Sinálame o almanaque no silencio do cemiterio que estou lonxe da alegría da infancia, subliña a ausencia desa alegría, lonxe de  noites cegas nas que rompían a gurgullar luciñas eléctricas máis eternas que se penduraban nos nichos nunha guerra contra as coitadas candeas que non resistían moito tempo, nin coma boias en cuncas con aceite.

Sinálame o almanaque no silencio do cemiterio que estou lonxe da alegría da infancia, subliña a ausencia desa alegría, lonxe de  noites cegas nas que rompían a gurgullar luciñas eléctricas máis eternas que se penduraban nos nichos nunha guerra contra as coitadas candeas que non resistían moito tempo, nin coma boias en cuncas con aceite. Libre a rapazada enredaba, daba chimpos e andar á volta da igrexa era unha festa para xogar á pita cega. Aínda había terra e a terra removíase para recuperar as pegadas das tumbas que o resto do ano pisabamos polo adro e a terra cheiraba e cheiraban as flores e nós nada sabiamos que a vida ía en serio e as nosas mortas e os nosos mortos estaban moi lonxe e procurabámolos detrás das campas onde figuraban os nomes da familia, ás veces non había e os nomes da familia caeran na condena do osario.

"Lembro a alegría desas noites dos anos da infancia no cemiterio de Mosende, a alegría contra o medo, ese medo que nos espertaba de noite por culpa dos espíritos que poboaban os relatos"

Lembro a alegría desas noites dos anos da infancia no cemiterio de Mosende, a alegría contra o medo, ese medo que nos espertaba de noite por culpa dos espíritos que poboaban os relatos de Carme do Monte nos mil oitocentos metros de camiño diario multiplicado por catro para ir á escola, ese medo que no cemiterio co gurgullar das luciñas eléctricas nunca aparecía. Lembro a Pai e mais ao Lito coa escada ao lombo, dun lado para o outro, para con todos aqueles cables lograr a acometida que nos conectase co máis alá, convertendo aquel tendido de luz nunha fraude luminosa e humilde que axudaba, por exemplo, para mercar as novas botas gorila ou roupa de abrigo ou ampliar a cesta no economato de FENOSA. Aquel día Pai e Lito, non eran os cobradores do recibo da luz, tampouco os que andaban ás avarías nas galernas. Eran magos e convertían os portalámpadas en chorimas luminosas. Na casa estaban as castañas, imaxe entrañábel, que con nai xa peliscaramos  para botalas a cocer con néboda e funcho, adormecían na perola os peros, esa froita exquisita, periñas redondas, pequeniñas cocidas en viño tinto e azucre. Non lembro responsos, nin sermóns, nin ladaíñas, lembro como ían medrando os nosos corpos que alcanzaban os nomes dos nichos máis altos dos panteóns e como cada ano tiñamos máis nomes coñecidos, máis campas en que ler, máis choros que nos mataban a infancia, máis loito contra as chorimas de luz. 

Hai tempo que desapareceu a moda do portalámpadas nos cemiterios, vólvese á febleza da candea, á beleza fuxidía da luz e  o pai de Meli, de Puri, o de Ttito, o de Mariflor e o meu pai, teñen os seus nomes escritos no cemiterio de Mosende. Polos cemiterios do mundo espállanse os nomes das nosas mortas e dos nosos mortos e nós debuxamos con tendidos de luz un mapa dos afectos, agora que xa non medramos e que nada hai máis alá do nicho máis alto. 

"Un punto de luz desde Tréveris a Mosende que dá chimpos e xoga á pita cega, aínda que a vida sexa algo serio, para as miñas mortas, para os meus mortos de que herdei paisaxes, linguas e amor"

Nos cemiterios do mundo, no cemiterio de Mosende, neste novembro que desteta como sinala o almanaque, a alegría da rapazada,  a dar chimpos, a xogar á pita cega,  leva no seu sorriso a maxia da luz.

Eu lonxe e perto, no cemiterio de Tréveris no derradeiro día outubro, porei outro punto de luz á beira do nome do meu amigo Woltähr, amante das linguas, da historia, dos tempos dos celtas e dos romanos, admirador e herdeiro de Marx e de Ausonio, músico e trobador da cidade e da patria das estrelas do verán. 

Un punto de luz desde Tréveris a Mosende que dá chimpos e xoga á pita cega, aínda que a vida sexa algo serio, para as miñas mortas, para os meus mortos de que herdei paisaxes, linguas e amor.