As coalicións son agrupacións con diversos intereses que continuamente precisan renegociar a posición dos seus membros dentro delas mediante acordos que reflicten o control que en cada momento detentan uns actores respecto a outros nunhas relacións de poder que sempre se atopan nun equilibrio inestábel. O feito de compartir intereses comúns cara a un obxectivo xeral por parte dos coaligados non significa a inexistencia de conflitos entre eles.

Igualmente por ser construcións sociais terán que adecuar a súa estrutura á sociedade na que intervén de acordo a cada momento histórico. Formas organizativas válidas para unha estrutura social nun tempo determinado deixan de ser operativas noutros tempos e noutras estruturas sociais, ou sexa para realidades sociais e mapas xeopolíticos actualmente inexistentes

De igual modo hai que ter presente que en calquera tipo de organización unha vez superado un determinado limiar de membros, aparece sempre un acceso diferencial ós recursos organizativos e a confrontación polo control dos mesmos. É unha constante na vida da organización xa que ese control define as posicións de poder real no seu seo. Control non situado exclusivamente nas posicións máis visíbeis da organización, pois o fluxo destes recursos distribúese por toda a organización a través dunha retícula tridimensional con nodos de control nos diversos niveis organizacionais. O control dos nodos máis estratéxicos por parte dos diferentes actores sinalará en cada momento os detentadores do poder da organización. Esta nova situación é a que marca a diferenza entre un movimento orixinario e o partido institucionalizado.

A organización-movimento en fase de institucionalización vaise desprendendo de diferentes asociados

Tendo en conta que un movemento –de modo moi xeral– pola súa estrutura organizativa laxa e pouco xerarquizada ten unha tendencia a ralentizar e incluso abandonar as súas accións logo de pasado un tempo do seu pulo inicial, é polo que algúns movementos evolúen cara a estruturas partidarias. Un partido, pola contra, ten como sinais identificativos unha estrutura forte e xerarquizada, uns principios ideolóxicos diferenciadores doutros partidos e unha finalidade de goberno ou de influír no goberno dun país. O tránsito dun tipo de organización a outro é un continuo a través do cal o partido vaise institucionalizando xa non como un sistema de solidariedade senón de intereses cara a esa estrutura xerarquizada, diversificación organizativa e diferencial acceso ó control dos recursos. E neste proceso, de modo inevitábel a organización-movimento en fase de institucionalización vaise desprendendo de diferentes asociados, parte dos obxectivos das primeiras etapas e formas organizativas, consolidando o novo aparato de poder.

Ignorar, no seo dunha coalición, que un máis acusado fortalecemento das estruturas de partido dalgún dos socios respecto a outros xera novos intereses os cales poden afectar ós equilibrios pactados, impide unha análise correcta da nova situación xurdida sobre todo tendo en conta que unha vez acadado un certo limiar de desenvolvemento institucional a propia organización e os seus intereses constituídos fan que un proceso inverso de regreso ás formas organizativas pasadas sexa inviábel. De aí igualmente, que os reiterados e cíclicos chamamentos a refundacións, restitución duns supostos valores e principios orixinarios ou a reivindicación (no caso de Galiza) da recuperación dun espazo e espírito galego de unidade propio do anterior movimento, fiquen como simples e retóricas declaracións de intencións fronte á organización xa consolidada como partido xerarquizado. Estrutura xerárquica que non ten que remitir necesariamente a un tipo de organización de corte fordista, senón que pode tamén organizarse a través de redes de comunicación máis horizontais en correspondencia á actual sociedade-rede.

A anterior aclaración ten o seu interese para intentar comprender como os conflitos derivados dos intentos do control da coalición En Marea, por un lado polo sector nacionalista Anova e o estatal UP por outro, están en gran medida determinados por ese proceso de institucionalización, xa que a dinámica do partido e a necesidade de englobar novos intereses que a ampliación e a implantación da súas bases territoriais trae aparellada e a inevitábel competición electoral con outros partidos estatais por parte de UP, vai afectar ás súas relacións cos seus socios na coalición galega.

