Teño o costume de lembrar datas, de celebrar aniversarios, brindar polas persoas queridas que se foron, evocar ás descoñecidas que me fixeron crecer, gozar coas que labraron co verso e a palabra e agradecer, sobre todo agradecer ás que axudaron a arrombar a casa común, en mans alleas e alleeiras.


Teño o costume de lembrar datas, de celebrar aniversarios, brindar polas persoas queridas que se foron, evocar ás descoñecidas que me fixeron crecer, gozar coas que labraron co verso e a palabra e agradecer, sobre todo agradecer ás que axudaron a arrombar a casa común, en mans alleas e alleeiras. Hoxe Lois Tobío cumpre cento nove anos. Hoxe elíxense as persoas que dirixirán as corporacións municipais. Hoxe visualízanse acordos polo ben común da cidadanía, mais tamén polo ben común de Galiza. Desexo evocar a figura do Lois Tobío diplomático, esa persoa que obrou con sabedoría e intelixencia, para andar e (a)prender Galiza co Seminario de Estudos Galegos, para traballar en aquel anteproxecto de estatuto, para darlle nacencia ao Partido Galeguista. Desexo convocar a súa xenerosidade cando mediou con diplomacia en aquel Congreso da Emigración Galega en Bos Aires. 

"Hoxe Lois Tobío cumpre cento nove anos. Hoxe elíxense as persoas que dirixirán as corporacións municipais. Hoxe visualízanse acordos polo ben común da cidadanía, mais tamén polo ben común de Galiza".

Non vou pensar agora no brillante tradutor, nin no ensaísta ou investigador que nos descobre a figura do Conde de Gondomar, tampouco vos quero traer á memoria ao escritor que nos regalou desde o seu eu unha parte da  (súa) nosa memoria como pobo, méritos de máis para reivindicar para el un día das letras, para reivindicalo, con el, para Gondomar, non vou facer isto, el non mo perdoaría, antes Carballo Calero, un seu irmán.

Insisto quero convocar a súa xenerosidade, a súa diplomacia, o seu sentido común, para Nós, para as persoas que cremos firmemente nesta frase: Galiza, célula de universalidade. Galiza precísanos nos concellos, precísanos transformando país, parroquia a parroquia, precísanos para revitalizar os espazos, para coidar monte e beiramar, para manter os nosos mil rios. Desde Ortegal ao Miño, Galiza para sermos. Son momentos en que cómpre sentar e negociar, activar e reactivar estratexias comúns, sumar, dialogar e pensarmos nesa casa común encanastrada que segue en mans alleas, pensarmos na voz necesaria que nos ten que levar tamén máis alá, máis alá, lembrando que non precisamos de personaxes da opereta madrileña.

"Son momentos en que cómpre sentar e negociar, activar e reactivar estratexias comúns, sumar, dialogar e pensarmos nesa casa común

Galiza, fóra de mans alleas e alleeiros, célula de universalidade, máis alá.

Xa vos dixen que me gustaba evocar datas, agora sabedes que tamén frases de quen me precedeu e berros necesarios. Sentemos Nós. Non é tempo de esfarelar, é hora de coidar da semente e de vivificala. 
Marga do Val