Acaba o xuízo do procés e con este artigo remato a serie de artigos sobre Cataluña. É moi difícil explicar o que sucede en Cataluña, sobre todo se hai unha información, perfectamente orquestrada e difundida masivamente, que repite a diario este tipo de mensaxes: a maioría non está pola independencia; os nenos e nenas están adoutrinados nos colexios; nas manifestacións só participan independentistas; o empresariado está pola unidade con España; a exhibición dos lazos amarelos é unha provocación e non respecta a pluralidade; o 1 de outubro de 2017 (1–O ), día do referendo, houbo unha actitude violenta por parte da xente que quería votar etc. Algúns datos numéricos poden axudar a comprender o que sucede realmente en Cataluña. Adianto que este artigo ten moitas cifras, pero non necesitarás calculadora.

“O 80% dos cataláns queren esa consulta”, manifestaba a xornalista de Monforte Julia Otero o 19 de novembro de 2016 no seu programa en Onda Cero, referíndose á consulta cidadá para desbloquear a situación de Cataluña. E engadía: “Agora a única alternativa é poñer as urnas”. Pero nin PSOE, nin PP, nin Cs, nin VOX queren poñer as urnas para que a xente decida. Por outra parte, unha enquisa do xornal El País, publicada o 24 de setembro de 2017, tamén recollía que o 82% está por un referendo pactado e legal.

700 alcaldes e alcaldesas eran chamados a declarar polo seu apoio á celebración do referendo do 1–O. Daquela, PP e Cs só tiñan dúas alcaldías en toda Cataluña.

43 entidades educativas e sociais, agrupadas na plataforma Som Escola, rexeitaban “a intención de precintar colexios” nas horas previas ao 1–O, ordenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña”, e manifestaban: “queremos abrilos á democracia e ao referendo”. Pola súa parte, a Federación de Nais e Pais de Alumnado de Cataluña denunciaba a “inxerencia xudicial e policial no normal funcionamento do día a día lectivo dos nosos centros”.

1.066 persoas foron atendidas por feridas sufridas o 1–O pola violencia policial, segundo informe detallado da Generalitat, que concretaba tipoloxía da lesión, gravidade e lugar en que foron atendidos. Tamén recollía ese informe que foron atendidos 12 axentes e non 431 como difundiu o Ministerio do Interior.

2.262.424 persoas votaron no referendo do 1–O. Non se puideron contabilizar outros 770.000 votos pola clausura de 400 colexios electorais ou por incautación de urnas pola Policía ou Garda Civil. A pregunta era: “Quere que Cataluña sexa un Estado independente en forma de república? 2.020.144 persoas (90,09%) votaron si; non 176.565 (7,87%); en branco 45.586 (2,03%) e nulos 20.129 (0,89%). Non se trataba só dun pronunciamento sobre a independencia, senón sobre se querían monarquía ou república.

1.000 xuristas de Cataluña asinaban un manifesto no que esixían a excarceración de Jordi Sánchez, presidente da ANC, e de Jordi Xuixart, presidente de Ómnium Cultural, porque a súa situación  "non responde a criterios legais senón a un uso ideolóxico do Dereito que supón a quebra do principio de separación de poderes, o uso partidista da Fiscalía e a vulneración de dereitos fundamentais". Por outra parte, decenas de avogados concentrábanse o 27 de setembro de 2017 ante o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña contra a xudicialización da política e manifestaban que “convocar un referendo non é delito”.

450.000 persoas participaban nunha manifestación en Barcelona o 21 de outubro de 2017 pedindo, entre outras cousas, a liberdade de Jordi Sánchez e Jordi Cuixart e a non aplicación do artigo 155 da Constitución.

70 entidades, agrupadas na Taula per la Democràcia, convocaron a citada manifestación, entre elas UGT, CCOO, USO, Intersindical, Unión de Pagesos, Sindicat de Periodistes de Catalunya etc, que reivindican “o dereito a decidir o seu futuro político do pobo de Catalunya”. A pesar desa realidade plural, case todos os medios de comunicación difundiron que os que votaban o 1–O eran independentistas ou secesionistas, os que convocaban eran organizacións independentistas e os que se manifestaban eran independentistas.

