Aínda que pareza un disparate afirmar que o castelán está desaparecendo nas comunidades bilingües, entre elas Galiza, hai que pensar que o deputado de Cidadáns nas Cortes, Toni Cantó, sabe o que di e a quen representa coas súas palabras.

No fondo, o Estado español é case un estado corporativo, no que ostentan un gran poder, quizais boa parte do poder real, as asociacións de xuíces e fiscais, os avogados do estado, os colexios profesionais como o de enxeñeiros e os altos cargos empresariais saídos de selectas escolas privadas. Para todas esas persoas que ocupan, non necesariamente o cumio do poder político, pero si os postos principais da administración e dalgúns grandes grupos (como as construtoras e as eléctricas), a idea centralista de España e a supremacía do castelán non representan un problema no plano das ideas, senón que constitúen un problema real e práctico. A súa inquedanza non está centrada en bandeiras e desfiles, senón nos seus postos ben remunerados, os que lles permiten a eles e as súas familias facer uso, día a día, de hoteis resort, viaxes sofisticados, estudos de elite no estranxeiro e uns cantos luxos superfluos máis.

Cando na administración das comunidades bilingües úsase, cando menos en parte, unha lingua distinta do castelán, cando nunha oposición ou proba simple se lle outorga algún punto ao coñecemento dunha desas linguas, moitas desas persoas mencionadas arriba senten as súas oportunidades limitadas. (Esquezan a idea de que non lles custaría moito aprender algo de galego ou de catalán. A eles o que lles gustaría é ter o inglés como lingua materna, ou case. E, como consecuencia, os “dialectos inventados” en provincias non lles parecen máis que un paso na dirección contraria á lóxica).

O deputado Cantó interveu, falando das linguas, co grado de esaxeración necesario para ser aplaudido polos medios que xogan ao populismo máis extremista.

 

Hai que lembrar que esa elite que aspira a dirixir a sociedade non acostuma a encontrar o posto adecuado en Madrid ás primeiras de cambio. Antes hai que esperar a que se xubile a persoa que ocupa ese posto ou a que a cambien a un destino superior. Mentres tanto, o aspirante debe “foguearse” en provincias, como as compañías de teatro. Até os trinta e tantos anos, os aspirantes a formar parte desa elite vense obrigados a pasar un tempo e coller experiencia en administracións e postos de Andalucía, Galicia ou Santander.

Na primeira e na última non terán problema, salvo o debido a ausencia na súa área do campo de golf adecuado ou talvez porque os horarios e as distancias non lles permitan acudir facilmente o fin de semana a esquiar aos Alpes ou a Sierra Nevada (e isto non é unha nota irónica, senón a realidade cotiá dunha parte da xudicatura, por exemplo).

En Cataluña si teñen problema, de aí en boa parte o conflito actual. Cataluña é un prato moi apetecíbel pola súa potencia económica, a súa internacionalización empresarial, porque conta cos lugares de lecer adecuados e porque ademais está algo máis perto dalgunhas das grandes cidades europeas. Pero ten o problema do catalán e, sobre todo, o de que alí xa existe unha elite propia.

En Galiza, a simple existencia de certa lexislación autóctona, adaptada por certo ás condicións do seu territorio, e a conservación dunha lingua, que non por humilde deixa de ser para eles un estorbo, supoñen dous impedimentos que merecen atención e que podían aínda merecer máis no caso de que volvesen medrar as propostas, non xa nacionalistas, senón mesmo as galeguistas aplicadas en tempos de Fraga e Cuíña. Por iso, en Cidadáns e tamén no PP se está comezando a estudar un proxecto de cambio de lexislación que libere a esa elite de todas estas molestias e que deixe as autonomías ao nivel dunha descentralización simplemente operativa, como a que existiu sempre no exército e nas forzas de orde público.

