1.- Empecemos polo nome. Os sectores máis interesados e informados empregan o nome de Marea, pero a maioría social fala unicamente de Podemos. Algo natural, debido á debilidade conxénita do marco informativo galego. Son, en consecuencia, os medios de comunicación de ámbito estatal os que quitan e poñen rei, os que fan popular un nome ou outro. Isto era ben sabido, desde o principio, pola dirección de Podemos, que lle fixo varias concesións electorais ás Mareas, pero esixiu que o nome de Podemos aparecese con claridade en todas as papeletas.

Só este feito xa nos di moito sobre o carácter desta alianza e sobre o perigo que corre calquera forza autóctona que pretenda confluír nese espazo. Nin a voz tronante de Beiras consegue ás veces facerse oír.

2.- Membros do nacionalismo organizado critican, desde o inicio, a Podemos, de todas as maneiras posíbeis, incluídas algunhas inxustas e/ou demagóxicas. Pero así ocorre en todas as batallas políticas, sobre todo cando se compite por un espazo similar. Igual que na guerra, queda pouco sitio para os matices. Con todo, como o propio Pablo Iglesias dixo algunha vez, o contrincante é intelixente e ten tamén as súas razóns. Negalo sen máis, e crernos a caricatura que facemos del, pode levarnos a cometer graves erros políticos.

3.- Hai un voto pragmático e conxuntural a Podemos que se dá, en maior medida, nas tres nacionalidades históricas, movido pola urxencia social e pola situación política a nivel de Estado e que dificilmente cambiará nunhas novas eleccións. Estes votantes pensan máis ou menos así: Quitemos primeiro o PP. Constrúamos unha maioría, aínda que só dure un ano, que sirva para derrogar catro ou cinco leis clave: os últimos cambios do código penal, lei do aborto, lei mordaza, reforma laboral, Lomce, etc. E recuperemos as axudas sociais máis necesarias, como a paga de 426 euros a parados de máis de 52 anos. A soberanía e os dereitos nacionais ben poden agardar ano e medio.

Hai dous sectores que defenden esta postura: os que lle dan a mesma importancia ao nacional e ao social, pero cren que neste momento é máis importante o segundo (Beiras e Anova) e os que recoñecen, en voz máis ou menos baixa, segundo con quen falen, que o vector nacional lles importa bastante menos ou incluso nada (Podemos). 

Tamén hai quen cre que, con Podemos no Goberno ou exercendo unha presión forte sobre el, podería abrirse o debate territorial, que incluiría unha reforma da Constitución, nun sentido máis favorábel ás nacionalidades.

4.- Ao nacionalismo organizado resúltalle difícil contrarrestar, neste momento, os argumentos do punto anterior. Non ten apenas medios nin propostas o suficientemente atractivas e viábeis para cambiar de golpe a situación. Pero iso non implica, de ningún modo, que deba quedar quieto e menos evolucionar cara unha organización antisistema. 

Esperar que o IBEX 35 e os seus medios e partidos instrumentais dividan e laminen a Podemos tampouco é unha opción. En primeiro lugar, por que non é bo que gañe de novo o poder financeiro e, en segundo lugar, polo que imos dicir a continuación.

5.- O problema principal do nacionalismo non é conxuntural, non é Podemos como partido. Podemos pode debilitarse ou desaparecer incluso, pero non así a maior parte do espazo político que representa. Podemos ou algo similar sintetiza os desexos da corrente xeracional chamada a substituír paulatinamente o PSOE. O problema do nacionalismo é que carece da mentalidade adecuada para dirixirse aos menores de 45 anos. A linguaxe do nacionalismo segue sendo, palabra por palabra, a dos anos setenta, incluso a dos seus cadros máis novos. Segue, por exemplo, entendendo as redes sociais como un medio apto unicamente para reproducir consignas! É un problema grave, aínda que non tan difícil de resolver como parece.

O problema principal do nacionalismo non é conxuntural, non é Podemos como partido

6.- O nacionalismo ten así dous labores principais: renovar a súa linguaxe e o seu estilo de comunicación, na liña iniciada por Nós-Candidatura Galega, e actualizar e difundir unha Axenda Propia. 

