Cen é hoxe, quinta feira, 12 de xuño do 2014, só un número, xa un número. Mais foi un desexo, unha arela da que falamos en aldeas, vilas e cidades, queriamos que o galego volvese aos medios de comunicación envolto en papel. 

Cen é hoxe, quinta feira, 12 de xuño do 2014, só un número, xa un número. Mais foi un desexo, unha arela da que falamos en aldeas, vilas e cidades, queriamos que o galego volvese aos medios de comunicación envolto en papel. Unha tolemia nestes tempos, dixeron algunhas voces, e non lles podemos tirar a razón. Queriamos Sermos Galiza, dúas palabras que nos identifican e que nos delatan. Dúas palabras coas que afirmamos e berramos: Galiza, célula de universalidade. Por iso naceu Sermos Galiza.

"Non vos vou falar de cada unha das persoas do grupo promotor, tan dispares e cunha arela común, só que todas as que aí estamos desexamos que estes cen se convertan en cen millóns e máis alá. Oceano, berramos con Xurxo Souto".

De cando só era un soño lembro momentos de entusiasmo para turrar do desexo e explicalo, momentos nos que país adiante agromaba a Comunidade Sermos protestando contra o difícil que é vivirmos cando se están perdendo dereitos fundamentais, cando se atenta contra a sanidade pública, contra o ensino público, contra os dereitos sindicais, contra o agro e a pesca, contra a lingua, contra tantas liberdades, contra os dereitos da muller a decidir sobre o seu propio corpo, contra a seguridade cidadá que morre na curva de Angrois, contra un mundo sustentábel e máis xusto. Difícil vivirmos cando se empregan tan mal palabras como democracia e, sobre todo, cando na comunicación se instalou o engano e a mentira, cando a manipulación é a estratexia dos novos mercenarios ao servizo do poder. Prensa, unha palabra luxada. Xornalismo ética e verdade en vías de extinción, desde o conflito. E xa botei  man de dous títulos de María Reimóndez, última gañadora do Premio Xerais de novela, entrevistada para este número Cen por Carme Vidal, boto man dos títulos para indicar que as dúas, entrevistada e entrevistadora estiveron, no que foi un soño e hoxe é un número, desde o inicio, porque saben do conflito e non andan na vida con ambigüidades. 

Eu volvería percorrer o país para falarvos da necesidade de Sermos Galiza, sigo crendo nesa necesidade, como hai máis de dous anos, e é difícil nestes tempos de mercado vender Sermos Galiza, como dixo Francisco Carballo, non é un paquete turístico, falabamos do que non se tocaba e do que non se vía, foi case como darlle voz á fe. Lembro de novo a Carballo, el creu en A Nosa Terra, el cre en Sermos Galiza e eu, persoalmente, moito foi o que aprendín con el. Sermos é tamén esa vaca do Carrabouxo, ese humor de quen conta o que ve co seu particular ollo de vidro. Non vos vou falar de cada unha das persoas do grupo promotor, tan dispares e cunha arela común, só que todas as que aí estamos desexamos que estes cen se convertan en cen millóns e máis alá. Oceano, berramos con Xurxo Souto. Cen xa é un número.

"Cen millóns de primaveras con Sermos Galiza, para falarmos desde nós, para nós e levando ese nós polo mundo e traendo o mundo a nós".

Cen millóns de primaveras para Sermos, un novo desexo. Mais xa hai moitos anos que aprendín que os soños non poden ser ideas mortas... E poida que sexa desde a fondura dos soños que non podemos tocar, nin ver, desde onde nos saen as forzas para Sermos Galiza, un pobo que fala e que desexa vivir. Un pobo que escribe e que desexa ser lido. Un pobo que le e que desexa escribir. Poida que vivir sexa o soño. Cen millóns de primaveras con Sermos Galiza, para falarmos desde nós, para nós e levando ese nós polo mundo e traendo o mundo a nós. Porque o alleo na nosa lingua nos pertence. Porque na nosa lingua partillamos o noso co alleo. 

Sei que Sermos non é aínda esa idea que temos na cabeza  e que queremos,  mais só pode seguir camiño agrandándose, multiplicándose, nos puntos de venda, nos sobres de correos que chegan ás casas, pola rede. Amigádevos con Sermos Galiza. Mercade este número cen e, despois de lelo, deixádeo nunha praza, nun xardín, na taberna, no autobús, no tren ou no avión e tirádelle unha fotografía e xogade con Sermos Galiza e descubride o okapi no Courel, o país a fondo. Que voe Sermos e chegue a todas esas raíces elásticas, aéreas galegas que se estenden polo universo. Máis alá.  

Marga do Val