Nin que dicir ten, por último, que a estratexia de Cantó e Cidadáns compleméntase perfectamente coa de Feixóo, sempre disposto a facer, por exemplo, que eléctricas, como Iberdrola, se sintan cómodas en Galiza

 

(Lémbrese, de paso, que a progresiva recentralización dos últimos anos non só permite que a comunidade de Madrid absorba máis do 70% do investimento estranxeiro, que se nutra da tributación fiscal de empresas radicadas noutros lugares ou que forme parte dos eixos de comunicacións e transportes, conectados con Europa, tanto do chamado eixo Atlántico como do eixo Mediterráneo, o que, de por si, parece xa un despropósito, senón que esa centralización ou recentralización xera incluso beneficios inopinados. Por exemplo, un coche do 091, ao que se lle rompa un piloto, debe ser reparado en Madrid, de onde tarda vinte días en volver, sen que mentres tanto sexa remprazado por outro vehículo).

Trátase así, volvendo ao fío, de defender un mercado único, pero tamén un único escalafón. Por iso, Cidadáns insiste en que todos os españois teñen os mesmos dereitos. Traducindo as súas intencións, significa que queren que a elite que eles representan teña dereito a ocupar –ou incluso a copar– os mellores postos en calquera das provincias.

O deputado Cantó interveu, falando das linguas, co grado de esaxeración necesario para ser aplaudido polos medios que xogan ao populismo máis extremista. Hai que vender titulares. Pero o que está en xogo é algo máis real e concreto, como acabamos de dicir. Cantó non é máis que unha cara que representa a estratexia de Cidadáns e dos seus asesores, de Aznar, e de boa parte dos altos cargos da administración e dalgunhas grandes empresas privadas que tamén poden sentir que nalgunhas autonomías non gozan da mesma protección que en Madrid.

Non é de estrañar que, neste contexto, se lle vexa máis simpatía cara a nosa lingua a varias empresas privadas, cos seus intereses preferentes en Galiza, que ao propio goberno da Xunta

 

Tamén hai que dicir que esa estratexia das novas dereitas é ben vista non só polos altos cargos, senón que se estende e contaxia a postos máis pequenos, como comerciais de empresas medianas ou profesores de instituto que cren que non poderían acceder, en igualdade de condicións, a unha praza nunha autonomía bilingüe.

Nin que dicir ten, por último, que a estratexia de Cantó e Cidadáns compleméntase perfectamente coa de Feixóo, sempre disposto a facer, por exemplo, que eléctricas, como Iberdrola, se sintan cómodas en Galiza. E de aí tamén que os doce deputados do PP, electos nas circunscricións galegas, votasen a favor da proposta de Cantó.

Nas consellarías galegas, e segundo que momento, predominan máis ou menos os altos cargos chegados de Madrid. Unha época de madrileñismo masivo viviuse, por exemplo, na Consellaría de Agricultura, cando a dirixía Carlos del Alamo. Del Alamo, ao deixar o cargo, foi fichado por Ence, exemplo típico de empresa galega con domicilio fiscal en Madrid e cun case pleno de directivos adscritos á casta madrileña (Isabel Tocino, Fernando Abril-Martorell…)

Non é de estrañar que, neste contexto, se lle vexa máis simpatía cara a nosa lingua a varias empresas privadas, cos seus intereses preferentes en Galiza, que ao propio goberno da Xunta. Esa é a gran contradición de Feixóo. Non se pode servir a dous intereses ao mesmo tempo, cando menos cando se trata de asinar un contrato ou unha concesión.

As identidades poden ser conciliábeis (un pode sentirse perfectamente galego e español), pero os intereses acostuman a ser máis excluíntes. Servir, por principio, a Madrid, condena a desertizar cando menos unha parte da economía galega, provoca máis emigración e frustra a moitas persoas capacitadas, que viven en Galiza, e que vén como os cachorros da elite centralista lles rouban case sempre os bos postos. Co engadido de que, en tempos de crise global, hai menos bos postos a repartir e ningún deles é desprezábel. Nese sentido hai que entender os ataques, máis ou menos soterrados, ao PP ourensán. O tempo de vacas fracas obriga a non respectar sequera a parcela dos vellos caciques. O “a por ellos” tamén quería dicir iso.



x