36 inspectores de educación da cidade de Barcelona daban resposta á denuncia (moi difundida) dun inspector que falaba dun  suposto adoutrinamento do alumnado nos centros de ensino. Manifestaban o “Pleno rexeitamento por esa afirmación. Non está fundamentada e responde a un uso totalmente partidista da educación”. A opinión dos 36 inspectores foi moi pouco difundida. Tamén foi silenciada a opinión do Marc Unitari de la Comunitat Eucativa (MUCE) que reúne a sindicatos (USTEC-STEs, CCOO, UGT), Federación de Movementos de Renovación Pedagóxica, asociacións de estudantes, asociacións de nais e pais (Fapac e Fapaes) USOC (sindicato de profesores da escola concertada) etc, que convocou concentracións en defensa do actual modelo de escola catalá.

700 centros educativos, agrupados na patronal de ensino privado de Cataluña, tamén daban a súa opinión, igualmente silenciada: “Rexeita as declaracións de varios representantes parlamentarios ou do goberno do Estado en torno a un pretendido adoutrinamento e incitación ao odio dende as aulas escolares”.

24 premio Nobel –entre eles dez Nobel da Paz– facían un chamamento á “mediación e negociación” nunha Carta aberta a España e Cataluña. Lembraban que o conflito non se iniciou o 1-O, senón “fai sete anos coa invalidación polo Tribunal Constitucional do Estatut de Autonomía de Cataluña de 2010”. Sobre as cargas policiais o día do referendo, a carta fala de “escenas de brutalidade policial, a violencia e uso de balas de goma contra o pobo de Cataluña”. Lembraban tamén os Nobel que en democracias “maduras” celebráronse referendos de autodeterminación en Escocia e Quebec con normalidade e gañou o “non”. Acababan dicindo que “un pobo que se sinte reprimido raras veces desaparece silenciosamente na noite”.

948.233 votos e 34 escanos tivo JxCat nas eleccións ao Parlamento de Cataluña do 21 de decembro de 2017; 935.861 ERC (32 escanos); 195.246 (4) a CUP; 326.360 (8) Cat.en Comú-Podem; 1.109.732 (36)  Cs; 606.659 (17) o PSC e 185.670 (4) o PP.

O 57,77% dos votos tiveron nesas eleccións os partidos que están pola república e 42,22% os monárquicos (Cs, PSC e PP).

69 Deputadas/os (ERC, JxCat e Cat en Comú-Podem; a CUP abstívose porque non contemplaba a vía unilateral de proclamación da independencia) aprobaron unha resolución do Parlamento de Cataluña o 11 de outubro de 2018 pola abolición da monarquía, que consideran unha institución “caduca e antidemocrática”. “Rexeita e condena” o posicionamento do rei Felipe VI no “conflito catalán”, e a “xustificación da violencia” policial o 1–O, que fixo no seu discurso do 3 de outubro de 2017. Reproba os “actos represivos contra a cidadanía”, as “ameazas coa aplicación do 155”, a “xudicialización” da política e a “violencia exercida contra os dereitos fundamentais”. Votaron en contra desa resolución 57 deputadas/os (PSC, Cs e PP).

1.015.355 votos tivo ERC en Cataluña (a candidatura máis votada) nas eleccións xerais de 28 de abril de 2019; 985.340 PSC, 614.738 En Común-Podem, 497.638 JxCat, 477.096 Cs, 200.209 PP, 148.481 Vox, 110.000 Front Republicá.

O 60,4% dos deputadas/os elixidos nas eleccións xerais de 28 de abril de 2019 en Cataluña están pola consulta nun referendo; sobre un total de 48: 15 de ERC, 7 de En Comú Podem e 7 de JxCat (12 o PSC).

5 deputados tivo Cs na eleccións xerais do 28 de abril en Cataluña; 1 o PP e 1 Vox, que representan o 14,5% do total. Fóra de Cataluña, 0 deputados tivo Cs en Euscadi, 0 deputados Vox e 0 deputados o PP (Maroto, Vicesecretario do PP, perdeu o escano en Álava, que gañou Bildu).

3.109 concelleiras/os tivo ERC nas eleccións municipais do 26 de maio de 2019, 2.799 JxCat e 335 a CUP.

0 alcaldías e 59 concelleiras/os tivo Cs en Cataluña nesas eleccións municipais. Cunha política de provocación continuada, Cs perdeu máis de 800.000 votos en 17 meses, pasando de 1.102.099 votos e 36 deputados nas eleccións ao Parlamento de Cataluña, 476.819 votos e 5 deputados nas eleccións xerais de 28 de abril e 298.781 votos en toda Cataluña nas eleccións do 26 de maio. Din que teñen un ascenso continuado. 0 concelleiros tivo Cs en Euscadi nas eleccións municipais despois do “desembarco” en  Alsasua, Errenteria, Miravalles. A operación consistía en chegar nun autobús á praza do pobo, montar un número ante as cámaras de televisión e saír correndo. Todo isto para ter máis votos no resto do Estado. 0 concelleiros tivo Vox en Galiza; 0 concelleiros en Euscadi; 0 concelleiros en Navarra e 0 concelleiros en Cataluña.

