A UPG. É o único partido de Europa que aínda se reserva o dereito de admisión. Para entrar na UPG, un debe ser previamente invitado. No caso de pedir o acceso directamente, a solicitude debe ser aceptada, o que non sempre ocorre. Isto chama a atención nun partido que administra cotas de poder moi pequenas.

Con todo, esta práctica non sería relevante se ás veces non se estendese tamén ao BNG. Un certo coidado na admisión de afiliados parece sensata en calquera parte, pero se é demasiado estrita encerra ao colectivo orixinal en si mesmo, mantén reducida a súa implantación e as súas miras e impídelle saber o que está pasando e como evoluciona cada sector. O vínculo coa sociedade rómpese, en parte, por aí. 

O nacionalismo viviu unha experiencia, en certa medida comparábel, ao comezo da Transición. O sindicalismo nacionalista que estaba nacendo tivo que escoller entre crear un sindicato de cadros ou un sindicato de masas. O primeiro ofrecía máis garantías, o segundo podía xerar moitas contradicións. Un dos promotores púxolle fin ao debate con estas palabras: “Por suposto a maioría dos traballadores que se afilien non serán nacionalistas, pero é mellor que estean con nós que con CCOO ou UGT”. De terse aprobado a proposta de crear un sindicato de cadros, hoxe a CIG non sería a central maioritaria en Galiza. 

Un certo coidado na admisión de afiliados parece sensata en calquera parte, pero se é demasiado estrita encerra ao colectivo orixinal en si mesmo

 

O quintanismo. Anxo Quintana liderou o nacionalismo no momento da historia no que este se encontrou máis próximo de conseguir un cambio real en Galiza, pero fracasou demasiado pronto. Nunha entrevista de hai un ano, o ex vicepresidente declaraba: “Quizais intentei ir demasiado rápido e non lle dediquei todo o tempo que precisaba á xente da organización”. É unha autocrítica que cabe ampliar con algún matiz. Ao redor de Quintana creárase unha corrente, en parte informal, na que cada aspirante a líder territorial condicionaba a súa elección a aceptación do “seu equipo”, por riba doutros criterios como a pluralidade. Algúns candidatos a alcalde quintanistas editaron folletos coa súa fotografía a gran tamaño, pero nos que a sigla BNG había que buscala con lupa. O vínculo coa organización rompeuse, en parte, por aí.

O contrapunto a esta forma de traballar púxoo en práctica Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural, quen reuniu a todos os implicados do sector. Ninguén se tivo que subir a manga para mostrar se levaba algunha sigla tatuada. O equipo de Medio Rural  mostrouse como un dos máis competentes.

Ao redor de Quintana creárase unha corrente, en parte informal, na que cada aspirante a líder territorial condicionaba a súa elección a aceptación do “seu equipo”, por riba doutros criterios como a pluralidade

 

A Marea. Os ríos da conca do Amazonas teñen cores distintas. Cando un río pequeno conflúe con outro máis grande, a súa cor non se mestura, senón que desaparece. O deputado Miguel Anxo Fernán Vello é nacionalista, pero a súa cor non é visíbel no Congreso. Un só deputado do BNG conseguía que o nome de Galiza saíse máis veces que cinco ou seis da Marea. Non se pode ir contra a física nin contra aquel que xestiona a economía do grupo.

O deputado Miguel Anxo Fernán Vello é nacionalista, pero a súa cor non é visíbel no Congreso

 

Conclusión: Unha organización como o BNG debe estar aberta á sociedade. Unha organización como o BNG debe confiar en que os máis competentes son tamén os que se elixen democraticamente. Galiza só se defende con organizacións propias.
 

 



x