as lesións” na súa detención e condenaba a España por “trato inhumano e degradante” (violación do artigo 3 da Convención Europea sobre os Dereitos Humanos); tres dos sete membros do tribunal cualificaron os feitos como torturas. A sentenza era contundente: “Nin as autoridades nin o Goberno aportaron ningún argumento críbel e convincente que poida servir para explicar ou xustificar as lesións que alegan os demandantes”; condenaba a España por non investigar dilixentemente as denuncias de torturas por parte dos detidos e sinalaba, ademais, que a responsabilidade debe ser atribuída ao Estado ao indemnizar a Portu e Sarasola con 30.000 e 20.000 euros, respectivamente.

Para Amnistía Internacional. a investigación de torturas é unha materia pendente- A ong considera “inaceptábel   que España continúe ignorando as recomendacións dos organismos internacionais”. Esteban Beltrán, director de AI en España, sinalaba que “as autoridades españolas deben establecer un marco sólido contra a tortura e os malos tratos, que conte con mecanismo de prevención e coa existencia dunha axeitada investigación para evitar a actual situación de impunidade xeneralizada neste tipo de delitos”.