Estamos ante un problema que era difícil de resolver antes da aprobación da Lei da Memoria Histórica de 2007. Hoxe é bastante máis fácil porque nos últimos anos numerosos concellos, con alcaldías de diversa significación política  aprobaron a retirada de rúas e distincións honoríficas a alcaldes e alcaldesas da ditadura franquista, como resultado dunha demanda social, do traballo de asociacións memorialistas e de novas leis aprobadas en distintas comunidades autónomas, que reforzan a eliminación da simboloxía franquista. A Coruña non pode quedar atrás.

Manter hoxe na Coruña os retratos no palacio municipal de María Pita, así como rúas dedicadas a alcaldes da ditadura, é unha homenaxe a persoas significadas polo seu protagonismo político na ditadura e é unha ofensa ás vítimas do franquismo.

En Andalucía son considerados elementos contrarios á Lei da Memoria Histórica e Democrática: “La exhibición pública de escudos, insignias, placas y otros objetos o menciones, como el callejero, inscripciones y otros elementos adosados a edificios públicos o situados en la vía pública, realizados en conmemoración, exaltación o enaltecimiento individual o colectivo del golpe militar de 1936 y del franquismo, de sus dirigentes o de las organizaciones que sustentaron al régimen dictatorial, se considera contraria a la Memoria Democrática de Andalucía y a la dignidad de las víctimas”.

Manter hoxe na Coruña os retratos no palacio municipal de María Pita é unha homenaxe a persoas significadas polo seu protagonismo político na ditadura

 

En primeiro lugar debemos coñecer o historial da alcaldesa ou alcalde, presidente da Deputación, Gobernador Civil, procurador das Cortes franquistas etc. Difúndense con frecuencia as obras que fixeron e aquí todas e todos saen ben parados porque quen non abriu unha rúa, inaugurou unha biblioteca, un cemiterio, un colexio ou un mercado municipal. Infórmase pouco sobre a súa designación a dedo, que non había democracia; tampouco se informa da súa ideoloxía falanxista ou fascista, exaltación do ditador, depuración dos funcionarios etc.

Esta é unha breve biografía de José Manuel Liaño Flores, que chega á corporación franquista en 1946 co alcalde Eduardo Ozores e que abandona para presentarse ás oposicións a xuíz de instrución, que aproba con 23 anos. Xuíz comarcal excedente. Participa desde moi novo en responsabilidades relacionadas coa ditadura. Vicesecretario de Ordenación Social. Delegado provincial de Sindicatos de Ourense até 1958, recibindo a Encomenda da Orde do Mérito Agrícola. Escribe na revista Cincel da Falange de Ourense. Regresa como concelleiro da Coruña en 1964, sendo alcalde Eduardo Sanjurjo de Carricarte. Xefe dos servizos xurídicos da Delegación Provincial de Sindicatos da Coruña. Presidente da Asociación de Cabezas de Familia da Coruña. Alcalde desde o 1 de febreiro de 1976 até decembro de 1978. Foi deputado provincial e procurador das Cortes franquistas (pola chamada representación familiar) de 1967 a 1977; conseguiu o 13,39% dos votos e como a abstención foi do 75,04% na provincia da Coruña, recibiu o 2,18% do censo.   

A súa xestión como alcalde estivo chea de escándalos como a desaparición de documentos do avance do Plan Xeral de Ordenación Urbana, a aprobación do Plan Parcial de Mato Grande co voto de calidade do alcalde etc. Por outra parte, a xestión da corporación franquista presidida por Liaño Flores e os catro derradeiros meses por Berta Tapia, deixaron a economía do concello en bancarrota. Quince días despois da toma de posesión do alcalde Domingos Merino o concello tivo que recorrer a unha operación de tesourería de 373 millóns de pesetas para poder facer fronte aos gastos correntes e pagar a nómina do persoal dese mes. O déficit do orzamento ordinario de 1978 era de 115 millóns de pesetas e había unha débeda de 399 millóns de pesetas. Como resultado desa nefasta xestión, o Orzamento Municipal ordinario foi de 1.548 millóns de pesetas para 1978 e só 50 millóns de pesetas para investimentos. A corporación municipal que preside Merino aproba un orzamento para 1980 de 2.347 millóns de pesetas e un orzamento especial de urbanismo de 237 millóns de pesetas.

