Deixemos así o titular porque podía ser máis longo.

Deixemos así o titular porque podía ser aínda máis longo. Acabou o proceso para a presentación de candidaturas, un culebrón de catro meses, e xa coñecemos o desenlace final: todas as persoas que estamos inscritas no censo (case 6.000) de Iniciativa pola Unión (IpU) podemos elixir este domingo as candidaturas de “Nós. Candidatura Galega” polas catro circunscricións galegas, despois dun proceso de primarias aberto (era un mandato do Banquete de Conxo), coa elaboración dun censo previo, con Documento de Identidade, e a elección dunha Comisión de Garantías, que controlará todo o proceso.

Coñecemos tamén o “Acordo Político para as eleccións xerais” de EN MAREA que resulta, cando menos, sorprendente porque non responde ao difundido nos últimos meses como principios e obxectivos dalgúns partidos e das chamadas “Mareas”.

Algúns dirixentes políticos e as mareas cansáronse de difundir que era necesario o protagonismo da cidadanía (puñan como exemplo a formación da candidatura da Marea Atlántica da Coruña), un proceso desde a base e a confluencia de tres axentes: partidos políticos, mareas e movementos sociais. Todos pensabamos que á hora de tomar decisións a cidadanía e as bases non serían suplantadas polas cúpulas dos partidos, pero hoxe xa sabemos que Podemos, Esquerda Unida e Anova levaban meses negociando o tema, cousa lexítima, pero non é de recibo que despois de ter todo deseñado e decidido, estes tres partidos chamen agora a sumarse ao resto dos axentes.

Sabemos tamén polo texto do citado acordo que non todos os axentes xogan en igualdade, senón que hai “actores fundamentais” (o resto serán actores secundarios, digo eu) e que os primeiros postos das candidaturas están xa negociados e reservados para os tres partidos: Podemos, Anova, EU. Chaman tamén a incorporarse ao proceso “ao conxunto de candidaturas municipais de unidade popular”.

Recolle o Acordo Político que para “dar cabida aos actores fundamentais, acórdase que a candidatura de consenso garantirá a presenza das forzas políticas principais nos seguintes postos para o Congreso dos Deputados e Deputadas: Podemos terá o primeiro posto na candidatura ao Congreso pola circunscrición da Coruña. Anova terá o primeiro posto por Pontevedra” (non fala para nada de Ourense e Lugo). En que grupo estará cada un deses deputados e deputadas se non conseguen grupo parlamentario propio, é dicir, cinco no conxunto das catro circunscricións galegas e o 15% en cada unha delas? Esta pregunta, que é fundamental, non ten resposta e queda para despois das eleccións.

En que grupo estará cada un dos deputados e deputadas se non conseguen grupo parlamentario propio, é dicir, cinco no conxunto das catro circunscricións galegas e o 15% en cada unha delas?

Se os escanos non chegan para os tres partidos principais “estableceranse mecanismos de rotatividade nos escanos que garantan a representación das tres partes coaligantes ao longo da lexislatura”. Entendo que para os actores secundarios quedan reservados o resto dos postos das candidaturas que “serán establecidos no marco do consenso con todos os axentes participantes do proceso”.

E as bases do programa electoral? Xa están feitas porque serán “as bases políticas formuladas no preacordo suscrito por Anova, EU e Podemos Galiza”, é dicir, desde a base. A nivel organizativo a candidatura terá unha Mesa Coordinadora que funcionará como órgano executivo con seis postos para os tres partidos e outros seis para o resto dos axentes. Non se fala para nada da continuidade deste proxecto de coalición para as eleccións ao Parlamento Galego de 2016.

Non haberá primarias abertas, senón listas plancha, é dicir, un sistema que garante practicamente o trunfo da candidatura e o reparto de postos que presenten os tres partidos principais

Non haberá primarias abertas. O sistema será o chamado listas plancha, é dicir, un sistema de listas pechadas que garante practicamente o trunfo da candidatura e o reparto de postos que teñan o aval dos tres partidos principais. É evidente que este sistema non representa o espírito da mareas e está en aberta contradición co manifesto de Encontro Cidadán por unha Marea Galega: “A elección das candidaturas, quer as provinciais quer a da presidencia á Xunta de Galicia, realizaranse mediante un proceso de eleccións primarias abertas á cidadanía, con censo e inscrición rogada”. Tamén dicía o citado manifesto: “Aínda que a iniciativa corresponde á cidadanía, convidamos a sumárense ao Manifesto aos partidos políticos e ás persoas a eles afiliadas”. O resultado final de todo este proceso é que a iniciativa non foi da cidadanía, senón de tres partidos, actores principais, e agora chaman ás mareas e á cidadanía a sumarse, como actores secundarios.

Por outra banda, non hai censo de EN MAREA como tal, senón unha lista de militantes de cada partido ou de adhesións ás distintas mareas e isto non ten as mínimas garantías para facer unhas primarias (din agora que, despois de catro meses, non tiveron tempo).

O citado Acordo Político foi sometido a consulta interna e aprobado polo 80,68% en Anova e polo 70% en EU (non informaron do número de persoas que participaron). No Encontro Cidadán por unha Marea Galega houbo pouca participación e unha clara división de opinións: 165 (60%) a favor de participar nese Acordo e 112 en contra (40%).

Dos participantes no foro de partidos de 16 de outubro para construír unha candidatura unitaria (en principio era aberto, pero fracasou porque seis partidos foron vetados, curiosamente, todos eles participaban en Iniciativa pola Unión), Equo, Compromiso por Galicia e Cerna non estarán na coligazón EN MAREA, despois dunha consulta a súa afiliación. No caso de Equo decidiu desmarcarse porque “incumpren practicamente a totalidade do acordado e xa traballado en común”.

Como sorpresa de última hora, un grupo de persoas manifesta a súa intención de celebrar primarias abertas antes do 16 de novembro para presentarse coa candidatura de Agora en Común-Unidade Popular Galicia. Terá algo que ver coa candidatura de Unidad Popular, que lidera Alberto Garzón? Se é así, entendo que non necesita inscribirse en Galiza porque está rexistrada para todo o Estado. Veremos.

Desde o principio houbo dúas estratexias distintas: unha centrada  na consecución dun grupo parlamentario galego soberano, aberto a todas as organizacións políticas e movementos sociais, sen exclusións; e outra moi preocupada en compracer a Podemos (dixeron que eran “imprescindíbeis”)

Pode haber moitas interpretacións e valoracións deste proceso, pero non é o momento de buscar culpábeis. Non conseguir unha única candidatura galega de unidade popular é un fracaso de país e cada quen terá que dar conta das súas responsabilidades. Finalmente, haberá dúas candidatura porque desde o principio houbo dúas estratexias distintas: unha centrada  na consecución dun grupo parlamentario galego soberano, aberto a todas as organizacións políticas e movementos sociais, sen exclusións; e outra moi preocupada en compracer a Podemos (dixeron que eran “imprescindíbeis”), partido que xa tomara as súas propias decisións na Asemblea de Vista Alegre. Por iso Podemos impuxo que EN MAREA non convoque eleccións primarias abertas (eles xa elixiron as súas cabezas de lista para as catro circunscricións galegas, nunhas primarias de carácter estatal) e impuxeron que a cabeza de lista da Coruña sexa de Podemos. E por iso na papeleta figurará o nome da coalición: EN MAREA (Podemos-Anova-EU), o logotipo da candidatura (“na papeleta figurará tamén o logotipo de Podemos”), unha clara concesión a Podemos, respectando así o acordo da citada Asemblea deste partido en Madrid, e o resto de partidos quedan sen logotipo.