Nin Podemos, nin as Mareas, inclúen entre os asuntos máis graves a resolver (salvo como mensaxe publicitaria, en función da súa necesidade puntual de competir co nacionalismo) a onda migratoria que a nosa mocidade está a sufrir de novo. Case 12 mil mozos con título universitario tiveron que emigrar de Galiza nos últimos cinco anos, como informou hai pouco Sermos. A poboación galega representa o 6% da española, pero os galegos censados no estranxeiro representan o 20%. “Bótannos, literalmente”, en palabras de Xabier Macías.

Podemos non vai formular unha alternativa seria contra o despoboamento do interior, nin vai activar o Banco de Terras, nin tratará de facer útil o monte, de modo que de paso se eviten incendios e o gasto que xeran, nin vai defender os nosos sectores produtivos clásicos nin ten motivos para pular pola creación doutros novos.

Podemos non vai impedir que sexan empresas foráneas (coa exportación de beneficios que conleva) as que exploten Audasa, o sector enerxético, o de distribución de alimentos ou o de medios de comunicación.

Nin vai defender que ningunha desas empresas, empezando pola ínclita Celulosa, teñan a súa sede e paguen os seus impostos en Galiza, nin vai impulsar a creación de entidades financeiras propias nin dunha banca pública galega que eviten que o noso aforro serva para crear emprego noutros lugares e que aquela persoa que quere montar unha empresa non teña que ir facer cola a Madrid, como en tempos da Restauración, para que lle concedan un crédito. 

Podemos non vai impedir que pechen as nosas explotacións lácteas porque consumimos o leite sobrante francés, nin que algunhas editoras da Igrexa, como Edelvives, empreguen un galego deturpado, mesmo con frases interpoladas en castelán, nos libros de texto, ao tempo que inclúen afirmacións históricas falsas. 

Podemos non vai facer nada disto, aínda que puidese aludir a algún destes aspectos no seu programa, porque xa empezou por non predicar co exemplo. O seu ex secretario xeral galego, Breogán Rioboo, denunciou en varias entrevistas a imposibilidade de ter acceso ao censo de militantes, que está centralizado en Madrid, e outro tanto lles sucede aos secretarios municipais.

Isto non quere dicir, en cambio, que a maioría dos galegos non poidan entender e apoiar unha proposta nacionalista, ben explicada, sobre cada un destes puntos. Nese sentido, o nacionalismo ten, e terá sempre, a posibilidade de ser maioritario. 

Nunca os desbaraxustes e disfuncións que se producen en case todos os sectores, desde a proliferación de eucaliptos até o práctico abandono de varias liñas do ferrocarril interior, van ter remedio baixo o goberno dunha forza estatal. 

E pouco sentido terá xa pedir axudas sociais, subas salariais ou mellores condicións de traballo, se continúan desaparecendo empresas, non se explotan recursos novos e a poboación en idade laboral se ve, en consecuencia, obrigada a marchar. O que nos prepara, no mellor dos casos, a esquerda estatal é, parafraseando o título dun libro de Simone de Beauvoir, unha morte máis doce. 

Hai que lembrar que desde a flota conxeladora até a creación de escolas de enxeñeiros en Galiza, moitas iniciativas foron posíbeis grazas ao esforzo da poboación e de empresarios individuais, non das institucións, e grazas ao aforro desa poboación, vehículizado, naquel momento, a través das caixas. 

O que nos prepara, no mellor dos casos, a esquerda estatal é, parafraseando o título dun libro de Simone de Beauvoir, unha morte máis doce

Boa parte do mellor que se fixo en Galiza nas últimas décadas fíxose grazas ás remesas dos emigrantes e ao sacrificio da forza laboral procedente do campo. É o resultado do esforzo da base social, incluídos algúns emprendedores solitarios, enfrontados e sempre en desvantaxe ante os consorcios foráneos, favorecidos por ambos gobernos. 