Na década dos 60 apostaba pola continuidade do chamado Movimento Nacional, é dicir, o partido único do franquismo. Preguntaba o xornalista Miguel Ángel Aguilar a Liaño Flores, procurador nas Cortes franquistas: “¿Cómo ve el futuro político?” E contestaba: “Podremos hablar del Movimiento Nacional hacia ese futuro, según prevén nuestras leyes” (xornal Madrid, 4-7-1969).

Liaño Flores manifestouse como admirador do Caudillo Franco, tamén despois da morte do ditador. Na inauguración da avenida do Exército na Coruña polos reis Juan Carlos e Sofía o 30 de xullo de 1976, o alcalde Liaño Flores facía referencia ao ditador Franco no seu discurso: “Galicia ha sido arsenal y despensa de hombres y vituallas, sin recibir nada a cambio, de haber dado incluso un Caudillo excepcional para la historia” (ABC, 30-7-1976). Ten un retrato no palacio municipal de María Pita e unha rúa desde decembro de 2009.

Non se retirou da política e continúa con intervencións cunha importante repercusión pública. Na Función do voto á Virxe do Rosario na igrexa de Santo Domingo de 13 de maio de 2018, que presidía o arcebispo Julián Barrio, Liaño Flores era o oferente e aproveitou para criticar a ausencia do alcalde Xulio Ferreiro, que non acude a estes actos relixiosos en representación do concello por respecto ao carácter aconfesional do Estado, como recolle a Constitución. Ao principio da cerimonia explicaba que era o oferente, substituíndo “a quien por tradición y obligación histórica debió hacerlo”. Lembraba tamén que este “es un acto de espiritualidad, de la Cofradía del Rosario y de todos los coruñeses, salvo una significada ausencia”. Liaño Flores cumpre 97 anos o 15 de novembro e, a nivel persoal, deséxolle saúde e moitos anos máis.

Sempre hai que ter en conta a realidade de cada concello, pero pode ser útil repasar algunhas experiencias e o comportamento das distintas organizacións políticas. E hai que esixir un mínimo de coherencia; non pode ser que o discurso e os criterios para a eliminación da simboloxía franquista na Coruña sexa distinto que en Ferrol ou Badaxoz. 

Ferrol. O pleno de 30 de xullo de 2018 aprobaba  unha moción do PSOE, apoiada por Ferrol en Común e BNG e abstención de PP e Cs, para a retirada dos retratos de sete alcaldes da ditadura da sala de alcaldes. Beatriz Sestayo, portavoz municipal do PSOE, declaraba despois de aprobarse a moción, que os retratos “poden ser retirados en menos de 24 horas”.

Ponferrada. O PSOE pedía en decembro de 2017 a retirada dos retratos de alcaldes franquistas que hai no consistorio, argumentando que é un “bochorno” e unha falta de respecto ás vítimas. Lembraba tamén o PSOE que un xulgado obrigou a retirar os retratos dos rexedores de Bilbao no franquismo. 

Non pode ser que o discurso e os criterios para a eliminación da simboloxía franquista na Coruña sexa distinto que en Ferrol ou Badaxoz

 

Madrid. O goberno municipal de Ahora Madrid, co apoio de PSOE e Cs e voto en contra do PP, retiraba en xuño de 2017 a distinción de Hijo Predilecto de Madrid a Carlos Arias Navarro, alcalde de Madrid na ditadura. Acordaba eliminar a avenida Conde de Mayalde –José María Finat y Escrivá de Romaní–, gobernador civil de Madrid (1939-1940) e alcalde de Madrid (1952-1965). Tamén eliminou a glorieta Cirilo Martín Martín, que foi alcalde franquista de Aravaca, cando tiña concello propio, antes de integrarse en Madrid.

Xuntas Xenerais de Biscaia, que preside o PNV, aprobaban o 9 de febreiro de 2010, cos votos a favor dos grupos Nacionalistas Vascos, Ezker Batua-Berdeak e Grupo Mixo, una proposición non de norma para a supresión da simboloxía franquista, con mención expresa aos retratos dos alcaldes ou alcaldesas da ditadura, que argumentaban así: “La presencia de cualquier símbolo o elemento de otro tipo que con su permanencia siga alabando los valores y las personas que hicieron posible aquel régimen fascista supone un grave perjuicio contra la memoria de las víctimas de ese régimen y supone un grave ataque contra el más elemental sentido democrático aquí y ahora. Malamente podemos educar en valores basados en la democracia mientras que símbolos que representan justamente a un régimen que se construyó contra ella siguen presentes en nuestros espacios públicos y también en algún caso incluso espacios institucionales”. Estes son algúns dos acordos: “Eliminación en el plazo máximo de tres meses de cualquier espacio publico o institucional del territorio histórico de Bizkaia de todo aquel elemento que haga referencia a la dictadura franquista en cualquiera de sus manifestaciones o a cualquiera de sus promotores, inspiradores o personas que ejercieron algún tipo de poder durante la misma. Realizar un censo de los símbolos franquistas existentes en el territorio histórico de Bizkaia. Asimismo se le insta a que realice también, un censo de las calles, edificios o elementos varios que en los pueblos vizcaínos sigan homenajeando a personas que se han significado por su protagonismo en este periodo”.

