Unitono, empresa de teleatención que empresta servizos para Naturgy, vén de anunciar o despedimento de arredor de 400 persoas entre A Coruña e Ourense. Esta acción implica que Naturgy deixará de atender en galego. O desprezo pola lingua do país do que obtén importantes lucros a través da explotación dos seus recursos enerxéticos ten evidentes consecuencias económicas e laborais. O que acontece con Naturgy xa aconteceu antes noutras empresas do sector. Miles de empregos destruídos.

O Estado español, contra acordos e tratados internacionais ratificados por el mesmo, négase a dar calquera tratamento equitativo ás linguas propias non españolas, incluído o galego. No noso caso co agravante de, perante as discriminacións avaladas e promovidas desde o Boletín Oficial de Estado, non contarmos cun Diario Oficial de Galiza que reduza, aínda con todas as limitacións que ten, os seus efectos.

Deste xeito, máis de 500 disposicións legais obrigan o emprego do castelán, unha parte significativa só para garantir o dereito a recibir información, atención, publicidade sobre calquera produto, de xeito oral ou escrito en español. En galego, no ámbito socioeconómico, só temos recoñecido o dereito a utilizalo mais non a recibilo. No caso dos seguros, onde calquera póliza debe sinalar explicitamente a posibilidade de contar con ela no noso idioma, non se coñece ningunha actuación pública que aclare por que isto acontece en menos do 1%.

Nengunha das miles de vagas ofertadas para funcionariado da Administración Xeral do Estado ten o requisito de galego. Pódese ser funcionario ou funcionaria do Estado en Galiza sen saber e sen entender galego, incluíndo xuíces e xuízas, fiscalía, policía ou garda civil. Porén, aínda hai quen pretenda extender esta incapacidade ás persoas aspirantes á propia Xunta para, supomos, suprimir funcionariado galego e impedir (aínda máis) que a cidadanía use o seu idioma ao se relacionar cos seus servidores públicos.

Se alguén ouviu o coñecido retrouso falaz que nos quere facer escoller entre contarmos con bo persoal sanitario ou que falar galego (como se fose incompatíbel!), debe saber que na Galiza pódese exercer a medicina sen coñecer nada de galego mais que nengún premio nóbel pode exercer no Estado sen acreditar coñecemento de español.

O Estado veta a posibilidade de empregar o galego na administración negando mesmo axudas públicas a quen o fixer. Como exemplos recentes a exclusión do Premio Arquímedes do Ministerio de Ciencia, dotado con 7000€, dos traballos de fin de grao ou de mestrado presentados en galego, ou dos Concellos de Santiago, Teo e Santa Comba de axudas millonarias ao alumeado público por apresentar un só dos documentos en galego.

A Mesa pola Normalización Lingüística ten recibido queixas de persoas incapaces de recibiren un envío postal no seu domicilio porque a empresa de mensaxaría non atopa o lugar indicado co topónimo oficial, único correcto e lexítimo. Aquí o Estado non está para garantir a legalidade.

Os avances tecnolóxicos permiten ver calquera televisión estatal en versión dobrada ou lexendada en varias linguas coa opción de español sempre activa. O galego, agás nas breves desconexións territoriais e na TVG, non existe nin sequera nas canles da televisión pública que tamén pagamos. De posibilidade de accedermos ás televisións portuguesas, malia o contemplado na Carta Europea das Linguas, nada.

Poderiamos continuar. Todos e todas nós coñecemos situacións semellantes en ámbitos diversos. En todas fica patente a desigualdade de dereitos e deberes se quixermos empregar o galego. En todas, a nosa liberdade para vivir en galego está limitada por coaccións antidemocráticas e galegófobas. En todas, as agresións de todos os días serían invisíbeis de non existiren servizos como A Liña do Galego, o único das súas características que existe en Galiza, sostido grazas ás socias e socios da Mesa pola Normalización Lingüística. En todas, que se un milésimo por mil acontecese co español tremería a esquerda e a dereita do hemiciclo do Congreso. En todas que a defensa do galego depende só de nós, do que fagamos e tamén do que votemos para que alguén faga que o BOE deixe vivir en paz a nosa lingua. Reflexionemos.