A casa está limpa, ventilada, é solleira. Non, a casa está asombrada entre grandes edificios, afogada entre o barullo de fóra, un pouco abandonada, como unha leira deixada de vello onde a herba alta medra. Así espertei esta mañá, con estas frases a romperme a cabeza:  casa encanastrada en mans alleas e alleiras. Falaba da miña casa? Se é así, as palabras “miña”,  “nosa”, que envolven esa posesión que indica querenza desapareceran do soño. Adeus, a “miña” casiña, portelo do meu quinteiro, auga da miña fontiña, sombra do meu laranxeiro. Ailalala, ailalala. 

Que é o que invita a abandonar a casa? Que é o que permite medrar os grandes edificios da contorna? Que é o que provoca que nos mudemos a un andar dos grandes edificios? Que palabra debo empregar para falar desa mudanza: moda, obriga, engano? Onde foi a palabra querenza?  Os soños son só iso soños, ás veces esquecémolos, ás veces semellan tan reais e ás veces deles quedan imaxes ou frases, coas que intentamos reconstruílos. “Casa encanastrada en mans alleas e alleeiras” poden atopala no libro As décadas de T. L.

O que non formaba parte dun soño eran as palabras que os líderes das tres formacións políticas televisivas do estado empregaron esta semana para solicitar a demisión do ministro Fernández Díaz, membro da outra formación televisiva do estado, porque entre a trama, a emboscada ou a manobra secreta, estaba o uso das institucións e os líderes falaron dese uso con fins partidarios por parte do PP, dese uso contra os adversarios políticos. Do que estamos falando é da persecución do goberno do estado contra o independentismo e para isto vale toda estratexia, “a instrumentalización das institucións de todos”, palabras de Sánchez. É moi grave, estou de acordo con Iglesias, que un ministro do interior utilizase as súas competencias e as súas tarefas que teñen que ver coa protección de toda a cidadanía para perseguir a “rivais políticos”. Si, é moi grave, non se trata de simples rivais políticos, como poden ser eles tres, trátase do independentismo, do nacionalismo, algo que vai contra os catro.

Eu lembrei moito estes días o invento de “Resistencia Galega”, moito. Lembrei máis que outros días o meu amigo preso. E non me digan a razón, tamén lembrei os Grupos Antiterroristas de Liberación.

Eu lembrei moito estes días o invento de “Resistencia Galega”, moito. Lembrei máis que outros días o meu amigo preso

Entón fun capaz de identificar os propietarios dos edificios que asombraban a casa, non eran as persoas moradoras da casa quen libremente se mudara aos predios que a asombraban, non eran as persoas moradoras da casa as construtoras deses predios. Esta é a estratexia para alleos e alleeiros, como se se tratase de especular co solo e destruír a casiña, para construír máis do mesmo, edificios altos e iguais para chegaren ao ceo ou, en afán conservacionista, deixar a casiña, a fontiña, o laranxeiro para inmobilizar a identidade, aniquilala, nada mellor que conservala en formol, unha fermosa ruína na paisaxe: a casiña entre os loureiros.

A noticia das conversas telefónicas entre o Ministro do Interior e o Xefe da Oficina Antifraude de Cataluña para fabricar escándalos contra o independentismo catalán e, nomeadamente, contra ERC e CDC, que na CRTVG sufriu unha brutal censura, supón un “escándalo” de alcance internacional. Mais sobre todo deixa ver quen é quen no panorama político do estado español: por que tiveron menos voz nas noticias, na prensa representantes de CDC e de ERC que Rivera, Sánchez ou Iglesias?

Quero máis Franciscos, Guillermes, Carlos, Olaias, Rosanas

Por iso eu, que non quero pasar a vida a soñar, quero converter os soños en vida, desexo que se recupere a palabra “miña” para sumala con “nosa”, con “casa común”, para conseguir restaurala e librala de mans alleas a alleiras. Por iso, reivindico esa forza das vangardas galegas, aquela forza, ilusión e intelixencia dos mozos e mozas novecentistas que mamaran das palabras das Irmandades da Fala, e que sabían que a cultura e con ela vai a identidade non se pode fosilizar, non se pode condenar a unhas poucas liñas na constitución española ou nos programas de formacións políticas alleas ou alleeiras. Non me gusta ver os hórreos galegos nas áreas de descanso das autoestradas, tampouco a súa representación no congreso dos deputados. Eu, como fixen sempre, afastada das modas e da corrente de opinión xerada nos programas televisivos, quero que en Madrid me represente pobo e terra, identidade e forza, células de universalidade, quero que en Madrid estea Galiza, como xa estivo antes e tamén hai agora vinte anos, quero máis Franciscos, Guillermes, Carlos, Olaias, Rosanas. Fronte ás campañas políticas baleiras, os sorrisos falsos e de marketing, reivindico a seriedade e experiencia de Luís Bara, a argumentación de Carlos Callón, a intelixencia de Noa Presas e a forza incansábel de Olalla Rodil. Apoio e reivindico o seu desexo de traballar polo país, unha necesidade para termos voz, para restaurarmos a palabra “querenza” pola casa, por Nós. Reivindico o entusiasmo contra a derrota, a ilusión, o traballo e a festa, con Ana Pontón. Eu, como sempre fixen, votarei BNG. Quero unha casa limpa, ventilada e solleira, unha casa de Nós.