Sempre me alegrou chegar á casa de Lois Tobío en Madrid e atopar entre os retratos da familia o de Rosalía de Castro, tiña as súas razóns, as mesmas que teño eu, as mesmas que teñen vostedes, xa que a autora de Cantares gallegos convértenos en fillas e fillos da súa tinta. 

Sempre me alegrou chegar á casa de Lois Tobío en Madrid e atopar entre os retratos da familia o de Rosalía de Castro, tiña as súas razóns, as mesmas que teño eu, as mesmas que teñen vostedes, xa que a autora de Cantares gallegos convértenos en fillas e fillos da súa tinta. Mais naquela sala a imaxe, que calquera de nós pode adquirir hoxe sen ir máis lonxe na sede da fundación que leva o seu nome, tiña alí, á beira das táboas que se gardaban de tantos exilios, outra solemnidade. Rosalía de Castro era parente por liña paterna da familia Tobío, e isto dáballe outra dimensión ao seu rosto, naquel espazo en que se escribiran as décadas do século XX que convertían a Galiza en destinataria desta memoria. 

"O que me moveu a entrar na polémica que cuestionaba a identidade do pai de Rosalía de Castro, foi a amizade e o afecto que manteño vivo por Lois Tobío". 

Hai dous anos, presentei en Caerdydd (País de Gales) no marco do Congreso da Asociación de Estudos Galegos, onde a autora de Follas Novas ocupou un espazo privilexiado, un relatorio titulado, “Rosalía de Castro entre os retratos da familia Tobío”, agora podo dicilo claramente, o que me moveu a entrar na polémica que cuestionaba a identidade do pai de Rosalía de Castro, foi a amizade e o afecto que manteño vivo por Lois Tobío. 

Deixáranme mal o corpo tres artigos publicados no Faro de Vigo no ano 2007 por Xosé Luís Mendez Ferrín, na súa sección “No fondo dos Espellos” cos títulos: “Pómulos famosos: pé de foto” (17 de novembro), “A novela familiar de Rosalía de Castro” (24 de novembro) e “E a lata na que o pámpano coa rosa se alía” (8 de decembro), debaixo do título deste último, engádese: “O verdadeiro pai de Rosalía. (Entrega nº 3)”.

Sabe ben tecer o escritor de Vilanova dos Infantes erudición, fantasía e estilo; incuestionábel a súa calidade literaria, e se ademais elixe partir daquela foto da familia datada en 1884, con Ela, Rosalía de Castro, inmensa no centro, que acariña o can... O desexo de seguir lendo fica garantido. Agardei con interese e lin o segundo artigo. 

"Escribe Méndez Ferrín: “Lois Tobío sucumbiu seguramente á fascinación da novela e convenceu da súa veracidade baixo palabra de honor, á xeración intelectual de 1925”.

Anoxeime polo mal parado que quedaba no escrito a figura do meu amigo, Lois Tobío. Lembrei o Méndez Ferrín que escribe un xusto “Recoñecemento a Lois Tobío”, no libro de Homenaxes a Lois Tobío (Edicións do Castro, 2001), e valora, como en ningún outro lugar aparece escrito, “a súa intelixencia á hora de definir xuridicamente o Consello de Galiza” co termo fideicomisariato. E do Consello de Galiza, sobre todo nos últimos tempos, sabe moito Méndez Ferrín e moito me gustaría que contase.

Agora neste artigo, Tobío, “home serio”, era tamén o que “lle transmitiu todos os elementos infundados da estoria aos seus amigos e irmáns Fermín Bouza-Brey, X. Filgueira Valverde e outros, sábese que no ano 1923”. A estoria é a fabulación da liñaxe por vía paterna de Rosalía de Castro, e estas orixes, foran transmitidas pola súa tía Minia, tal e como Tobío relata en As Décadas de T. L. (Edicións de Castro, 1994). Escribe Méndez Ferrín: “Lois Tobío sucumbiu seguramente á fascinación da novela e convenceu da súa veracidade baixo palabra de honor, á xeración intelectual de 1925”.

Por esta “fascinación”, non está de máis lembrar, os mozos do Seminario de Estudos Galegos, decidiron como xesto simbólico constituír o Seminario na casa de Ortoño, berce do pai de Rosalía de Castro, e até alí foron a pé, o 12 de outubro de 1923.. 

Por que non foron á casa da Matanza? Por que non foron a Adina? Por que non acudir a un lugar emparentado coa nai?  Nin o Tobío, que tiña 17 anos cando se fundou o Seminario, nin o xa andado autor de As Décadas de T. L., nos poderán contestar. As razóns poderían estar na importancia que, non só na vida de Rosalía de Castro, se lle dá á paternidade e á maternidade... 

"Os mozos do Seminario de Estudos Galegos, decidiron como xesto simbólico constituír o Seminario na casa de Ortoño, berce do pai de Rosalía de Castro, e até alí foron a pé, o 12 de outubro de 1923".. 

Tiña mal o corpo por deixarme levar pola amizade ao ler que o mozo de 17 anos era un fabulador? Poida ser. Mais é certo que de mitificacións e de fantasías escritas pola transmisión oral está o mundo cheo. Por iso valoro e aprendín moito coas investigacións serias de Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, sobre as orixes e a infancia de Rosalía de Castro coa súa nai, que a levaron a pescudar nas fontes documentais e até explicar o testamento de José Martínez Viojo, o pai de Rosalía. Por iso valoro e agradezo as investigacións serias de Francisco Rodríguez e a dimensión que nos ofrece de toda a obra e pensamento rosaliano. Por iso tamén desexo unha Rosalía de Castro para o século XXI.

