Non atopo palabras formais para o inicio desta carta, unha maneira en como dirixirme, un encabezamento, nin tan sequera sei a quen me dirixo, xa que é difícil termos unha imaxe do ausente. Moitas das mulleres da miña xeración crecimos con nenos á beira, nenos que mandaban no parque e tiñan o dominio do espazo que sempre remataba sendo un campo de fútbol, crecimos oíndo como eses rapaces eran animados no seu medrar, en cada centímetro, coa palabra “machote”, a forza e a vigorosidade da masculinidade viña envolta nesa palabra que aborrezo.

“Machote” palabra posítiva fronte a “Marimacho”, só deles era a forza, o vigor, para rubiren montañas, gabearen polas árbores, semellaba que podían conquistalo todo, incluso a selva dos filmes. As nenas parecían condenadas ao estatismo e na mocidade moitas calzaban con tacón e andaban con pasiños máis lentos, un retraso para sempre.

Da infancia quédannos as imaxes que ideabamos dos contos, poderiamos describir Branca de Neve e a madrasta falando co espello, Hanzel, Gretel e a Bruxa

 

Da infancia quédannos as imaxes que ideabamos dos contos, poderiamos describir Branca de Neve e a madrasta falando co espello, Hanzel, Gretel e a Bruxa. Daquela non lle demos importancia nin ao pai que pacta coa bruxa Gothel para lle entregar ao nacer a quen será Rapunzel, nin ao de Hanzel e Gretel que se deixaba levar pola malvada madrasta e do pai de Branca de Neve nunca soubemos onde andaba.

A maioría de nós temos imaxes das nais das amigas ofrecéndonos a merenda, dos pais case sempre a ausencia, nunca estaban nas horas de brincar, chegaban cando volviamos para a casa. A imaxe do pai das amigas era a ausencia. “Machotes” non foron os últimos mozos da mili, os que non libraron por exceso de cupo, coñecín algúns que “volvían feitos uns homes”; de moi nena, coñecín algunhas tamén que non saían os domingos, nin paseaban de ganchete, estrada arriba, estrada abaixo, eran mozas que lle gardaban as ausencias ao mozo na mili ou en Suíza e choraban no salón de peiteado a súa ausencia.

Sei, dalgúns nenos, logo mozos, aqueles machotes, que ían de putas feitos homes, entón, vós, papás, non estades ausentes do conto nin da historia

 

Sei, dalgúns nenos, logo mozos, aqueles machotes, que ían de putas feitos homes, entón, vós, papás, non estades ausentes do conto nin da historia, estabades aí, nas celebracións máis familiares, e isto non acontece só nas novelas do realismo máxico, nin dos filmes. Sei, dalgúns papás, que se gaban de lle apalpar os peitos ás rapazas, de lle botar as mans, de atopalas entre os piñeiros soas, éncheselle a boca mentres falan e animan os seus fillos e lles din que o que teñen entre as pernas é para as nenas, que o que aínda non é de ninguén pode ser de todos e que hai que apurar para catalo primeiro.

Fálovos de tempos pasados, por iso hoxe se multiplican os negocios con tratas de mulleres nas estradas, os anuncios de contactos nos xornais, as agresións, as violacións, lonxe e preto, as mortes de Barba Azul. Fálovos de tempos pasados en tempos modernos e hoxe, pregúntome onde estades vós, papás? Pregúntome isto cando as olladas se dirixen ás vítimas, cando a desconfianza sempre cae na presa dos machotes, cando o desprezo se dirixe ás súas nais por parilos, mesmo ás súas noivas por se deitaren con eles, mesmo ás súas criaturas para desexar que nazan mulleres.

Onde estades vós? Por que nestas historias só sodes pais cando a vítima é a vosa filla? Onde estades vós, papás destes machotes, destes violadores? O foco de atención nunca se dirixe cara vós. A vítima investigada, culpabilizada, calquera movemento seu, baixo sospeita. Os dedos acusadores diríxense sempre ás mulleres, cando socialmente desexarlle unha filla a un violador se converte nunha maldición, cando a vós se vos di, se llo fixeran a unha filla vosa...

Vós, papás, ausentes neste conto, que lles aprendedes? Algo que dicir?

 

As mulleres sempre vítimas e culpábeis, coma nais, de violadas e violadores, coma fillas. Culpábeis que non lles aprenden as fillas prudencia nas saídas, recato no vestir e que caladiñas son máis guapas. Vítimas, deses machotes que pensan que todas as mulleres son putas menos a súa nai, santificada con desprezo. Fillas, premio no remate da festa ou castigo divino se che nace. Vós, papás, ausentes neste conto, que lles aprendedes? Algo que dicir?

[Este artigo foi orixinalmente publicado no semanario en papel Sermos Galiza, na sección E-pistola-río]