Este proceso de maior fortalecemento institucional por parte do grupo de dirección estatal en relación coas estruturas organizativas máis febles do sector nacionalista de En Marea (privado dun liderado forte) inclinan inevitabelmente o control dos recursos organizativos e o control mesmo da coalición cara ó grupo estatal, independentemente dos propósitos declarados polos actores individuais. Deste modo o rumbo do grupo subordinado ficará fusionado ós obxectivos do grupo principal (fóra dalgunhas concesións de autonomía que non entren en conflito cos fins centrais deste) e será influído inevitabelmente polas expectativas que nas diversas citas electorais xere UP afectando incluso ás decisións que adoptaría a marca galega ante diverxencias xurdidas no seo de UP e os posicionamentos subseguintes entre sectores da marca galega.

Para entender ese equilibrio entre os diferentes subsistemas de En Marea cómpre consideralos na súas distintas dimensións territoriais

No comezo falábase do equilibrio inestábel que existe no seo dunha coalición e como un maior control de diferentes áreas de incerteza pode mellorar ou empeorar a posición dos diferentes socios dentro da coalición. Para entender ese equilibrio entre os diferentes subsistemas de En Marea cómpre consideralos na súas distintas dimensións territoriais no que cada un deles opera, pois a necesidade de englobar diferentes intereses para a captación de posíbeis novos afiliados ou votantes no conxunto do Estado nos grupos de En Marea de implantación estatal levará a redefinir e axustar os seus proxectos políticos a novos escenarios emerxentes. Deste modo, para entender o estatus de Anova e o seu peso na coalición, non se poden obviar as variábeis vencelladas ós espazos compartidos con UP, e os intereses estatais e proxectos políticos deste último.

O reparto no control dos espazos compartidos é unha distribución dependente das posicións de poder que cada socio posúe pois o poder non é unha característica de ningún grupo senón unha relación entre eles e ese poder está conectado ó control dos recursos organizativos que serán ó final decisivos para determinar a preeminencia de feito no seo da coalición e polo tanto a capacidade de situar un proxecto político en posición prioritaria respecto ó dos outros socios.

Se se contempla a coalición En Marea como un sistema cos elementos en relación asimétrica en canto ó control sobre o medio, cómpre coñecer o grao de autonomía de cada unha das partes, ou sexa a súa capacidade para controlar o proceso de intercambio entre os socios e tendo en conta que o par autonomía/dependencia non é un absoluto senón unha cuestión de grao de máis ou menos autonomía duns respecto ós outros. Non se pode esquecer, xa que logo, que cando parte dos recursos esenciais para o funcionamento organizativo dun grupo dependen doutro exterior, a dependencia daquel é inevitábel.

Existe un recurso esencial en calquera organización política que é o de representación, o recoñecemento por parte do público

Existe un recurso esencial en calquera organización política que é o de representación, o recoñecemento por parte do público dun proxecto e marca dun socio sobre os proxectos ou marcas dos outros socios coaligados, que leva directamente a determinar quen controla ese estratéxico recurso da representación: a identificación nun grupo concreto duns determinados comportamentos e valores sociais e políticos. A vinculación do votante coa marca e o seu proxecto indica a autoridade outorgada a ese grupo, a súa lexitimación, resultado da aceptación de significados compartidos polos sectores sociais ós que se dirixe a organización.

A pregunta que haberá que facerse é cal é o proxecto preeminente que delimita as fronteiras identificadoras e que establece con seguridade a representación simbólica dun grupo fronte a outros demarcando sen dúbidas cal é o grupo matriz e cales son as organizacións da súa área de influencia.

Hai tres ámbitos dende onde é posíbel observar a posición que dentro do continuo autonomía/dependencia ocupan os socios de En Marea dentro do ámbito estatal.