Mais o asunto non podía finalizar aínda e chegou a terceira entrega, a máis literaria, que remataba así:
“Certamente constitúe unha invención esta na que eu identifico Gérard de Nerval como o pai de Rosalía de Castro. Non menor fantasía foi atribuír a paternidade da nosa autora a un crego chamado Xosé Martinez Viojo. José Antonio Durán ten cousas que decer a este respecto”.

Falei con José Antonio Durán,  e o que ten que dicir está nos traballos que ten dedicado á figura de Murguía e nun documental que se titula Sombras sen sombra: Rosalía de Castro

Na nosa conversa insistía Durán en que a historia de Rosalía de Castro era unha historia mal contada, había que ocultar unha relación incestuosa na familia dos Castro, na familia do Pazo de Arretén. Pregunteille entón sobre as razóns que podía ter Lois Tobío para esa invención. Non me soubo dar ningunha. O caso é que agora xa non importa.

Sempre me alegrou ese retrato na sala de Tobío e como a presenza de Rosalía de Castro aboia na escrita da familia. Detéñanse en  As décadas de T. L., e descubran a carta que a parente lle envía a Luís Tobío Campos, pai de Lois, quen mantivo tamén breve correspondencia con Alejandra, cartas doadas polo fillo á Fundación Penzol, que alumean esa relación de familia. Detéñanse nos Anacos de vida dunha muller galega de María Tobío (Edicións do Castro, 2003) e antes de chegaren á emoción que o libro lles vai provocar, fagan parada atenta no Limiar de Kathleen March onde tamén se menciona que o pai de María era curmán de Rosalía por parte dos Viojo, coa naturalidade coa que se viven e transmiten  as historias familiares.

“Un hermano de esta abuela llamado José fué capellan mayor de la colegiata de Iria (y padre natural de la popular escritora Rosalía Castro, de Padrón, esta tal Rosalía tuvo un hermano que murió en la infancia, y está actualmente casada con el historiador Murguía.)”, escribe Luís Tobío Campos

Hai uns poucos anos a Familia Tobío, que ten unha páxina na rede, fixo públicos dous manuscritos de grande importancia da autoría de Luís Tobío Campos, Memorias, que se inicia en 1883 e Crónica de la familia.  A Crónica que comeza en Viveiro en 1905 vai anotando datos significativos da familia, o matrimonio, o nacemento de cada fillo e filla, nove, quen van ter a súa correspondente ficha, en que se dá conta das enfermidades da infancia, do crecemento, do peso e dos seus estudos.  Hoxe xa non se atopan estes textos na rede, eu léraos daquela, inducida pola biografía do primeiro fillo do autor, Lois Tobío Fernández; lin, sen o facer ben, as Memorias que estiveron aí para o público. Hoxe teño copia destes textos pola xenerosidade da familia. Foi o estudo da escrita do Eu o que me achegou de novo a eles, o que me obrigou a determe nas Memorias e ficar abraiada.

Deixarei para outro momento a análise deste texto, en que o autor decide escribir para lembrar os acontecementos máis notábeis da súa vida. Escritas entre o 4 de novembro de 1883, día en que cumpre 23 anos, e 1938, ano da derradeira anotación que fai referencia ao mal estado de saúde, a nota anterior é de 1931, data da súa xubilación;  o autor morre en 1943 en Compostela.  Nas primeiras páxinas, achega o vivido máis importante até 1883, despois escribirá o máis notábel por anos. Comeza o relato baixo o título, “Mi nacimiento y linaje”, e é aquí cando fala dos seus devanceiros cando nos proporciona un dato que eu creo de suma importancia, cando fala da súa avoa paterna que aínda vive, María Josefa Martínez, filla de Miguel Martínez e Manuela Viojo: “Un hermano de esta abuela llamado José fué capellan mayor de la colegiata de Iria (y padre natural de la popular escritora Rosalía Castro, de Padrón, esta tal Rosalía tuvo un hermano que murió en la infancia, y está actualmente casada con el historiador Murguía.)”.

Na anotación que corresponde ao ano 1885 sinala que “el 15 de julio falleció Rosalía Castro Murguía, a quién había visitado en el día de la pascua 5 de marzo en Padrón; la tisis puso fin a los días de la insigne cantora de Galicia. (...) El parentesco que comigo tiene fue causa de que yo procurase conocerla, a cuyo fin le había escrito hace como dos años, a cuya carta contesto. Este día (5 de mayo ) me regaló su retrato y su última obra En las Orillas del Sar”.

Que o pai de Rosalía de Castro sexa José Martínez Viojo, como semella probado,  e que Luís Tobío Campos chegase a visitar a Rosalía de Castro, son datos que non aportan nada novo, mais a existencia dun irmán da poeta morto na infancia, mudaría moito as cousas. Non sabemos o que hai de certo, nestas palabras escritas, tampouco tiña ningunha razón pola que mentir ou fabular, poida que se trabucase e que a súa memoria de 23 anos o enganase. Descoñezo este feito.  

Mais se Teresa de Castro e José Martínez Viojo tiveron outro fillo ademais de Rosalía de Castro, a súa relación era outra e a historia está mal contada. En todo caso, aquí hai un novo dato para quen desexe seguir procurando na biografía de Rosalía de Castro. Eu volverei ler as súas obras, mais quizais agora tamén pense en que non estaría de máis revisarmos o xeito en que se nos foi transmitindo vida e obra, o xeito en que aínda se segue a transmitir, detérmonos nos prexuízos e na moral católica dominante que, tamén, ocultou información. A chuvia enlama a memoria e potencia a imaxinación.