Hoxe hai noventa anos, o 12 de outubro de 1923,  que un grupo de mozos, estudantes da Universidade de Compostela, realizaron unha andaina desde Santiago de Compostela até a casa do Castro, parroquia de Ortoño, no concello de Ames da comarca da Maía, berce da familia paterna de Rosalía de Castro e onde pasara algún tempo de nena; con esta “peregrinación” simbólica e en homenaxe da escritora nacía o Seminario de Estudos Galegos. 

Hoxe hai noventa anos, o 12 de outubro de 1923,  que un grupo de mozos, estudantes da Universidade de Compostela, realizaron unha andaina desde Santiago de Compostela até a casa do Castro, parroquia de Ortoño, no concello de Ames da comarca da Maía, berce da familia paterna de Rosalía de Castro e onde pasara algún tempo de nena; con esta “peregrinación” simbólica e en homenaxe da escritora nacía o Seminario de Estudos Galegos. Segundo conta Lois Tobío na súa biografía As décadas de T. L, que nunca me cansarei de recomendar, foi Wenceslao Requejo Buet, quen lle comentou a proposta de formar un grupo de estudantes de dereito que tivesen interese pola cultura, literatura, arte, a historia e que se reunisen en faladoiros ou nun ateneo. Os primeiros membros do grupo, que se reunían en en xuntanzas semanais nas súas casas por quendas, estudantes de primeiro de dereito, foron Requejo Buet, Lois Tobío, Filgueira Valverde, Ramón Martínez López, Manuel Magariños; logo ampliaron o círculo a estudantes de cursos superiores como Xosé María de la Fuente Bermúdez, Anxel Romero Cerdeiriña e Fermín Bouza Brey, e este último foille coa nova ao profesor Armando Cotarelo Valledor que convocou o grupo na súa casa para deseñar o proxecto, embrión do Seminario de Estudos Galegos.

 “O Seminario viñera ser un catalizador de ideas, sentimentos e arelas que andaban no ar", Lois Tobío

Despois da xuntanza do 12 de outubro, o día 23, de novo no domicilio de Cotarelo asínase a acta fundacional. Non foi un faladoiro, e das xuntanzas nas casas pasouse ás aulas da facultade de historia,  foi unha institución científica e cultural, ligada á Universidade de Compostela que tiña como principal obxectivo o estudo de todas as manifestacións da cultura galega, tendendo á formación dos investigadores e á divulgación do resultado dos traballos, algo ao que o mundo académico era alleo perdido en programas afastados da realidade galega. A nova era saudada na prensa e recibía a adhesión dos homes ligados con Nós e coas Irmandades, o máis recoñecido da intelectualidade galega, á que tamén se sumaba a presenza do arcebispo de Santiago, Manuel lago González. Escribe Lois Tobío: “o Seminario viñera ser un catalizador de ideas, sentimentos e arelas que andaban no ar, da sentida necesidade de unir esforzos e estruturalos a prol do desenrolo da nosa cultura”.

Estruturouse en once seccións que fomentaban as equipas de traballo e o estudo interdisciplinar, e son recoñecidas pola grande renovación que supuxeron as actividades relacionadas coa pedagoxía, lembremos o Método de lectura de Josefa Iglesias Vilarelle, a prehistoria e a arqueoloxía, tamén os estudos etnográficos e folclóricos gabados no mundo académico portugués e alemán. Mais o Seminario tamén se ocupou de aspectos relacionados coas Ciencias Sociais, Xurídicas, e Económicas, que coordinaba o propio Tobío, e non debemos esquecer que foi a institución que redactou en 1931 o Anteproyeito de Estatuto da Galiza, antecedente do Estatuto de Autonomía de 1936, tampouco debemos esquecer que entre os redactores tamén figuraba Carballo Calero. E desde o Seminario tamén se tentou reconducir as investigacións científicas cara ao mundo galego, velaí están os traballos dirixidos por Parga Pondal, coordinador da sección de Xeoquímica, en que colaboraron a licenciada en química, Dolores Lorenzo Salgado, e a licenciada en farmacia, Ampara Arango Fernández, por nomear a algunhas das poucas mulleres con nome que formaron parte da institución. Deste xeito, eran obxecto de estudo o volframio, as areas das praias galegas ou no campo da Bromatoloxía  a composición química do queixos galegos. 