Un sería a propia presentación que dende os medios se fai da coalición, tanto ó sinalar o número de escanos adxudicados a cada partido tras unhas eleccións como cando o que se trata é de facer estimacións prospectivas de sondaxes electorais e a súa representación gráfica. A referencia en tódolos casos é a mesma: UP e as súas confluencias (resaltado o posesivo en cursiva) polo que tal exposición leva directamente ó lector a establecer no seu imaxinario, e no imaxinario social, unha escala xerárquica para os diferentes grupos e a situar necesariamente as confluencias, dentro do continuo citado, en posicións que indican maior dependencia respecto do grupo visibilizado.

En referencia á preeminencia do proxecto político do sector nacionalista de En Marea fronte ó de UP e do que dependería a autonomía/dependencia programática, sería bo escoitar as conclusións que no diario Público con data do 29 de abril sobre o resultado das eleccións expuña un referente cualificado dese partido, como Juan Carlos Monedero: “Queda igualmente claro que los intentos de recrear la izquierda fuera de Podemos están condenados al fracaso...En Marea…. Han sido votos tirados a la basura, cuando no había ninguna reclamación de esas fuerzas políticas que no estuviesen recogidas por Unidas Podemos (cursivas miñas). Non fai falla ningunha aclaración para sinalar cal é o lugar subordinado que se lle outorga ó sector nacionalista galego da coalición e en quen hai que delegar a portavocía da representación e defensa dos intereses de Galiza.

A subordinación organizativa e programática sinaladas, e a identificación dos grupos dependentes coa marca de referencia, fica personificada no portavoz acreditado para exercer de representante do conxunto da coalición e para dirixir a estratexia política do conxunto. Nas negociacións que o líder de UP leva a cabo tras as diferentes convocatorias electorais para entrar ou prestar apoio ós gobernos socialistas, os deputados logrados pola confluencia galega suponse parte indivisíbel e propiedade do grupo matriz motivo polo cal entran como un todo nas negociacións, quedando unidos de tal xeito os seus obxectivos ás estratexias e fins de UP.

Os socios dunha coalición están sempre nun equilibrio inestábel

Se regresamos do escenario estatal ó contexto galego e contemplamos os grupos de En Marea, Anova e UP, tamén é posíbel establecer relacións de poder e control nese medio por parte dos socios, ou sexa cal é o grao de autonomía/dependencia de Anova en relación a UP. Ó comezo do traballo indicábase que os socios dunha coalición están sempre nun equilibrio inestábel e que continuamente precisan renegociar a súa posición polo control dos recursos. Estas negociacións danse evidentemente dentro dunha liña temporal durante a cal se van reaxustando as posicións de fortaleza e debilidade de cada unha das partes. Cómpre observalas polo tanto dese xeito e tendo en conta tamén a dimensión espacial, pois as realidades danse nun medio concreto, polo que é preciso considerar tódolos actores, tanto internos a En Marea coma os externos a ela, tal o BNG, que interactúan en Galiza.

No comezo dese proceso, coa irrupción da AGE, cando as estruturas, aínda difusas, non están fortemente consolidadas, as relacións horizontais herdeiras do movemento orixinario semellan ter unha dinámica propia incentivada polas expectativas xeradas polo movemento 15M. Este contexto de menor implantación territorial de Podemos e as escasas expectativas de EU, que mostran un baixo control sobre o medio por parte dos socios estatais da coalición, evidencia a existencia de áreas con altos niveis de incerteza en canto a futuros resultados electorais o que facilitará unhas negociacións máis equilibradas.

A ruptura do ata entón único grupo nacionalista importante xera expectativas de control do voto nacionalista en Anova, que queda escenificado nas manifestacións dun líder de Anova cando proclamou aquilo de: “O Bloque somos nós” non para reclamar ningún dereito de propiedade senón para anunciar a segura captación por parte de Anova dunha parte significativa do voto nacionalista. É neste escenario que se establece entre os sectores estatais e nacionalistas de En Marea un xogo cooperativo que permita unha transferencia de utilidade para transformar unha potencial captación de votos en cotas de poder favorábeis ó espazo nacionalista que logra así nesta primeira etapa unha visibilidade máis ampla. A competencia electoral subxacente entre Bloque e Anova pola captación do voto nacionalista convértese así nun requisito básico para negociacións de cotas de poder ó presentarse Anova ante os seus socios como un representante distintivo do eido nacionalista.

