En Guerra e Paz, Tolstói pon en dúbida a existencia da ciencia militar. “Que ciencia pode haber –pregúntase– nunha acción na que, como ocorre en todas as accións prácticas, nada pode determinarse e todo depende de innumerábeis factores?”

Hoxe deberiamos trasladar quizais esta dúbida á ciencia política e aos politólogos. Acaso alguén foi capaz de predicir, sequera en parte, a traxectoria de Pedro Sánchez? Mesmo a de Podemos ou a de Puigdemont? A verdade é que, a pesar dos centos de millóns que o mundo político gasta en estudos de opinión, no pago de expertos e nos máis prestixiados think tank, o simple feito de que o sucesor dun home como Obama fose un home como Trump colleu de sorpresa a todos.

Acaso alguén foi capaz de predicir, sequera en parte, a traxectoria de Pedro Sánchez? Mesmo a de Podemos ou a de Puigdemont?

Na Idade Media, os reis cría na influencia dos corpos celestes na política. Alfonso X intentaba que a astroloxía lle dese un respaldo científico ás súas decisións. Os gobernantes musulmáns vivían pendentes dos seus astrolabios. Antes de calquera decisión importante e antes de calquera batalla, uns e outros recorrían a un amplo repertorio de horóscopos.

E iso non quere dicir que non fosen homes modernos, senón todo o contrario. Pensar que o futuro estaba escrito no firmamento era un avance fronte á ortodoxia cristiá, por exemplo, un progreso vinculado ao maior prestixio que estaban adquirindo as ciencias físicas.

Tamén hoxe, grazas á ciencia política, podemos coñecer mellor a realidade social e os cambios na opinión pública, pero iso non pode levarnos a confundir tales prospeccións cunha ciencia exacta e a someter a ela a estratexia e a dirección dos partidos.

Grazas á ciencia política, podemos coñecer mellor a realidade social e os cambios na opinión pública, pero iso non pode levarnos a confundir tales prospeccións cunha ciencia exacta e a someter a ela a estratexia e a dirección dos partidos

Como a guerra, en tempos de Tolstói, hoxe a vida política segue determinada por demasiadas variábeis. Se ben é certo que aumentou a capacidade preditiva das sondaxes, tamén aumentou a complexidade social e sobre todo a velocidade á que teñen lugar os cambios.

Pode un partido vivir e crecer hoxe sen gastar importantes cantidades en enquisas? Probabelmente si. Quizais un bo coñecemento da realidade concreta por parte dos seus dirixentes, nacionais e locais, acabe por resultar máis importante.

Vexamos dous casos ilustrativos. En 1991, a cadea alemá Springer e o grupo Prensa Española, editor de ABC, decidiron, despois de realizar importantes estudos de mercado e dunha potentísima campaña publicitaria, poñer nos quioscos o diario Claro, de tendencia sensacionalista. Pese a todo ese enorme respaldo, o periódico durou menos de catro meses.

Segundo caso. Campaña electoral, municipal e europea deste ano. Unidos Podemos realiza un dos seus últimos grandes mitins en Villaverde (Madrid). No barrio viven miles de obreiros que se dedican a fabricar caixas de cambio para os automóbeis e que, neste momento, se senten ameazados pola chegada dos coches eléctricos que xa non precisan desa peza mecánica. Ningún dos oradores fai referencia a esta inquietude. Comentaristas próximos á organización conclúen, a posteriori, que foi esa carencia no discurso a que fixo aumentar a abstención no barrio.

Quizais chegou o momento de pedirlle ás direccións dos partidos con pouco diñeiro e incluso ás dos que dispoñen de bastante que abandonen a fe cega que ás veces depositan na socioloxía cuantitativa e que confíen un pouco máis nos seus propios zapatos.