Esta é a segunda carta que che escribo neste medio, as circunstancias felices obríganme. Para min es a noticia. Creo que en Galiza, este 26 de maio, o pobo falou moi claro, para darlle a importancia que merecen as eleccións europeas; o pobo sabe que levar Galiza a Europa é importante; observa que é no Parlamento Europeo onde se ilumina a súa identidade. O pobo galego sabe que alí, Ana Miranda, a túa presenza non é unha anécdota, é a nosa voz que se fai oír. O 26 de maio avaliouse e agradeceuse o teu traballo. No ano 2014 nas eleccións europeas e no territorio galego, a coalición en que representabas a Galiza obtivo 80.394 votos; no ano 2019, a coalición Agora Repúblicas da que formas parte recibe 171.500 votos, segundo os meus últimos datos, cando aínda falta por contar o voto exterior.

Detrás destes números hai un traballo enorme: ser parlamentaria en Bruxelas e levar Galiza na cabeza, no corazón e nas mans, para ergueres o berro de franquismo nunca máis, que percorreu coa túa imaxe o mundo, para agarrares as redes da pesca tradicional galega, para defenderes o noso territorio libre de minas en Touro... Desde Nunca Máis á defensa dos dereitos das vítimas do Alvia; ti, Ana, que esixes o esclarecemento do accidente e responsabilidades; ti, a deputada que denuncia en Bruxelas, vetada, á que non lle permiten entrar como público na comisión que vai tratar o caso do tren en Madrid; ti, na pel das vítimas.

Nada de nós che é alleo. Nada da xustiza do mundo che é allea, como o demostran os movementos que agradecen o teu traballo e que mesmo, nalgúns casos, chegaron a pedir o voto, sempre o seu apoio: o pobo kurdo, Rif en España, representantes de Palestina, da Frente Guasú de Paraguai, do pobo Mapuche, de Colombia Humana, de deputados do Parlasur, da parte esquerda da Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana (EuroLat). Non vas nin de turista nin de peregrina polo mundo, non procuras nin a icona para a foto nin a terra prometida. A foto sempre vai na compaña do pobo que se achega para saber, para esixir que a súa reivindicación chegue onde teña que chegar, a terra é a que pisas cos teus pés, aínda en barcos á deriva polo Mediterráneo, por Gaza ou para darlle a man a quen busca un fogar. Iso tamén se nota nas campañas electorais cando veñen de fóra en peregrinación coma turistas a este recuncho porta do Atlántico, onde habita o exotismo de quen nin sobe nin baixa. Ti, nin de turista nin de peregrina, desde Ortegal ao Miño, pola espiña dorsal do territorio, pola Galiza Estremeira, pola Galiza de fóra, trazando isoglosas de identidade pola Galiza Irredenta. Ana, atendendo a todo o mundo, volverás ser a eurodeputada de Galiza e o demais son contos. Xulia, a túa filla, belgalega, foi crecendo en cada comisión do Parlamento, foi rematando etapas con cada nova campaña electoral, sempre nese derradeiro mitin con amor. O teu pai, co orgullo de sentir que es mellor persoa cada día. A túa nai, que nos acompañaba na festa do feche de campaña, xa non pode facelo, o seu pensamento, a súa razón están noutras dimensións; ela, sempre na túa. Filla, pai e nai sempre nas preocupacións dunha muller que tamén ten conta da familia.

 Lembro unha vez que me dixeron e non o puiden esquecer: “Ana Miranda leva a filla coma un bolso”. Quen isto afirmaba non o facía para loar a túa difícil conciliación de nai e política, quen isto afirmaba pretendía que abandonases a “carreira” pola filla; “xa volverá despois”, como se o reloxo que marca os tempos na carreira non contase. Quen isto sentenciou quería que elixises, por muller; non o fixeches e non abandonaches nada; despois de todo, a filla tamén ten un bo pai. Non é o mesmo, aínda non, ser unha muller deputada que un home deputado, como non é o mesmo ser viúva que viúvo, como en moitos casos, non é o mesmo ser filla que fillo, falamos do mundo dos coidados e das súas “responsabilidades”. Falamos da conciencia firme de traballar para un proxecto político e da pertenza a unha comunidade, tamén a Europea, falamos dunha nai que sempre vai ser a filla de Manuela.