Barcelona. O concello retira en abril de 2018 a Medalla de Oro a Miquel Mateu Pla, primeiro alcalde franquista da cidade, e o goberno municipal anula máis de mil expedientes de funcionarios depurados en 1939 polo citado alcalde.

Paterna (Valencia). O Pleno de decembro de 2015 aprobaba unha moción de Esquerda Unida, cos votos de Compromís, PSOE e Paterna si Puede, para que se retiren os cadros dos alcaldes franquistas; mentres tanto, o PP recollía sinaturas para evitalo.

Deputación de Valencia. O Pleno de 18 de xullo de 2016, a partir dunha moción da Delegación de Memoria Histórica, asinada polo portavoces do equipo de goberno (PSOE, Compromís), aprobaba por unanimidade, entre outros, retirar a Medalla de Oro de la Provincia a Jesús Posada Cacho, Gobernador Civil de Valencia entre 1960 e 1962 (pai do ex–presidente do Congreso Jesús Posada).

Bilbao. O Pleno aprobaba cos votos de PNV e PSOE habilitar en dependencias municipais “un espacio para la memoria contextualizada del ayuntamiento”. Isto significa que haberá, en distintos espazos, unha separación dos retratos dos alcaldes elixidos democraticamente, dos designados a dedo polas autoridades franquistas. O acordo sinala que os nomeamentos dos alcaldes durante a Guerra Civil e a ditadura franquista foron “ilexítimos” polo que considera necesaria esa “resignificación “ dos retratos deses rexidores.

Cádiz. O Pleno de 24 de novembro de 2017 acordaba eliminar a avenida Ramón de Carranza, que é substituída por “4 de decembro” (lembrando as manifestacións multitudinarias pola autonomía que ese día de 1977 se celebraron .en toda Andalucía); foi aprobado cos votos a favor de Podemos, PSOE e Gañar Cádiz, abstención de Cs e en contra de PP. Pouco despois do triunfo dos golpistas, Ramón de Carranza e Fernández de la Reguera foi nomeado Gobernador Civil e alcalde de Cádiz o 28 de xullo de 1936. O concello de Cádiz xustificaba o cambio de nome da súa rúa porque, entre outras razóns, participou na depuración de funcionarios.

Xerez. Alcaldesa do PSOE, María del Carmen Sánchez Díaz “Mamen”. O Pleno de xullo de 2018 retiraba sete honores e distincións franquistas, entre elas a de Hijo Adoptivo de Cádiz a José María Pemán, cos votos a favor do PSOE, Ganemos Jerez, Cs e IU, abstención de PP nas tres primeiras e en contra das catro restantes. A Xunta de Goberno Local aprobaba o 14 de decembro de 2017 iniciar o expediente para retirar a Manuel Fraga a distinción de alcalde honorario de Jerez, concedida o 4 de abril de 1970.

Badaxoz. A instancia da Deputación, presidida polo PSOE, o Comité de Expertos da Memoria Histórica de Badajoz, cataloga en decembro de 2017 un total de 253 restos da Guerra Civil e da ditadura nos municipios da provincia: cruces dos caídos, placas aos mártires e José Antonio Primo de Rivera, rúas con nomes de alcaldes, militares da ditadura etc. A Deputación indicaba por escrito ao concello de Badajoz (alcaldía do PP) que, se quería seguir recibindo subvencións, debería cambiar nun prazo de tres meses os nomes das rúas de políticos franquistas. En Villanueva de la Serena, municipio que dirixe Miguel Ángel Gallardo, presidente da Deputación, o Pleno aprobaba por unanimidade cambiar o nome do Estadio Romero Cuerda, alcalde na ditadura.



x