Ocorre por outro lado que a competencia electoral entre os dous grupos citados dáse nun contexto no que o voto nacionalista mostra en xeral unha consistencia estábel a un prazo medio, e considerando que unhas eleccións pódense ver como un xogo de suma cero no que as ganancias dun xogador representan perdas do outro, é posíbel afirmar que a recuperación do voto do Bloque nas últimas eleccións, lonxe aínda de resultados pasados, trae aparellada unha perda na captación de voto de Anova e que consecuentemente vaille restar capacidade para transformar votos en poder colocándoo así nunha posición de desvantaxe nas súas relacións con UP.

O dilema que se lle presenta vai estar delimitado por esa contradición entre negociar cun partido de ámbito estatal para lograr maior control na coalición e á vez competir cun partido nacionalista

As posibilidades de Anova para situarse no lado da autonomía no continuo autonomía/dependencia citado anteriormente e acadar unha maior visibilidade vai depender do resultado dos xogos citados, un de tipo cooperativo nas relacións con UP para lograr máis visibilidade convertendo votos en cotas de poder e outro non cooperativo para captar votos nacionalistas a conta do Bloque. O dilema que se lle presenta vai estar delimitado por esa contradición entre negociar cun partido de ámbito estatal para lograr maior control na coalición e á vez competir cun partido nacionalista, xa que a reclamación de maiores niveis de competencias para Galiza pode entrar en contradición cos intereses estatais de UP noutros territorios do Estado.

Polo lado contrario, rebaixar o contido de reivindicacións nacionalistas ou de implementación de determinadas medidas, significaría a aceptación do liderado de UP, restándolle apoio nacionalista, co resultado da perda de poder negociador na coalición. Vai depender, pois, dos intereses electorais o establecemento das futuras relacións de poder dentro da coalición xa que indicarán quen controla a dirección real da mesma e non o simple feito de autorreferenciarse como “proxecto de confluencia”, “espazo de unidade popular” ou “suxeito republicano galego”.

No referente ás mareas municipais, as autochamadas alcaldías do cambio, a súa operatividade como un todo organizado atópase relacionada coa fortaleza dun concepto da ciencia política que sinala o nivel de consistencia dunha organización, a sistematización, como de interdependentes son entre si os diferentes integrantes da organización xa que unha baixa sistematización trae aparellada unha baixa homoxeneidade entre as partes dunha organización carente dun proxecto de país unificador

Tal baixa sistematización e pouca homoxeneidade queda reflectida nunhas mareas municipais feblemente estruturadas arredor dunhas alcaldías das grandes cidades hoxe desaparecidas e que coa ruptura orgánica de En Marea e a súa fragmentación en dous grupos, deixa tales alcaldías desprovistas dese elemento unificador, conducíndoas a unha desconexión entre as subunidades do sistema e obrigando ós participantes de diferentes afinidades partidistas a optar, colectiva ou individualmente, por novos aliñamentos afastados xa da suposta unidade anterior.

Tendo en conta esta nova realidade, outro escenario posíbel para estas alcaldías sería orientar o súa continuidade a constituírse en movementos electorais locais enfocados case en exclusividade á xestión da proximidade como entidades máis ou menos sólidas que sexan capaces de garantir un reparto de incentivos materiais entre os sectores máis profesionalizados do grupo. Esa orientación localista, non integrada en unidades políticas supramunicipais, colocaríaas, evidentemente, fóra de calquera acordo que puidera darse entre grupos ou partidos con máis ampla implantación territorial. Evidentemente outra saída sería a integración, sexa cal for a fórmula, en calquera outra das organizacións xa existentes.