1 alcaldía (hai 948 concellos en Cataluña), a de Pontons, concello de 453 habitantes, conseguiu o PP en toda Cataluña.

987.149 votos tivo en Cataluña a candidatura para as eleccións europeas que encabezaba Puigdemont; 766.107 o PSC, 733.401 ERC, encabezada por Junqueras; 298.781 Cs, 292.088 Podem, 178.950 PP e 68.824 Vox.

Máis de 6.000 concelleiras/os dos 787 concellos adheridos á Asemblea de Municipios pola Independencia (AMI), lerán este texto na toma de posesión do 15 de xuño, despois da fórmula legal de xuro ou prometo: "Por expresión democrática da vontade cidadá, manifesto o firme compromiso cos valores da república catalá e declaro que continuarei traballando na construción dunha Cataluña politicamente libre, socialmente xusta, economicamente próspera e territorialmente equilibrada”.

1,6 millóns de turistas visitaron Cataluña, a primeira entre todas as comunidades, no período xaneiro-abril de 2019, un 6,8% máis que en 2018; 1,13 millóns Andalucía e 1,1 millóns Canarias. En total, España recibiu 21,4 millóns, un 4,4% máis que en 2018.

31 postos, sobre un total de 40, tivo a candidatura Eines de País (Ferramentas de País), apoiada pola Asemblea Nacional de Cataluña (ANC), nas eleccións á Cámara de Comercio de Barcelona.

Con estes datos podemos tirar algunhas conclusións:

Hai unha importante maioría a prol da consulta á cidadanía de Cataluña para decidir o seu futuro, que non é só apoiada por independentistas.

As accións de retirada de lazos amarelos protagonizadas polos partidos da dereita, especialmente Cs, son a mellor campaña para que, como reacción, aparezan millóns de lazos nos edificios institucionais, espazos públicos e casas particulares.

Os resultados das últimas eleccións (xerais, municipais e europeas) reforzaron as posicións soberanistas en Cataluña.

As campañas, dirixidas desde Madrid, para que non se mercasen produtos de Cataluña no resto do Estado, foron un fracaso. Os propios promotores tiveron que suspender a campaña cando desde Estremadura, Murcia etc apareceron voces sinalando que eles eran os principais prexudicados porque, en moitos casos, proporcionaban a materia prima a Cataluña.

Tamén fracasou a campaña de illamento de Cataluña. É a comunidade que recibe máis turistas e cun maior incremento, e as prazas do IMSERSO para Cataluña están todas cubertas.

O apoio do empresariado de Barcelona a unha candidatura, apoiada pola ANC, que consegue maioría absoluta nas eleccións á Cámara de Comercio de Barcelona, non é un feito illado.

O desprestixio do Tribunal Supremo vai en aumento. É incomprensíbel que un auto deste tribunal suspenda cautelarmente, por unha banda, a exhumación dos restos do ditador Franco e, por outra, lexitime o golpe de Estado de 1936, situando a Franco  como Xefe do Estado desde “el 1 de octubre de 1936”, cando o lexítimo presidente da República era Manuel Azaña..

Que os gañadores das eleccións continúen no cárcere durante case dous anos, sen sentenza firme; e que os sucesivos gobernos de España  non atendan as recomendacións  de organismos internacionais dependentes da ONU para que se defendan os dereitos humanos, é unha situación incomprensíbel a nivel internacional, que deteriora gravemente a imaxe de España.

Se ditada a sentenza do xuízo do procés, despois do verán, os presos políticos continúan no cárcere, haberá unha importante resposta cívica coa mobilización de millóns de persoas. Poderían convocarse eleccións para elixir un novo Parlament no primeiro trimestre de 2020 cun previsíbel aumento do apoio a posicións soberanistas. Non tería que recuperar o diálogo o goberno de España e resolver o conflito con Cataluña por métodos democráticos, é dicir, coas urnas para que o pobo de Cataluña decida, e non utilizando sentenzas xudiciais para reprimir reivindicacións políticas?