"O Seminario inaugura outro tipo de viaxes, que teñen que ver co estudo e que van ser pioneiras en Europa, unhas verdadeiras “saídas pedagóxicas” que denominaron “xeiras”

Mais se todo comezara cunha viaxe iniciática e simbólica, ao xeito dos homes de Nós, para dotar a Galiza de lugares sacros, onde ir a pé, para sentir o elan vital, o devir, que tanto vai prender nestas xeracións, o Seminario inaugura outro tipo de viaxes, que teñen que ver co estudo e que van ser pioneiras en Europa, unhas verdadeiras “saídas pedagóxicas” que denominaron “xeiras”, que os introducía na investigación desde diversos puntos de vista para remataren nunha análise completa do terreo que pisaban e que obrigaba a múltiples tarefas compartidas, desde fotografaren monumentos para testemuñar e catalogar o patrimonio até realizaren escavacións. Monforte, o Carballiño, o Ribeiro a terra de Melide. 
Moito foi o labor desenvolvido polo Seminario, moito o aprendido, moito o que, de seguro, descoñecemos, moito os proxectos que non se puideron levar adiante por parte dunha xeración destinada a darlle outro futuro a Galiza, mais chegou o 36 e con el o acoso dunha institución que xa tiña fama de “separatista” e da que formaban parta persoas destacadas do mundo cultural e político, que foron asasinadas ou remataron no exilio. Recoméndolles o libro de Isaac Díaz Pardo, Galicia hoy y el resto del mundo, tamén todos os estudos que sobre a historia, acoso e derribo do Seminario de Estudos Galegos ten realizado o historiador Alfonso Mato. En 1940 a biblioteca e fondos do Seminario de Estudos Galegos pasa a formar parte da biblioteca universitaria, en 1943, parte dos fondos, outros xa se perderon polo camiño, pasan Instituto Padre Sarmiento, metáfora da versión esclerótica e folclórica que o franquismo lle dá ao que teña que ver con Galiza, palabra que tamén deixará de se pronunciar e escribir en solitario e con naturalidade. 
Na exposición inaugurada en novembro de 2006 no Auditorio de Galiza en Compostela e comisariada por X. E. Acuña, Memorial da liberdade, xurdía entre a memoria oculta, espoliada e roubada, que o público podía restaurar a placa en mármore co nome que figuraba na sede da institución, “Seminario de Estudos Galegos”, placa que fora abandonada e que chegaba a mans de Díaz Pardo que sabía do seu valor.

"Onde está a placa do Seminario de Estudos Galegos? A quen lle pertencen este nome?" 

Hoxe, cando xa se cumpriron dez anos da morte de Lois Tobío, o último presidente dun novo Seminario de Estudos Galegos que se tentou revitalizar, cando xa morreu Díaz Pardo, cando a xente vai perdendo a memoria e cohabitando nun país alleo a Galiza, esa palabra soberana, perigosa en solitario, pregúntome onde está a placa do Seminario de Estudos Galegos? A quen lle pertencen este nome?  Hoxe, cando o mundo académico e científico segue tan de costas ao país, é preciso pensarmos seriamente se non sería conveniente volver revitalizar esas seccións interdisciplinarias, ese traballo en equipo, que obrigue a unha verdadeira, como daquela, revolución do sistema de ensino, por que hoxe, como daquela, é preciso pensar en Galiza, esa palabra soberana.

Dentro de dez anos será o centenario do Seminario de Estudos Galegos que a súa conmemoración no remate en mans alleas e alleeiras. Que a súa conmemoración sexa a culminación dun proceso cara a esa “Galiza, célula de universalidade”, coa que soñaban aqueles redactores do Estatuto de Autonomía do 36.

Marga do Val



x