A agresividade secular contra a existencia do idioma propio de Galiza preséntase de sempre con argumentos tan vellos como falsos. Pretenden facernos crer que a realidade non é a que vivimos.

Un último exemplo desta teima mostrouna de novo o Partido Popular, que seguindo a Ciudadanos, propón agora prohibir o galego como requisito para o acceso á función pública galega a través dunha Lei orgánica. Precisamente o requisito que debería garantir a liberdade e o dereito de calquera cidadán e cidadá para ser entendida e atendida en galego na administración pública. O que non existe na administración do Estado e que garante a imposibilidade de realizar trámites obrigatorios en galego en facenda ou na seguridade social.

Abertamente falan de prohibir o galego deixando sen efecto o artigo 5 do Estatuto de autonomía que sinala a cooficialidade do  galego como lingua propia de Galiza

 

Xa non hai carautas nin neste tempo de entroido. Abertamente falan de prohibir o galego deixando sen efecto o artigo 5 do Estatuto de autonomía que sinala a cooficialidade do  galego como lingua propia de Galiza, que todos teñen o dereito de coñecer e de usar e obriga os poderes públicos a garantiren o seu uso normal e oficial e potenciaren o seu o emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, indicando que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

Deformación da realidade para prohibir o galego e negarlle todo aquilo co que si conta o castelán a través dun amplo abano de máis de 500 disposicións legais. Non reclaman liberdade. Se o fixesen comezarían por garantir a dispoñibilidade do idioma para usalo e recibilo plenamente en calquera administración pública mais tamén na educación, nos produtos audiovisuais, comerciais, financeiros, seguros, na saúde, na cultura, información pública, e a longa listaxe de espazos onde o noso idioma está excluído.

Regresa Feixó ao ponto de inicio do seu primeiro mandato, o que comezou limitando o galego no ensino

 

Regresa Feixó ao ponto de inicio do seu primeiro mandato, o que comezou limitando o galego no ensino, agora aceptando submiso a pretensión do seu partido de eliminar a liberdade para o galego e renunciandoao artigo 5 do Estatuto e a manter as obrigas e a dignidade do seu cargo renegando do que xurou tres veces para acceder a el.

Renega tamén da ampla listaxe de lexislación e acordos nacionais, estatais ou internacionais a comezar pola Lei de normalización lingüística, o Plano xeral de normalización da lingua galega, a Declaración internacional de dereitos lingüísticos ou a Carta europea das linguas

Acordos e lexislación sen vontade de se cumprir por parte do Estado como veu confirmar unha recente sentenza do Tribunal Supremo respecto da Ordenanza de uso do galego en Lugo que sinala que o galego só pode ter presenza se for convenientemente acompañado e tutelado polo castelán na súa oficialidade, uso por cargos públicos, rotulación municipal e que rexeita que as empresas emprestadoras de servizos públicos deban satisfacer os dereitos lingüísticos das e dos galegofalantes.

Unha sentenza cargada de prexuízos ideolóxicos e desprezo que vén dun órgano do poder xudicial, o que aínda mantén uns altísimos índices de analfabetismo funcional en galego e maior vontade por permanecer nel.

Os prexuízos e o desprezo sobre unha lingua son reflexo dos prexuízos e o desprezo sobre o pobo que a fala e limita a liberdade. A que o galego precisa para existir. A que defenderemos esta cuarta feira 6 de marzo ás 12h diante do Concello de Lugo. #LiberdadeParaOGalego



x