Os acontecementos corren pero aínda estamos asimilando a Sánchez. Como pode ser que case ningún comentarista —e hai bastantes— adiviñase o trunfo da moción? Rebobinemos. A chegada de Sánchez non era previsíbel porque ninguén prevía que o PSOE aceptase os votos independentistas cataláns e incluso os de Bildu. Cabía esperar un entendemento con Podemos, despois da frustración social que xerou o desacordo de 2015, pero ninguén esperaba que se rompese o tabú que impide aceptar o voto independentista. Sánchez, coma un bo xinete, saltou a barreira, unha barreira que era unha razón de Estado. E ninguén dixo nada, nin o IBEX que subiu, nin os medios —cando menos mantivéronse a raia—, nin moito menos Europa. Algúns periódicos como El País defenestraron o seu belixerante director en poucos días.

Hai que aludir a esas razóns de Estado, difíciles de definir, difíciles de ver, pero que, como algúns elementos da física, sabemos que existen polos resultados que producen.

Con Raxoi tivera lugar o cambio de director de El País, La Vanguardia e El Mundo; o IBEX, ou unha parte do mesmo, probabelmente o Banco de Sabadell, creara a Ciudadanos: tesourería libre, campaña, despachos. O asunto permanece opaco, até o seguinte golpe de man, até o próximo xiro de guión que saque á luz as malicias de Rivera.

O PP ameaza ruína, din os que dicían algo ben diferente hai poucos días.

O IBEX, ou unha parte do mesmo, probabelmente o Banco de Sabadell, creara a Ciudadanos: tesourería libre, campaña, despachos

 

Non é doado entender todo isto, non sen a clave da razón de Estado. A mesma que fixo abdicar ao anterior Rei e que freou a emerxente campaña republicana.

Hai corenta anos, a esquerda falaba de poderes fácticos: o exército, a Igrexa, a banca. Hoxe, cando menos os dous primeiros, perderon operatividade, piden para si, pero non interveñen tanto no demais. Agora a quen citariamos? Á banca, que permanece e gana influencia; aos medios de comunicación, en boa medida dependentes da banca; e á Xustiza que pasou a ser o órgano da man dura, o último recurso, en substitución do exército. Cambiamos pero non avanzamos. Ou si? Hoxe a Igrexa segue reservándose un sector importante da Educación, o 20% aproximadamente, pero perdeu capacidade de dirección moral. O feminismo, o mundo LGTBI, os dereitos individuais, levan a iniciativa e gañan batallas, incluso legais. O capitalismo non se entende mal coa lóxica dos individuos. Xa encontrará o modo de convertelos en consumidores. A rede da sedución funciona mellor que a da coerción nas condicións económicas actuais, bastante mellores que as de hai corenta anos.

O sistema, outra forma de denominar aquilo que permanece, máis alá dos procesos electorais, e, até certo punto, independente deles, segue aí. A perspectiva crítica dos setenta segue a ser necesaria. O sistema encárnase nos bancos sistémicos e di cales son: Caja Madrid-Bankia si, Caixas galegas non, Banco Pastor non. O sistema determina e dá o pracet. 

Outra proba de que o sistema existe, aínda que non sexa correcto sinalalo, igual que non debemos fotografar a policía, é que ese mesmo sistema fala dos antisistema, incluso de partidos parlamentarios antisistema.

Pero como definilo? Cando dicimos sistema, referímonos só ao sistema legal e democrático, como quixeron dicirnos cando falaban de Cataluña? Ou é a forma baixo a que se articulan as razóns de Estado?

Forzas que sempre actuaron dentro do marco legal foron cualificadas de antisistema e apartadas dos acordos, suprimíndolle algunhas garantías. O sistema debe coñecerse, ante todo, polos seus efectos: os ocupantes simbólicos e pacíficos do Pazo de Meirás acusados pola Fundación Franco. No 2018. Os nacionalismos apartados, a priori, de organismos considerados sensíbeis. Nacionalismos que non levaran á práctica ningún acto independentista. O sistema antes de chegar a un 155, sospeita e estende as súas sospeitas. Como unha ditadura, antes de que se cometa o delito, sinala o sospeitoso. Os nacionalistas son os sospeitosos habituais deste sistema, que deste modo podemos definir como antinacionalista e uniformizador e, aínda con máis precisión, como propiedade das 500 familias que se reparten xerencias e sinecuras e incluso masters. 

Os nacionalistas son os sospeitosos habituais deste sistema, que deste modo podemos definir como antinacionalista e uniformizador

 

A capacidade para sobrevivir dese poder, aínda non desocultado, reside no crecemento das últimas décadas. Hai un crecemento xeral que disimula unha discriminación real. Para uns o supermercado, para outros as finanzas. Uns poden elixir comida, outros fondos opacos. 


Deberiamos ser capaces de definir toda esa materia escura. A sociedade do coñecemento e do Big Data convive con importantes zonas veladas. Hai cámaras para vixiar en todas partes, pero son como uns prismáticos: cando lles dás a volta todo se ve moi pequeno. A vixilancia só funciona nun sentido. Casos como os de Bárcenas, Rodrigo Rato ou Undargarín non son unha rectificación, senón un reaxuste, unha conta que hai que levar a perdas por desgaste, como unha peza rota ou unha máquina anticuada.

Deberiamos ser capaces de definir toda esa materia escura. A sociedade do coñecemento e do Big Data convive con importantes zonas veladas


A opacidade do sistema, que só se manifesta polos seus efectos, como o repentino e guapo Sánchez, é o gran paradoxo da era da información.


Para distinguir a man que opera detrás das cortinas, como nunha vella película gótica, segue sendo necesaria unha teoría crítica, non sectaria, pero tampouco autolimitada.

O sistema, como o ollo divino, escolle os seus momentos para manifestarse. O chío de twitter no que Ana Botín bendiciu a escolla de Nadia Calviño como ministra de Economía foi unha bendición da Virxe ao pastorciño Sánchez.  
  



x