O Estado e as institucións dependentes del, Xunta incluída, concederon pensións, construíron institutos e hospitais. Tamén modernizaron de forma visíbel as estradas, pero as comunicacións interurbanas e dentro das mesmas cidades seguen sendo demasiado difíciles, por falta dunha planificación interna. Tampouco crearon apenas estrutura produtiva, incluso desmantelaron a que creara o franquismo através do INI. Pagaron por achatarrar pesqueiros e por pechar explotacións agrarias. O número de explotacións lácteas descendeu de 300.000 a 9.000, nos últimos trinta anos. O Estado contribuíu a que Galiza fose igual ou máis dependente cada vez. Nunca negociou en serio, en Bruxelas, a favor do noso sector naval ou pesqueiro. En todos estes anos non acurtamos distancias respecto a outras comunidades, tanto do propio Estado como de Europa. Non lles importaría que o noso país se convertese nunha pequena reserva turística, gastro-marisqueira (con marisco importado de Francia) e forestal. Da UE, mellor non falar neste momento.

7.- Do punto sexto, dedúcese que non pode existir unha esquerda en Galiza á marxe do nacionalismo. Aínda máis que, como sempre creeu o BNG, nacionalismo é a palabra que usamos en Galiza para denominar o que noutros países chaman esquerda. 

8.- E, non obstante, a existencia de Podemos pode significar un avance. Un avance respecto ás forzas que conformaban o bipartidismo anterior. E iso é algo que cómpre valorar. As novas xeracións que hoxe representan, e que o nacionalismo tamén debe aspirar a convencer, poden ter menos ataduras, defender medidas máis democráticas e ser menos submisas aos principios franquistas que perduraron na democracia até agora. 

Como sempre creeu o BNG, nacionalismo é a palabra que usamos en Galiza para denominar o que noutros países chaman esquerda

Podemos podería ser o PSdeG que nunca chegamos a ter. Unha esquerda estatal moderna e autonomista, ao estilo do PSC na súa época. Iso non é, por suposto, o que necesitamos e esixiríanos unha maior sutileza táctica, pero faría máis plural e un pouco máis favorábel o mapa político e ideolóxico existente na actualidade en Galiza, onde todas as forzas foron, até hoxe, e con algunhas excepcións temporais, recalcitrantemente antigalegas.

Podemos pode representar entre nós un avance democrático, pero que finalmente quedará reducido a un deseño cosmético, desprendido da economía real, se non existe, ao mesmo tempo, un nacionalismo máis forte aínda. O seu dilema será defender o dereito a decidir, como en Cataluña, ou crer, como Buitrón, o seu actual responsábel na nosa comunidade, que Galiza é unha rexión máis de España que non necesita contar cunha voz específica en Madrid. 

É dubidoso, en todo caso, que Podemos teña algún día interese en comprender que o problema que formula o nacionalismo é xustamente social e económico e que a faceta que algúns chaman “identitaria” é, basicamente, o reflexo disto.

9.- O nacionalismo deberá ter, pola súa parte, moi en conta, que somos un país envellecido e pequeno, con algunhas boas potencialidades certamente, pero que se atopa dentro dun marco estatal e europeo pouco favorábel a calquera cambio. E que, polo tanto, cómpre non despegarse da realidade do país, tomándoo sempre como referencia, buscando a maior unidade interna posíbel e procurando administrar ben os recursos, incluídos os políticos, non perdendo, por exemplo, parte das enerxías en batallas tan lexítimas como non prioritarias. 

Podemos pode representar entre nós un avance democrático, pero que finalmente quedará reducido a un deseño cosmético, desprendido da economía real, se non existe, ao mesmo tempo, un nacionalismo máis forte aínda

O que desexe cambiar en algo a sociedade, debe ter en conta, ante todo, dúas cousas: Primeira, a nosa contribución ao mundo virá, sen dúbida, do que consigamos facer aquí. E segunda, todo está en mudanza constante, para ben e para mal, polo tanto non existen razóns para ser especialmente pesimistas. Hai sempre moitas cousas que dependen de nós, do noso esforzo, pero tamén da nosa intelixencia.